Por Fernando Pérez-Barreiro Nolla (decembro de 2001)
Plácido e Irlanda
Irlanda é un lugar de predilección para o intelecto de Plácido R. Castro e para a súa sensibilidade estética, moral e política. A combinación pouco frecuente destas tres dimensións é unha fonte da riqueza desta personalidade á que a atención de Galicia chega con tanta demora, no centenario do seu nacimento e mais de sesenta anos despois da traxedia colectiva e personal que interrumpeu o que con certeza tería sido una contribución valiosísima ao desenvolvimento político e intelectual do noso país. Chegou a hora de abeirarnos a esa corrente sumerxida da que estamos tan necesitados e que, polas razóns que fose, estivo desaproveitada neses decenios de incerta orzada que van daquela catástrofe á situación actual, que aínda é cedo para calificar. Máis val tarde que nunca, e o pensamento de Plácido Castro aínda pode servirnos hoxe, o que proba tanto a súa fecundidade como que a historia non acabou e que o país e os que nel matinamos temos tarefa abondo diante de nós, e non podemos darnos o luxo de desbotar nada.
Irlanda era tema do galeguismo da xeración de Plácido, pero ninguén tivo a oportunidade de ver esa realidade tan de perto como ele. O correr da vida deste gromo dunha familia de Corcubión anglófila non só por sentimento senón por relacións económicas importantes coa Gran Bretaña e o Norte de Europa xa nos anos de pasaxe do século XIX ao XX –pois Galicia non estaba daquela tan aillada do mundo como a veces din—educouse desde os seis anos na Escocia, primeiro no colexio Scarborough e despois na Universidade de Glasgow. No Reino Unido bebeu nas fontes dunha cultura artística e política moi madura. Vai debalando o esplendor outonizo da época eduardiana e éntrase no abastado inverno da xeorxiana, que terá que atravesar a terrible crise da guerra chamada entón europea. Son os anos da volta ao poder do Partido Liberal, de Asquith e Loyd George, a formación política homónima da que atraía a lealtade familiar dos Castro de Corcubión. E o problema de Irlanda, vello xa de séculos, atea as polémicas e as dificultades da política do Reino Unido, e vai entrando no canle que, có intermedio da guerra do 14, rematará na creación do Estado Libre, a guerra civil irlandesa e a partición da illa. Neses anos Plácido Castro pasa de neno a home. Irlanda ten para el un interese especial. “Para nós, a nación mais interesante do mundo” dirá dela. Plácido entende ao mesmo tempo, como poucos, a perspectiva inglesa do problema, que é a que vive e coñece, e os dilemas do liberalismo gobernante fronte desa problemática. Pero a súa relación con Irlanda ten outros aspectos que van alén da política. No madurecer do seu pensamento galeguista vai chegando á formulación do binomio identidade-universalismo, que é a súa grande aportación ao pensamento –e á práctica—do galeguismo do século XX (non sabemos a influencia que poda ter tido na “Galicia, célula de universalidade” do programa do PG, unha das moitas cousas por estudiar) , e, polo lado da identidade, ancora no celtismo. Chega a velo como alternativa a outras civilizacións no cadro universal. O esplendor do renacemento das letras irlandesas enleva a súa sensibilidade literaria. O teatro, sobre todo, que é sempre unha das súas afeizóns dominantes, encontra praceres e tamén ensinanzas para Galicia na experiencia do Abbey Theatre de Dublín. De todo iso virán as maxistrais traduccións de Yeats e as súas esperanzas no papel do teatro canto ao reforzamento da identidade galega. A crónica das súas viaxes pola Illa para “El Pueblo Gallego” expresa con forza e engado a súa visión de galego en Irlanda, e vai acompañada de fotografías de considerable valor artístico, que lembran por veces a estética dos documentais en branco e preto de John Grierson e os seus sucesores nas décadas seguintes. Merecen comentario aparte esas crónicas. Todo esto configura a estreita e rica relación entre Plácido Castro e Irlanda, tan rica en facetas como a personalidade de quen foi político, escritor e fino acuarelista. Pero aquí imos centrarnos na súa visión do problema político de Irlanda, do que foi agudo observador nun momento decisivo da evolución daquel país, e que poden ser uteis ainda hoxe na nosa reflexión sobre a difícil realidade irlandesa.
