Plácido Castro, nacionalista adiantado ó seu tempo

Plácido Castro, nacionalista adiantado ó seu tempo

Francisco Fernández Rei

Antes de nada quero agradecerlles ós organizadores deste acto a invitación que me fixeron para poder participar na presentación desta escolma xornalística de Plácido Castro. E ó mesmo tempo quero darlle publicamente os meus parabéns á Fundación Plácido Castro, e en particular a Xulio Ríos, polo indesmaiable esforzo feito no estudio e na divulgación do fondo compromiso que tivo con Galicia Plácido Ramón Castro del Río, “un gran descoñecido en Galicia, incluso para moitas persoas que, en boa lóxica, deberían coñecelo por estar próximos ó seu ideario”, como sinala Xulio Ríos no comezo do amplo prólogo da obra que presentamos.

O descoñecemento de aspectos destacados da súa biografía mesmo lle foron ocultados á súa familia máis directa, como algunha vez me comentou a súa filla Susi Castro Sineiro, Presidenta da Fundación, que foi descubrindo anos despois da morte do seu pai moitos aspectos dos que el nunca falaba diante dos fillos.

Na miña intervención voume referir, en primeiro lugar, a algúns aspectos da súa biografía para logo centrarme no contido da escolma de textos obxecto deste acto, que estivo precedido pola inauguración nesta mesma sala da mostra Plácido Castro. O Compromiso cunha Galiza universalista, elaborada por Xavier Camba e Luís Rei Núñez.

1. Plácido Castro naceu en Corcubión en xaneiro de 1902, no seo dunha familia moi acomodada, e morreu en Cambados en xullo de 1967. Formado en Glasgow e en Londres, este humanista que, entre outras cousas, foi traductor, xornalista, astrónomo, músico e profesor de inglés nos últimos anos da súa vida, promoveu en 1936, con Álvaro de las Casas, a Asociación de Escritores Galegos. Antes fora membro das Irmandades da Fala da Coruña, participara na asemblea de constitución do Partido Galeguista e fora membro do seu Consello Permanente e Secretario de Relacións Internacionais do Partido, no que tanto loitou pola proxección exterior de Galicia.

Formou parte da delegación galega que asistiu en 1933 ó IX Congreso de Nacionalidades Europeas celebrado en Berna onde, como el mesmo contou nun artigo de El Pueblo gallego, que se recolle nesta escolma xornalística, “por primeira vez na súa historia Galicia concorreu con personalidade propia a un Congreso internacional”. E nos anos 40, cando fuxiu a Londres para traballar como locutor na BBC, nesta prestixiosa canle tiña un programa en inglés, en castelán e en galego, onde falaba da nosa cultura no noso idioma e onde verquía ó galego poemas de autores de lingua ingles.

Home dunha fonda visión universalista de Galicia, a súa foi unha total entrega entrega á causa galeguista, antes e despois da guerra civil, aínda que na posguerra o seu carácter humilde e reservado fixo que pasase practicamente desapercibido ese seu labor para os nacionalistas. No seu desterro en Vigo, despois de 1936, contactou con galeguistas como Paco del Riego, cos irmáns Álvarez Blázquez e con Xaime Illa, con quen fundaría a editorial Sept. Cando en 1956 volve de Londres e se instala en Cambados, coincide con Celso Emilio Ferreiro en diversos xantares da Festa do Albariño e debeu asistir ós pregóns que galeguistas como Otero Pedrayo e, especialmente, Cunqueiro deron nesa mesma Festa. E supoño que sería un dos que cantaría o Himno Galego nos anos 60 nas sobremesas do xantar oficial da Festa do Albariño no cambadés pazo de Bazán, -en presencia de falanxistas e diversas autoridades franquistas-, feito que aparece recollido tanto na prensa galega como na madrileña e na catalana. Ademais, Plácido Castro, xunto con outros galeguistas, impulsou a Romería Viquinga de Catoira.

Teño que recoñecer que ata non hai moito practicamente o ignoraba todo deste nacionalista, do que non sabería dicir se se trata dunha persoa automarxinada ou máis ben marxinada. Se cadra o descoñecemento xeral da súa obra débese ós dous factores á vez, ó feito de el permanecer relativamente en silencio, á marxe do galeguismo político e cultural dos anos 50 e 60; e tamén, posiblemente, a que os responsables do galeguismo non o animaron a escribir algún ensaio sociopolítico ou sociocultural sobre temas de interese sobre os que Plácido Castro podía achega-la súa experiencia, como puido ser unha reflexión sobre Galicia e o seu futuro en Europa. Non son eu persoa autorizada, en absoluto, para dar resposta ó tema da posible (auto)marxinación, entre outras cousas, porque é unha figura que aínda estou a descubrir.