As emocións de base
Máis ou menos manifesto, pódese enxergar sempre un tecido emocional na política e mesmo na economía política. O celtismo e a loita dun pobo dependente animan o interés de Plácido por Irlanda. Por outra banda, o cadro institucional e o día a día da vida política británica acordan unha admiración intelectual e emocional tamén nese observador galego que, naturalmente, os contrapón á práctica política da España da Restauración e da Dictadura de Primo de Rivera. O rexeitamento da miseria da vida política peninsular é un dos impulsos do galeguismo, compartillado con outros movimentos ben diferentes pero coincidentes con ele nese noxo pola deturpación moral do sistema político.
Non é fácil para Plácido conxugar esas duas actitudes, pero coidamos que o consigue. Repetindo unha e outra vez que o galeguismo ten que ser liberal fuxe das tentacións autoritarias doutros críticos do sistema español e, polo contrario, apresenta o desenvolvimento autonómico como modelo para a rexeneración das mores políticas da Península. Do lado británico, a súa compresión das institucións e, aínda máis importante, do estilo e a vida pública do país –do Imperio—afástano da anglofobia primordial que inspiraba e sigue inspirando as análises do conflicto anglo-irlandés. Nas emocións políticas placidianas parece como si a afirmación e o desenvolvimento de Galicia fose rematar na dignificación da vida política da Península toda.
Outra rareza de Plácido Castro é a de ser un dos poucos que non recoñece o inglés real no estereotipo que tanto persiste. “Non son fríos nin flemáticos, nin tampouco fieis observadores da lei”, escribe. Fai xustiza así a un pobo esencialmente imaginativo, improvisador e audaz. E con iso rexeita o fácil recurso ao contraste entre uns irlandeses imaginativos e emocionais e uns ingleses racionais, fríos e sin imaginación.
Antes de deixar o tema das emocións convén salientar algo que, ainda que non está explícito nos escritos de Plácido, pódese inferir sen forzar os textos. Subxace a todos os comentarios e as análisis que fai un contraste coas argumentacións da polémica en termos de “separatismo” que dominaba entón na opinión española e que aínda non desapareceu da escena. O que chama a atención é que xa entón, e mais agora, a opinión inglesa e o inglés en xeral non sinten como un insulto ou unha agresión á súa personalidade o feito diferencial de outras comunidades e culturas. Plácido insinúao ao falar de Escocia. Ningún inglés pensa que os escoceses sexan ingleses, nin moito menos. E xa non digamos os irlandeses. Seguramente isto ten moito que ver coa ideoloxía imperial. Interpretouse moitas veces como arrogancia e afastamento, pero leva un elemento de respeito que, evidente nas relacións interpersonais, pódese transferir ás intercomunitarias. Nin que decir ten o importantes que son estes elementos para o dificilísimo problema da sociedade multicultural. Ábrese todo o campo do contraste có integracionismo, máis xacobino, da ideoloxía imperial francesa, e có do imperio español, naturalmente. A intuición desa actitude emocional básica encóntrase en moitas opinións de Plácido sobre a política imperial británica, a evolución dos Dominios, a preferencia arancelaria imperial e outras cuestións semellantes.
A herdanza de Gladstone
Os liberales tiñan voltado ao poder en Inglaterra en 1905, cando a división do goberno de Balfour no debate da reforma arancelaria, levou a Eduardo VII a encargarlle a formación de novo goberno ao lider do Partido Liberal, Henry Campbell-Banermann. As eleccións do ano seguinte déronlle unha gran victoria aos liberais, e Campbell-Bannerman seguiu sendo Primeiro Ministro ata a súa morte , dous anos despois. Seguíronlle no número 10 de Downing Street outros componentes brillantes do seu goberno, Asquith primeiro e despois Lloyd George, xa comenzada a Guerra Europea. Chega Plácido neno ao Colexio Scarborough o ano da morte de Campbell-Bannerman . E xa aos seus dezoito anos asistiu probablemente a unha cea de honra a Asquith, ex Primeiro Ministro por entón, no Clube Liberal da Universidade de Glasgow.
Ao chegar ao poder os liberais traían na bagaxe a herdanza do proxecto de Home Rule ou autonomía para Irlanda que lles deixara Gladstone. O grande Primeiro Ministro da Raíña Victoria “convertírase” á causa autonomista en 1886. O seu proxecto de ley de Home Rule fracasou na Cámara dos Comúns ese mesmo ano e levouno a dimitir, abríndolle camiño aos Conservadores. No seu último goberno, un segundo proxecto de Home Rule foi aprobado desa vez polos Comúns, pero derrotado nos Lores en 1893, e Gladstone dimitiu de novo poucos meses despois, aos oitenta e cinco anos de edade. Quedábanlle catro de vida.
Non están moi claros os motivos da conversión de Gladstone á causa autonómica. Acaíalle moito ao carácter de imperativo ético que lle daba sempre á súa política, pero poden ter influido tamén as iniciativas liberalizadoras do anterior goberno conservador, cando o virreinato de Lord Canarvorn e o entusiasmo de Lord Randolph Churchill abriron vías conciliadoras nos problemas agrarios e educativos de Irlanda, que reclamaban una superación polo lado liberal. Pero foi decisiva, sin dúbida, a alianza de Gladstone có Partido Parlamentario Irlandés liderado por Parnell. O Partido Parlamentario –por estar representado no Parlamento de Westminster e esperar conseguir os seus obxetivos por medios parlamentarios—foi durante todo o século XIX e comezos do XX o portavoz “natural” do autonomismo irlandés. Actuaba, por suposto, na máis aberta legalidade, en contraste coas aventuras conspiratoriais da Irmandade Repúblicana e os Fenianos. Có liderato de Parnell acadou una popularidade enorme, con brillante táctica parlamentaria en pro da autonomía. Tíñase mantido independente, ainda que entrara en tratativas cós persoeiros conservadores de que falamos como máis “proirlandeses”, e incluso con Joseph Chamberlain, que tamén tiña os seus proxectos para Irlanda. O éxito do Partido Parlamentario Irlandés nas eleccións de 1885 foi enorme, ao conseguir máis do doble dos diputados que antes tiña, e gañar en todos os distritos de Irlanda, non sendo o Leste do Ulster e a Universidade de Dublín. Esa forte voz en Westminster, sirveu de apoio a Gladstone para insistir no proxecto autonómico ao chegar ao poder por terceira vez en 1996. A alianza de Gladstone con Parnell provocou moita controversia e acabou por dividir o Partido Liberal, coa separación de Joseph Chamberlain e os chamados Liberais Unionistas. Gladstone e o seu partido foron asumindo a promoción do Home Rule, sobre todo despois do escándalo do adulterio de Katherine O’Shea con Parnell, a loita de Parnell por manter o liderato do Partido, a escisión nas filas deste e a morte do líder en 1891.
Os liberais que coñeceu Plácido Castro na súa xuventude tiñan asumido o compromiso moral de completar a obra autonomista que tanto lle tiña costado a Gladstone. De novo a aritmética parlamentaria tíña favorecido aos seus aliados do Partido Parlamentario Irlandés, reconstituido e dirixido agora por John Redmond, o veto dos Lores tiña sido reducido a un simple poder de demora pola Lei de 1911, e en 1912 Asquith presentou o terceiro proxecto de lei de autonomía para Irlanda. Foi aprobado polos Comúns e enérxicamente rexeitado polos Lores, pero a Cámara Alta xa non tiña máis poderes que os de retrasar por dous anos a entrada en vigor da Ley.
No entretanto, crecía a oposición dos unionistas do Ulster, dirixidos con abelencia por Carson, iban e viñan propostas e contrapropostas de partición da illa, e o problema de Irlanda entraba cada vez máis como uha carta no xogo dos partidos británicos. Asquith non tiña o entusiasmo moral de Gladstone nin estaba tan identificado como o antigo líder coa idea do Home Rule. Pemitiu o armamento dos resistentes do Ulster, non foi moi enérxico cós oficiais amotinados da guarnición do Curragh que declaraban que non intervirían contra os unionistas si chegara o caso, e convenceu a John Redmond da posibilidade de que os condados do Ulster quedasen fora da xurisdicción do futuro parlamento irlandés por seis anos. Así se chegou á guerra europea do 14, e os planos de creación dun parlamento irlandés quedaron adiados ata despois do fin do conflicto bélico. Redmond acabou de desacreditarse facendo campaña polo servicio militar dos irlandeses no exército británico. A impaciencia dos nacionalistas levou a un sector deles ao Levantamento da Pascua de 1916. A brutal e mal pensada reacción do goberno de Londres radicalizou a opinión. En 1918, ao fin da guerra, un novo partido, exclusivamente irlandés, o Sinn Féin (Nós mesmos), caracterizado como independentista e republicano, barréu aos liberais e aos outros partidos, incluido o dos nacionalistas parlamentarios, e declarou o boicot a Westminster. Os diputados do Sinn Féin reúnesen en Dublin e, constituidos en parlamento irlandés (Dáil Éireann) declaran a independencia. O panorama político muda por completo, o Home Rule é xa unha idea do pasado. Lloyd George, Primeiro Ministro liberal desde os días da guerra, consigue a aprobación da Lei de 1920, que establece un Parlamento en Dublin e outro en Belfast, con autonomía limitada. Nas eleccións ao de Dublin gañan outra vez os candidatos do Sinn Féin. Lloyd George negocia cos independentistas, e así se concerta o Tratado de 1922, polo que se funda o Estado Libre de Irlanda. Os sectores nacionalistas que non aceptan oTratado, encabezados por de Valera, provocan a guerra civil, que vai durar ata 1924. De Valera non aceptará a entrada no parlamento do Estado Libre ata 1927 có seu novo partido, o Fianna Fail. En 1932 será Xefe do Goberno. O partido dos antigos defensores do Estado Libre é o Fine Gael. Ambos os dous son ainda hoxe os dous principais partidos irlandeses, a esquerda e a direita, si queremos chamarlles así, en termos moi relativos. Nos anos da xuventude de Plácido Castro goberna en Dublin o Fine Gael.