Cando hai uns catro anos lin no xornal electrónico Vieiros a noticia de que se ía crear unha fundación dedicada a Plácido R. Castro del Río, chocoume que un dos promotores fose o Concello de Cambados. Preguntábame que tiña que ver coa vila de Cabanillas ese galeguista que eu, de xeito moi vago, asociaba cos Villar Ponte e con algunha traducción de Yeats, pero do que, en realidade, nada sabía.

Despois de que a Fundación botase a andar e logo de ler diversos artigos na prensa de Xulio Ríos, decateime de que ese Plácido R. Castro del Río, efectivamente, tiña relación con Cambados. Que era D. Plásido o Inglés, ou máis ben O Inglés, como na vila lle chamaba moita xente e como aínda segue sendo na memoria dos máis vellos. Así e todo, para min e para xente da miña idade era simplemente o pai dos ingleses, o pai de dous xemelgos chamados Ramón e Antonio, cos que eu tiña enredado e dos que eu oía dicir que naceran en Inglaterra. Falando hai meses coa súa filla Susi Castro, comentábame que moi probablemente os nomes dos seus irmáns xemelgos eran unha homenaxe ós irmáns Villar Ponte (Ramón e Antón), cos que Plácido Castro tanta relación tivera e cos que traduciu ó galego, en 1935, dous folk-dramas de Williams B. Yeats, escritor irlandés que loitara pola independencia da súa patria e que acadara o Nóbel de literatura en 1923.

Nunca falei con Plácido Castro, pero si o teño visto pasear por Cambados. Bastantes veces, tendo eu doce-catorce anos, me crucei con el no paseo da Calzada cantada por Cabanillas, cando ía para a casa da familia da súa muller, unha casa derrubada no final do franquismo para construír unha torre de pisos tan rechamante nese mesmo paseo, que rompe a estética do centro de Cambados e que constitúe todo un atentado urbanístico. Eu non sabería describilo; pero meu pai, que con dez ou once anos, meses antes de xullo de 1936 atentamente o escoitaba falar cando D. Plácido viña a Cambados á xastrería de Manolo Sineiro, seu futuro cuñado, lémbrao como un “home alto,.de corpo, con algunhas canas; un home que sempre falaba pausadamente, con tranquilidade, sin froallo ningún”.

Por algún traballo inédito do mestre e historiador cambadés Xoán Antonio Pillado, o que fora alcalde nacionalista nas primeiras eleccións do posfranquismo, souben que Plácido Castro, nos pasados anos 20, viña a veranear a Cambados coa súa nai e que paraban no Hotel Calixto. Quen por eses anos viña de visita a esta vila da Arousa e quen ía ós baños á illa do Louxo –a turística illa da Toxa– adoitaba parar na Fonda de Calixto Pereira, logo reconvertida en hotel, para o que Castelao sobre 1910 fixo tarxetas publicitarias e decorou o local co cadro O cego de Padrenda, o popular gaiteiro Eugenio de Padrenda. Nos anos da Dictadura de Primo de Rivera, o culto veraneante Plácido Castro tivo que apreciar un forte contraste entre a pobre situación política de Cambados e a esplendorosa situación cultural da vila, na que sobranceaban o poeta Ramón Cabanillas e o escultor Francisco Asorey como figuras que xa daquela transcendían incluso o ámbito galego.

Supoño que nos seus veraneos á beira do mar da Arousa contactaría con estes galeguistas e con cambadeses que daquela colaboraban co Seminario de Estudos Galegos, como Gil Armada, Rovira Carreró ou A. Magariños Granda. E supoño que tamén contactaría con figuras da cultura desa época como o pianista Ramón Ulloa, que deixara o Círculo das Artes de Lugo, onde tocara co compositor e músico Juan Montes, para vir ó casino de Cambados; co fotógrafo José Bellver, xuíz da vila e pioneiro da fotografía artística; cos irmáns Sánchez Peña, o historiador, pintor e poeta Xaquín, con moita obra aínda inédita, e o xornalista Manuel. Con eles e con outra xente empaparíase de galeguismo e de amor á terra, el que era membro das Irmandades da Fala.