¿Nós sos?
A evolución histórica que acabamos de reseñar ven ao caso, porque semella craro que nela se inspirou Plácido Castro ao defrontarse cun problema político da Galicia á que tiña voltado en 1930. En 1931 participou na asamblea de constitución do Partido Galeguista e foi elexido membro do Consello Permanente e directivo provisional. Reelexido e confirmado na II Asamblea en 1932, representa en 1933 ao Partido no IX Congreso das Nacionalidades Europeas celebrado en Berna . Ese mesmo ano ocúpase en “El Pueblo Gallego” (26-4-33) dun problema esencial que toca á xustificación da existencia e a estratexia de actuación da nova formación política. E aí pon a rendir Plácido a súa experiencia de Inglaterra e Irlanda. Sostén que as arelas nacionalistas só poden atopar canle axeitado nun partido aparte. Non faltaba quen pensase que a ORGA, por exemplo, ainda que Castro non a cita polo nome, ou algunha resurrecion do republicanismo federal, poderían levar á realidade esas aspiracións. Por tradición familiar e preferencia ideolóxica, Plácido Castro era liberal, e tiña presenciado en Inglaterra con simpatía o decorrer do modelo entón dos partidos liberais europeos, o de Gladstone, Asquith e Lloyd George. A súa simpatía pola causa irlandesa vírase defraudada, sin embargo, como a dos propios nacionalistas irlandeses, polo enguedellamento dos intereses autonomistas có xogo político de Westminster. Para todos eles estaba claro que, sin o arredamento dos diputados do Sinn Féin e a declaración de independencia do Dáil Éireann, por non falar xa do levantamento da Pascua, porque Plácido non se refire a el expresamente e de seguro que lle provocaría outras reflexións, non tería existido o Estado Libre.
“[…] mentres os nacionalistas, mestres de estratexia política, se dedicaron a intervir no xogo político do Parlamento británico, non conseguiron para a súa terra a máis pequena autonomía. Foi preciso o arredismo e o exclusivismo do Sinn Féin para acadar a independencia de Irlanda”.
Ainda que nese artigo non fala Plácido de Irlanda ata o último párrafo, o título, “Nós sos” indica claramente de que se trata. E o artigo remata así:
Non esquezamos o exemplo histórico de Irlanda, que só conseguiu a súa liberdade cando o nacionalismo que interviña na política británica foi aniquilado por un partido cunha conducta que estaba reflectida no seu nome: “Nós sos” – “Sinn Féin”.
“Nós sos” é cómo se traducía entón “Sinn Féin” . Hai quen di que a soedade non entra verdadeiramente nesas expresión, e que sería millor decir “Nós mesmos”. Eu atreveríame a pensar que Castro preferiría ese matiz, porque ninguén insisteu máis que el en que os galegos na política tíñamos que ser “nós mesmos”, pero non estar “sos” nin aillados. Que só como “nación entre as nacións” podíamos ser nós mesmos.
Rexeneración
Hai un argumento que reforza o recurso de Plácido Castro ao exemplo irlandés, ou tal vez máis ao exemplo británico. Nese mesmo artigo de 1933 artéllase una fundamentación moral da intervención independente do galeguismo na vida política, que situa a Plácido Castro e ao Partido Galeguista nun panorama amplo de rexeneración da vida pública.
Comeza o autor por reflexar o desencanto coa República, que era o de moitos cidadáns que puxeran grandes esperanzas na capacidade do novo réxime para ventilar e sanear a vida política.