2. En artigos e entrevistas de prensa de Xulio Ríos sempre notei unha grande paixón, case diría un namoramento de Xulio cara esa figura descoñecida. Despois da lectura de diversos traballos sobre D. Plácido e logo da lectura desta escolma de textos xornalísticos, cheguei a entender realmente a paixón de Xulio por este confeso nacionalista, por este home culto, moderno e tolerante; por este home de familia rica, que se entregou á causa do nacionalismo e á do recoñecemento de Galicia como nación e cunha cultura diferenciada. Debeu ser tal a súa entrega á causa e tan grande a frustración persoal, que na posguerra, como sinala Xulio Ríos no prólogo da escolma, “aquel amplo sorriso das reunións galeguistas desapareceu da súa cara e tentará protexer á súa familia ocultándolle os detalles do seu compromiso político anterior”.

Os artigos que figuran na escolma son de finais dos anos 20 e dos anos 30, xunto con algún de finais dos 40 do seu programa en galego na BBC e outros dos anos 60. Uns están na versión orixinal galega, pero na maior parte deles trátase de traduccións desde o orixinal castelán. Algúns dos artigos políticos de finais da Dictadura de Primo de Rivera e da época da República resultan plenamente actuais, mesmo con ideas que poden resultar máis avanzados do que defenden hoxe algúns nacionalistas. E non menos actuais son moitas das ideas que defende en escritos non políticos dos anos 60.

Despois dun amplo e substancioso prólogo, os artigos escolmados aparecen agrupados en cinco seccións: “Democracia e nacionalismo”, “Irlanda e celtismo”, “Acción exterior de Galicia”, “Progreso e identidade” e “Sobre literatura e traducción”.

En “Confianza no porvir” (A Nosa Terra, 1.12.31), co que se abre a sección “Democracia e nacionalismo”, cando compara a situación dos partidos na Galicia do momento co que ocorrera en Irlanda pide que se lembre o caso de Irlanda, “onde mentres os nacionalistas, mestres de estratexia política, se dedicaron a intervir no xogo político do Parlamento británico, non conseguiron para a súa terra a máis pequena autonomía. Foi preciso o arredismo e o exclusivismo do Sinn Fein para acadar a independencia de Irlanda. E téñase en conta que, uns anos antes do seu triunfo, non era senón un pequeno grupo dunha ducia de persoas” (p. 22).

A admiración de Plácido Castro polo Sinn Féin (voces gaélicas que significan Nós Sós), movemento nacionalista e republicano irlandés de comezos do séc. XX, queda plasmado noutros diversos artigos. Así, en “¿Nosotros solos?” (El Pueblo Gallego, 26.4.33) remata pedindo que non se esqueza “o exemplo histórico de Irlanda, que só conseguiu a súa liberdade cando o nacionalismo que interviña na política británica foi aniquilado por un partido cunha conducta que estaba reflectida no seu nome “Nós sos” – “Sinn Fein” (p. 41).

O triunfo total que obtivo o Sinn Féin nas eleccións de 1918 moi probablemente explica que Castelao titulase Nós un álbum de deseños exposto en 1918, o mesmo ano en apareceron no xornal coruñés El Noroeste unhas páxinas galegas co título de Nós, coa cabeceira debuxada por Castelao. E seguramente Manuel Antonio, o gran poeta vangardista anarco-nacionalista tamén sentía admiración polo Sinn Féin. Os versos finais do tan coñecido poema “Sós” (“E ficamos nós sós/ sin o Mar e sin o barco/ nós”), á parte de posible manifestación da soidade ontolóxica do home como se ten dito, poden ser unha clara homenaxe ó movemento republicano independentista de Irlanda.

Uns meses antes da chegada da II República no artigo “Colonia” (A Nosa Terra, 1.12.30) denuncia a situación colonial en que vive Galicia, moitos anos antes de que Beiras aplicase a Galicia as teorías do occitanista Robert Lafont sobre o colonialismo interior. Dicía Plácido Castro que se somos tratados como colonia, “debemos considerar como estraños ós que colaboran en gobernos centralistas. Abonda xa de comisións mendicantes, de peticións dirixidas ós mesmos que nos asoballan. Como na derradeira protesta de Galicia, temos que facer sempre as nosas protestas en Galicia –en toda Galicia e non nunha provincia, xa que as provincias son un recurso do centralismo- aínda que nos digan que ‘pedimos imposibles’ os políticos acostumados só a conceder favores e non a facer xustiza. E este é un deber elemental do galeguismo” (p. 26).