Os nacionalistas galegos tiveron a esperanza de que, unha vez implantada a República, se desenvolvería a vida política de Galicia nun ambiente de cidadanía superior ó que coñereceran baixo o antigo réxime. Confiaron tamén na sinceridade doutras agrupacións políticas que levaban a autonomía no seu programa e agardaban destes partidos algo máis que a expresión dunha aspiración. Debemos recoñecer, sen embargo, que en ambos aspectos sufrimos unha completa decepción, que se acrecenta ó observar o desprestixio e a desorganización dos citados partidos[…]”.
E dí máis adiante:
En medio da actual podremia da política galega, un partido san nos seus ideais e os seus procedementos, conquistará pouco a pouco a simpatía da opinión pública.
E:
“[…] no actual ambiente político de Galicia é unha honra non ser ‘políticos’, e un motivo lexítimo de orgullo se-lo que somos”.
Hoxe podemos confirmar, lendo esas reflexións de Plácido Castro, que os nacionalismos ou autonomismos da Península teñen unha das súas orixens na toma de conciencia da necesidade de rectificar o curso histórico do país e de instaurar unhas formas de convivencia máis sanas e productivas, máis axeitadas ás realidades sociais e, por conseguinte, máis capaces de satisfacer as necesidades económicas, morais e incluso estéticas dos cidadáns.
Trátase dunha das formas que tomou o rexeracionismo. O descontento coa vida política criada no sistema da Restauración, coa súa artificialidade e desligamento do país real, características sempre propicias á corrupción e á perda do concepto de servicio público, levou ás mellores intelixencias políticas a procurar outros camiños. Algúns remataron no abandono da democracia, simplemente, outros procuraron un nivel máis alto de convivencia. Houbo mozos inquedos na Compostela dos decenios de 1920 e 1930 que, impacentes e incómodos coa política ao uso, dubidaban entre o fascismo e o galeguismo. Aínda que hoxe poda parecer raro, ambos eran modernos e de avangarda.
Plácido encontrou espacio para a súa inquetude e os seus degoiros dunha vida política máis semellante á británica que, ao mesmo tempo, prometese unha nova civilización, no partido dos “bós e xenerosos”. Como dí en “Optimismo nacionalista” (El Pueblo Gallego, 5-12-1931):
“[…] temos o dereito a afirmar que a idea nacionalista é a única verdadeiramente creadora e constructiva, e polo tanto avanzada, no máis amplo sentido da palabra, que na actualidade vibra no ambiente da nosa terra”.
O nacimento dun Estado
Plácido Castro transmitía nos seus artigos o interés e a simpatía con que seguiu o nacimento e a evolución da Irlanda independente. Non temos na obra publicada testemuña directa da súa impresión dos tempos da guerra civil irlandesa e dos comezos do Estado Libre. Pero está clara a fascinación con que vía a criación dun Estado en Irlanda. Tiña moi presente, como se pode ver nos seus artigos, a evolución do Imperio cara unha Comonwealth, na que vía mostras interesantes de solucións graduais e evolutivas do desenvolvimento de nacións diversas cunha experiencia colonial común. Tiña vivido o grande problema político da reforma arancelaria e as preferencias imperais, que tanto afectara ao seu partido afín, os liberais británicos. Si Joseph Chamberlain podía parecerlle culpable da escisión do partido nos tempos de Gladstone pola política deste a pro da autonomía irlandesa, debía simpatizar tamén coa súa política posterior de defesa das preferencias arancelarias dentro do Imperio. Nun artigo de 1930, o ano do seu retorno a Galicia, titulado “Cara ó proteccionismo oficial”, refírese Castro á Conferencia Imperial de 1926 e dí que
“a Comunidade de Nacións Británicas – que se compón […]de nacións autónomas, iguais en categoría, de ningún modo subordinadas unhas ás outras, unidas pola súa común fidelidade á Coroa e libremente asociadas como membros da citada Comunidade– constitue sen ningunha dúbida o máis alto exemplo do liberalismo levado á práctica en tan enorme escala. Demostra a posibilidade da existencia dunha Asociación de Nacións libres que saben facer compatible o internacionalismo có nacionalismo. […] O exemplo do Imperio Británico é neste aspecto dun enorme interés para tódalas nacións e en especial para as que desexan a implantación dun réxime federal, posto que representa unha superación do federalismo. Podería decirse que constitúe o ideal ó que deben aspirar as confederacións de nacións ou de rexións”.
O problema irlandés non sempre encaixou doadamente no camiño da Commonwealth. Houbo sempre un fondo emocional antibritánico do lado nacionalista irlandés, pero non faltaron outras perspectivas máis conciliadoras. Con certeza se advirten nas formulacións do Partido Parlamentario Irlandés, por exemplo. Plácido sabe desa irregularidade e alude a ela, de maneira algo oblicua, no mesmo artigo de 1930:
“Inglaterra tivo a sabedoría de admitir gradualmente cantas reclamacións de independencia presentaron os Dominios. A conferencia de 1926 resolveu nas súas grandes liñas tódolos problemas constitucionais.Mesmo concedeu tácitamente ós Dominios o dereito de secesión, coa consecuencia agardada de que agora que o posúen, todos declararon que non teñen a máis remota intención de exercelo. […] Só Irlanda, por razóns de política interior, segue concedendo algunha importancia ás cuestións meramente constitucionais”.
Despréndese dos escritos de Plácido Castro a súa preferencia, polo menos durante algún tempo, pola solución do Estado Libre. Esa é a Irlanda que visita e na que admira o labor constructivo do goberno de Cosgrave. As esperanzas que Castro acobillaba dunha evolución polo camiño da Commonwealth, na que se conciliarían as súas simpatías irlandesas e autonomistas en xeral coa súa admiración pola política de Londres (sobre a base dun tempero liberal común) non lle impider ver que pode haber algúns atrancos nese camiño. Chámalles, con delicadeza, “cuestións meramente constitucionais”. Pode estar aludindo a problemas como o da recusa ao xuramento de lealdade á Coroa ou o da existencia dun Gobernador Xeral, como nos Dominios, que eran polémicos nos primeiros anos do Estado, pero seguro que non se lle oculta que, agachado tras deles, está o republicanismo. Parécelle difícil entón a Plácido Castro sustituir o papel da Coroa como lazo común da Commonwealth. Semella que, a Coroa apreséntase aquí , igual que noutros aspectos da vida británica no senso máis amplo, como garantía do liberalismo, que é o valor máis importante para Plácido. Esa preferencia de Plácido, republicano en España, non se explica simplemente por unha admiración por case todo o que cheiraba a británico, como pensaron algúns, senon que obedecía a outra lóxica política e vital.
Plácido Castro non perde ocasión de contar e loubar cantos exemplos de liberalismo e conciliación encontra nas relacións anglo-irlandesas. E Cosgrave, Primeiro Ministro do Estado Libre, dalle moitas ocasións para facelo. En 1927, desde Londres, salienta Plácido a colaboración irlandesa na Conferencia Imperial Británica e a ratificación polo Dáil Éireann da política que a ese respecto seguiran os representantes do goberno de Dublin. Ao final da Conferencia, celebrada en Manchester, pronunciou Cosgrave un discurso no que expresou
con retórica optimista, pode ser que excesiva pero grata para as esperanzas de Plácido, o seu firme convencimento de que “os pobos destas duas illas, situadas polo Criador en tan próxima viciñanza na superficie do océano, aínda que tan diferentes en raza e carácter, adicaranse de hoxe en diante a descobrir terreos de común esforzo e de común trunfo, máis que a rebuscar nas páxinas da historia as lembranzas de amargores que deben ficar sepultados para sempre”.
Plácido Castro non só se complace afectivamente nesas afirmacións de Cosgrave, sinón que corre a contarlles aos seus leitores galegos ( “Irlanda, Inglaterra y el mundo”, en El Pueblo Gallego, 12-2-1927) o significado que o “Manchester Guardian” lles atribúe como motivo para aproximar á Gran Bretaña a moitos estadounidenses de orixen irlandesa. E ve Plácido con satisfacción como, poucos meses despois, Randolph Hearst, o grande artífice da prensa norteamericana, ata entón enemigo declarado da política de Londres, declara que a unión moral entre Inglaterra e os Estados Unidos é esencial para garantir a paz do mundo. A perspectiva de Plácido é sempre ampla, o seu norte é a paz liberal, e nese marco vai situando canto acontece, coa esperanza de que Galicia non perda oportunidades de entrar nese camiño.
Aproba Plácido Castro constantemente a política de Cosgrave. A solidaridade monetaria entre Irlanda e Inglaterra parécelle moi prometedora e indicativa do afianzamento dunha futura convivencia pacífica entre os dous países. Aproveita para extrair consecuencias para a teoría do nacionalismo, saíndo ao paso aos receios que poidera haber en Galicia e en España.. O nacionalismo non implica atraso económico, visto que os sectores máis avanzados da sociedade irlandesa desexan criar un grande país industrial, dí xa en 1927, e refírese anos despois como exemplo ao “Shannon Scheme”, o plan hidroeléctrico do río Shannon, e ao desenvolvimento do turismo (un tema moi de Plácido Castro, tamén para Galicia) . Tampouco pon en perigo o nacionalismo as finanzas do país, xa que Irlanda -di- xungueu o seu sistema monetario ao de Inglaterra, o máis sólido do mundo. Nin aumenta u odio entre os países separados; abre o camiño, pola contra, para que esas duas nacións, Inglaterra e Irlanda, xunguidas voluntariamente por razóns ideais e prácticas, desenvolvan no mundo unha política de cordialidade e de paz que antes non era posible.