Hoxe moitos parecen aceptar que a nación galega coincide coa Galicia administrativa, mentres que os históricos galeguistas consideraban incuestionable a galeguidade lingüística e cultural das comarcas estremeiras coa Galicia administrativa (Eo-Navia, Bierzo occidental e As Portelas), o que explica que no anteproxecto de Estatuto de Autonomía de Galicia de 1932 (e no refrendado en 1936) no art. 2º se prevese a posible agregación de calquera territorio limítrofe de características históricas, culturais, económicas e xeográficas análogas, mediante os requisitos que as leis xerais establecesen. No artigo “Justificación del nacionalismo” (La Nación, de Buenos Aires, 22.5.32), en referencia ó movemento galego en defensa do camiño de ferro Zamora-Ourense-A Coruña, D. Plácido lembraba “o simpático e rechamante xesto dos habitantes de Sanabria, que se sentiron orgullosos e enaltecidos baixo a bandeira de Galicia e que transportaron cara a Zamora os límites da súa provincia desafiando a toda a burocracia madrileña”, feito que vén demostrar “plenamente que Galicia é algo máis ca unha división xeográfica, que teñen os elementos sentimentais necesarios, ademais dos materiais, para ser unha nación sexa cal sexa o nome que oficialmente se lle atribúe” (p. 28).

Na sección “Irlanda e celtismo”, no artigo “Irlanda, Inglaterra y el mundo” (El Pueblo Gallego, 12.2.27) salienta que “o nacionalismo non implica o atraso económico posto que os sectores máis avanzados da opinión irlandesa desexan crear un gran país industrial. Tampouco fai perigar as finanzas do país, xa que Irlanda uniu o seu sistema monetario ó de Inglaterra, o máis sólido do mundo” (p. 50). Nese mesmo xornal, en “Galicia y la cultura clásica” (24.2.27) di que na procura de inspiración literaria e mitolóxica de fóra de Galicia non hai por que acudir á Grecia clásica, abonda con mirar para Escocia, Irlanda e Gales para “descubrir unha cultura lendaria tan rica e maravillosa como a grega, e que posúe maior afinidade co noso carácter” (p. 54). Tiña moi claro que na creación artística os galegos deberiamos facer como Irlanda: “Synge nas remotas illas de Aran, Yeats ó recoller de beizos das vellas irlandesas toda a riqueza lendaria da súa tradición, atoparon os elementos para crear unha arte inmortal, e a ruta nova da nosa arte, que é a ruta eterna, consiste en inspirarse no xenuinamente galego e tratalo con imaxinación, sen medo ás risas dos incomprensivos” (p. 53-54).

Irlanda como modelo político da acción dos galegos é tema doutros artigos. Así, en “Irlanda y Galicia”, en Céltiga, escribe: “Moito proveito podemos sacar os galegos da vida e da historia de Irlanda. E entre as ensinanzas máis interesantes deste estudio está a circunstancia de que Irlanda venceu na súa loita contra Inglaterra non tanto pola violencia –que por desgracia tivo que empregar– como porque o pobo expresou claramente o seu desexo de independencia, ano tras ano, ata que a victoria electoral do Sinn Fein en 1918 lle deu unha forza moral irresistible á causa irlandesa” (p. 75).

Na sección “Acción exterior de Galicia” cómpre salientar dous artigos publicados en El Pueblo Gallego: “El IX Congreso de Nacionalidades Europeas. El ingreso de Galicia” (30.9.33) e “Galicia, nacionalidad europea” (10.10.33), relativos á aceptación da existencia do feito nacional galego e de Galicia como nación no Congreso de Berna de 1933 nun organismo adxunto á Sociedade das Nacións, “formado por representantes de case tódolos pobos ou minorías que non atopan salvagardados os seus máis íntimos sentimentos e intereses baixo o réxime oficial do Estado en que viven” (p. 86). No prólogo da escolma, Xulio Ríos sinala que estamos perante “un fito que aínda hoxe non superou o nacionalismo galego e sobre o que, ademais, pasa, incomprensiblemente, con pés de la” (p. 17).

Na sección “Progreso e identidade” paréceme digno de salientarse o artigo “¿Universidades españolistas” (El Pueblo Gallego, 15.6.32) onde defende que a Universidade galega (e a catalana) dependa exclusivamente do Poder rexional e que non se permita que as cátedras universitarias sexan “centro de propaganda ‘españolista’, ou base de operacións contra a cultura e o sentimento da rexión”. Denuncia, como xa fixera Víctor Casas, que un catedrático de Ciudad Real atacase desde a súa cátedra da Universidade de Santiago “unha institución como o Seminario de Estudos Galegos, que é a máis alta expresión da cultura galega”, unha institución que fai un labor abandonado pola Universidade e con prestixio no estranxeiro, “que desgraciadamente non alcanza o noso primeiro centro de ensino oficial”. (p. 109).