O Estado Libre cara á maioría de idade
Poderíase decir que estas esperanzas de Plácido Castro aséntanse no liberalismo inglés máis que no patriotismo irlandés. Sin embargo, cando a política irlandesa mostra un pendor de resistencia contra o poderoso veciño, está claro que a simpatía de Plácido vai cara á Irlanda. Non hai que pensar, pois, que a súa fe nunha utopía de convivencia fose estática. Mesmo cando acentúa os valores de tolerancia e comprensión mutua, deixa sempre claro que, no trasfondo, ten que haber sempre unha forma activa de defensa dos propios intereses e de enfrentamento que é o aspecto criativo e dinámico desa convivencia. O entendimento desa tensión criativa vaise reflexando no decorrer das súas observacións, e afástao dun simple desexo utópico de non ver as diferencias nin recoñecer os conflictos. Eso está na base do seu galeguismo e do seu apoio á independencia irlandesa. En 1932, xa en Galicia, cando DeValera leva xa algúns meses na presidencia de Irlanda e reivindica maior independencia, escrebe Castro (“Escocia, Irlanda, Bretaña, Galicia”, El Pueblo Gallego 2-12-1932):
“Irlanda, non satisfeita pola independencia case completa que hoxe goza, arrisca todo o seu benestar económico nunha loita aduaneira e política contra un rival tan formidable como Inglaterra”.
Non esquece Plácido, sin embargo, a súa experiencia directa e a súa admiración polo goberno de Cosgrave. En un artigo algo anterior dese mesmo ano (“Irlanda libre”, El Pueblo Gallego, 19.4.1932) comenta a chegada ao poder de De Valera e, ao tempo que a celebra decindo que é de importancia capital na historia dos movementos nacionalistas, lembra con eloxio a situación anterior:
“Irlanda gozaba desde 1921 dunha independencia prácticamente absoluta e un estado de prosperidade moi satisfactorio nas actuais circunstancias; desde logo máis favorable que o de Inglaterra. Os seus habitantes gozaban dos privilexios dunha dobre cidadanía, irlandesa e británica. O convenio financeiro con Inglaterra foi sumamente favorable a Irlanda, que se librou da terrible carga de débeda nacional e só contraeu o compromiso de pagar un número de anualidades, de tres millóns de libras, para liquidar os préstamos feitos polo Goberno británico aos agricultores irlandeses con obxecto de que adquirisen as terras que traballaban. É dicir, que Irlanda gozaba de tódalas vantaxes da súa independencia, e ó mesmo tempo beneficiábase da súa asociación có Imperio, en canto esta asociación supuña que Irlanda obtiña no Imperio un trato favorable no terreo arancelario e económico; que os seus habitantes eran tamén cidadáns dun conxunto de nacións que ocupan a quinta parte do mundo, e que a súa seguridade nacional estaba garantida por toda a potencia naval e militar do Imperio Británico. Engádase a todo isto que Irlanda estaba rexida por un dos gobernos máis activos e eficientes do mundo, o cal levou a cabo transcendentais reformas na economía do país e cun labor durante dez anos que foi magnífico en tódolos aspectos”.
Sen embargo –escrebe Plácido– “o misticismo patriótico de De Valera triunfou sobre a experiencia e a magnífica historia do Goberno Cosgrave”. Pode ser que simplifique un pouco o contraste entre a política de Cosgrave e o “misticismo”de De Valera, político dos políticos se algún houbo. Dalle gran valor o noso autor, como ponto decisivo nas eleccións, á cuestión de xuramento de fidelidade á coroa británica polos diputados, no que dí que vían os irlandeses unha reliquia intolerable. Despois diso, parécelle que só queda o paso definitivo da transformación do cargo de gobernador xeral , nomeado polo monarca a proposta do Goberno de Irlanda, nun verdadeiro presidente, elexido polo pobo irlandés ou polo seu parlamento. Non tardou en darse ese paso, como Castro prevía, e, desaparecido ese atranco, non lle parece que vaia haber grandes problemas na amistade anglo-irlandesa. O único que lle parece problemático é o desexo de implantar o gaélico como idioma nacional.