Ese catedrático parece ser que tivo a ocorrencia de dicir que o emblema do Seminario debía ser un carro de bois. Plácido Castro considera que, en último termo, non deberiamos avergoñarnos dese símbolo, porque “o carro, tirado por bois, foi trazando, a través dos séculos, os camiños que o Estado español aínda non construíu en Galicia”. E pídelle a ese catedrático antigaleguista que “lea, ou faga que lle traduzan un poema de Cabanillas ‘Meu carriño’; fíxese na talla de Asorey ‘O Tesouro’; medite sobre aquel debuxo de Castelao, no que un paisano galego, ante un cartel de touros, exclama ‘Lástima de bois’. E pense, finalmente, sobre este ‘feito diferencial’: en Santiago de Compostela circulan polas rúas carros de bois; en Ciudad Real hai praza de touros…”.

Nesta mesma sección son interesantes artigos en El Faro de Vigo, dos anos 60, relativos ó turismo e á música, con lúcidas e atinadas reflexións sobre temas do momento e de interese xeral. En “Lo nuestro y do demás” (19.9.62), trata a “controversia entre os partidarios da gaita e os afeccionados á orquestra de baile con altofalante”, que se toman como símbolos de gustos distintos; para el non hai incompatibilidade, cre que o ideal é a tolerancia e a convivencia, por estarmos nunha fase de intercambios de gustos e costumes doutras terras, aínda que “xamais debe ser con exclusión ou con desprezo do propio”. Manifesta que non se pode restaurar un ‘folclorismo’ simulado, porque sería un tanto falso; pero que debe conservarse “o que existe e dignificalo levándoo ó terreo da arte. Recibir o que o mundo exterior nos ofrece, pero brindarlle tamén o noso. Contribuír a que non se vaia a crear un mundo monótono habitado por seres uniformes nos seus gustos e manifestacións” (p. 115).

En “Arpas, gaitas y violines” (Faro de Vigo, 3.10.65) salienta que o instrumento popular de Irlanda era o violino: “Cando eu tiven o pracer de coñecer Irlanda, o instrumento popular e festivo non era a arpa nin a gaita senón o violín. Non sei desde cando este intrumento, certamente de orixe exótica, fíxose popular na verde Erin” (p. 117). Segundo Plácido Castro, só en Escocia e Galicia hai un predominio real da gaita, pois en Gales, outra nación celta, o instrumento musical preferente son as súas magníficas voces, “sobre todo nos seus maxistrais coros –consecuencia dos seus himnos relixiosos e da afección dos mineiros a esta modalidade” (p. 116).

Fecha o libro a sección “Sobre literatura e traducción”, onde se recollen, entre outros, artigos do seu programa radiofónico na BBC en galego e español, como “Christina Rossetti” (4.8.49), con poemas en galego desta poetisa inglesa. O mesmo que os nacionalistas da Xeración Nós e os do Seminario de Estudos Galegos, Plácido Castro tiña moi claro que galeguismo e universalismo eran totalmente compatibles, que se podía estar no mundo en galego, e que a lingua propia de Galicia era apta para traducir textos de calquera das grandes linguas da cultura universal. Demostrouno ben ó longo da súa vida, e non só nos programas da BBC. Na posguerra, á parte das traduccións de poesía inglesa e francesa en colaboración con Tobío e Gurriarán, Plácido Castro traduciu obras como As Rubáyiát de Omar Khayyám, sobre unha traducción inglesa de E. Fitzgerald, que publicou en Grial no 1965.

Se Plácido Castro vivise hoxe, vería como para moitos galegos nacionalismo e universalismo son plenamente compatibles; vería que o nacionalismo galego é pacífico, progresista e tolerante, como el defendía nos seus artigos; vería que o nacionalismo, nos comezos do séc. XXI, é a avanzada na democratización e modernización de Galicia; e tamén vería que foi, fundamentalmente, o nacionalismo o que tivo enerxía para levantar Galicia e a bandeira da dignidade nos días e semanas posteriores ó afundimento do Prestige, cando o desleixo das autoridades autonómicas e estatais era xeral.

Francisco Fernández Rei

 


 

Nota do autor:

Con algunhas modificacións, este texto corresponde basicamente á miña intervención no acto de presentación do libro de Plácido R. Castro del Río: Unha escolma xornalística, Ed. do Castro, A Coruña-Sada, 2002. O acto, celebrado na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela o 5 de xuño do 2003, foi introducido por Xulio Ríos, responsable da escolma e do prólogo. Intervín nese acto xunto con Fernando Pérez-Barreiro Nolla e Luís Álvarez Pousa.