“Non é aventurado supoñer que o réxime definitivo de idiomas sexa bilingüe. Fai falta extremar un pouco a política progaélica nestes primeiros anos para salvar o idioma nativo do atraso que padecía. Pero cando estea resucitado e establecido como idioma nacional, non é de esperar unha política de intransixencia respecto do inglés. Os irlandeses hanse de impor o traballo de aprender ambos os dous idiomas, por razóns de conveniencia práctica e cultural, ao se decatar que os beneficios e compensacións resultantes serán unha ampla compensación. […] Coido que o factor lingüístico é transitorio, máis que nada, e non ha ser obstáculo para a amistade dos dous países”.
Ese futuro do gaélico era o soño de De Valera, pero non se cumpleu. Non lle foi difícil ao Presidente e ao Goberno impor o uso do gaélico na vida oficial, pero como lengua de uso no país, fora da reducida e protexida área do Gaeltacht, e dun certo volume de literatura –poesía, sobre todo– non compite, nin moito menos, có inglés. Hai certificados en gaélico, e ao gaélico tradúcense en Bruxelas os documentos da Unión Europea, pero é rarísima unha carta de correspondencia normal nesa lingua.
A violencia
Aínda que poda parecer o contrario, Plácido Castro, tolerante, pacifista e pacífico, non era cego ao papel da violencia na loita irlandesa. Refírese a ela expresamente algunhas veces, lamentándoa. Descríbea con vigor plástico abondo, falando non só dunha guerra que durou virtualmente sete séculos, senón tamén dos anos de 1916 a 1921 en que “o pistoleiro foi o héroe e o árbitro de Irlanda”. O motivo desas evocacións (“Ensinanzas irlandesas”, El Pueblo Gallego, 7-11-1931) foi defender unha vez máis a política de Cosgrave, e en concreto os poderes excepcionais que lle tiña otorgado en 1931 unha lei de defesa das institucións do Estado contra as ameazas dunha conspiración terrorista. A prensa antiautonomista española destacou eso como proba da incapacidade de Irlanda para ser país independente e como “tristes ensinanzas” para os nacionalistas galegos. Plácido invocou en defesa desa lei a situación moral anarquizante que, según el, era culpa do centralismo, e que a Lei de Defensa era un procedimento que tiña seguido tamén a República española, “sin que por esa razón se atreva ninguén a afirmar que España non mereza ser independente”.
O que sí esperaba Plácido Castro – e é unha noble esperanza– era que o sangue verquido fose xa abondo e que con el se tivese gañado un futuro pacífico. Sabemos que non foi así.
O silencio
¿Qué non daríamos por saber o que pensou Plácido Castro do problema político de Irlanda nos moitos anos que lle quedaron de vida privada despois de ter que calar na vida pública? Todo o que levamos comentado escribeuno antes dos 34 anos, por increible que pareza. Morreu aos 65. Nas colaboracións de prensa máis serodias hai temas irlandeses ( o seu encontro con AE (George William Russell) e con Eoin McNeill, por exemplo, a súa amistade con Thomas Esmonde), de carácter literario ou histórico, que nos fan pensar que tería seguido a evolución política daquel país. Hai tamén traduccións e publicacións de tema irlandés. ¿Cánto quedaría de desilusión ou de esperanza naquela mente optimista, pero lúcida? Nada nos tiña dito antes do problema do Ulster, pero non o descoñecería despois. Pecharíase tal vez no silencio, pero é de lamentar que ninguén pareza terse ocupado de incitalo a sair del. ¿Ou non terían conseguido nada os hipotéticos pesquisadores? ¿Ou non no-lo contaron? Quén sabe… Non é doado reconstruir a historia dos silencios.
Incitacións
O tema está aberto. Aquí non podemos facer máis que apuntar algúns temas. Habería que pescudar na biografía de Plácido Castro, na Gran Bretaña e en Galicia. Sería fecundo analisar as dimensións do optimismo placidiano, e ver, por exemplo, a que obedeceu que non vise a diferencia fundamental que no caso de Irlanda decorría do problema relixioso. No problema do xuramento de lealdade á Coroa, que el só ve como constitucional, pero que tiña unha importante dimensión relixiosa. De aí pode vir una das raíces máis fondas da violencia que chega ata os nosos días, ben contra as xenerosas esperanzas de Castro.
Estamos no ano do centenario desta esgrevia personalidade. É boa ocasión de estudala, para facerlle xustiza, máis que debida, e para proveito do país ao que serviu. E para ver de entender e compensar o silencio.
Fernando Pérez-Barreiro Nolla é membro do Consello Asesor do IGADI