Por Luís Álvarez Pousa (Texturas Internacionais 4, decembro de 2002)
Plácido Castro pertence a unha xeración de intelectuais e políticos galegos que conciben e fan uso da prensa como un dos principais activos para a creación de conciencia cidadá. Decatáranse de que a prensa é un actor social imprescindible para asentar en Galicia aquelas alternativas ideolóxico/políticas que confluían, non sen tensións, na Europa de entreguerras. Coincide, ademais, cos anos en que os xornais afrontan unha fonda e trascendental reconversión industrial e conseguintemente profesional das súas estructuras, urxidos sen dúbida polos cambios sociais e culturais que van experimentando os públicos, consolidándose así a prensa de masas. Síntense acuciados pola sucesión de acontecementos e, auxiliándose dos novos mecanismos de transmisión, fan do xornalismo informativo un obxectivo prioritario. Pero sen arredarse da vocación política que xustificara a súa creación, e que en cabeceiras como El Orzán, La Zarpa, Galicia, El Pueblo Gallego ou El País, e por suposto, na prensa de ideario que foi por exemplo A Nosa Terra, alimenta o modelo de xornalismo ideolóxico co que arrancara o século XX. Reprodúcense así na prensa as posicións coas que se autoafirman sucesivamente en Galicia o agrarismo, o nacionalismo e o republicanismo.
Esa xeración conquista os espacios xornalísticos, ora desde dentro das redaccións (un Blanco Torres ou un Xohán Carballeira, entre outros), ora desde a condición de colaboradores, como é o caso de Plácido Castro desde que en 1927 decide participar desa maneira nesa estratexia de propulsión cívica. Os índices de urbanización e alfabetización seguían sendo moi baixos, pero avanzaban, o que daba azos a quen coma el estimaban que sobre eses mimbres era posible afianzar un proxecto político, liberal e progresista, no país. Para o que era preciso, antes de nada, tomar conciencia desa realidade en construcción. Cara dentro e cara fóra.
Os galeguistas do primeiro nacionalismo galego que xurde arredor das Irmandades da Fala, nomeadamente un dos seus apoios máis sólidos, Antón Villar Ponte, atoparon en Plácido Castro a un lúcido e culto propagador de ideas e a un razonablemente ácido fustigador do centralismo desnaturalizador, pero tamén a quen posuía a visión máis aguda sobre a necesidade que tiña de lexitimarse, e con el Galicia, no ámbito xeopolítico europeo e, andando o tempo, a ambas bandas do Atlántico. Estaba entre os mellores embaixadores para ese dobre cometido, tal como se pode comprobar tanto nos artigos ensaísticos como nas crónicas que foi publicando antes da Guerra Civil, primeiramente desde o Reino Unido, e xa de volta a Galicia durante os convulsos anos republicanos, en El Pueblo Gallego (Vigo), Informaciones (Madrid), La Nación (Buenos Aires), Jornal de Noticias (Porto) e nas publicacións de ideario A Nosa Terra e Ser. Ou tal como o demostrou en 1931 durante o IX Congreso de Nacionalidades Europeas, en Berna, a onde acudira en nome do Partido Galeguista para conseguir, e así foi, que se lle recoñecese ese estatus a Galicia.
Pese a que, seguindo esa dobre e complementaria vía de compromiso persoal, sabe bifurcar os seus textos segundo vaian para a prensa galega ou para a prensa de fóra, ofrecendo na primeira aqueles que teñen a actualidade como un referente necesario e na segunda aqueles que toman a actualidade como un pretexto referencial, non se diferencian apenas na súa fórmula estructural. Son sempre textos de opinión que, sen romper coa actualidade, posúen as características propias do xénero ensaístico. Velaí por que optamos por calificalos, dentro da tipoloxía xornalística dos xéneros argumentativos, como artigos ensaísticos. Mesmo os que el definiu como crónicas (“Crónicas desde Londres”, que enviaba tanto a El Pueblo Gallego como a Informaciones) non o son en sentido estricto, pois que rebasan o tono informativo/interpretativo propio do xénero, visibilizando unha estratexia retórica –argumentos obxectivos e tamén subxectivos con afán probatorio e persuasivo– na súa construcción, ademais dun envolvente ensaístico que lle sirve para contextualizar os temas no tempo histórico, político, social e cultural que corresponda.
Este é, por outra parte, o modelo máis utilizado polos pensadores e ideólogos nas publicacións daquel tempo. Tanto en épocas de resistencia –eis por que a denominada rebelión dos intelectuais contra as medidas de restriccións e censura da Dictadura de Primo de Rivera acabou producindo literatura xornalística dese tenor– como, sobre todo, en épocas de apertura e conseguintemente de acentuación das diferencias ideolóxicas –eis a carga de opinión e polémica na prensa cada vez máis numerosa dos anos republicanos–. Xa que logo, non inventaba nada. Botou man del para conseguir o que outros moitos pensadores e ideólogos perseguían, cada quen desde a súa posición estratéxica e coa súa propia impronta autoral –a de Plácido Castro centrada no proxecto progresivo e progresista dunha Galicia autogobernada, incardinada na Europa das nacionalidades con personalidade propia–: influír na opinión pública.
Non cae na demagoxia propia de quen se abona ó ideoloxismo e esquece as regras máis elementais da retórica aristotélica. Subscribe, pola contra, un modelo de construcción discursiva que utiliza recursos científicos, lóxicos e lingüísticos para expoñer unha tese que pretende demostrar como verdadeira ou de valor universal (a do universalismo e a necesidade dun equilibrio internacional que compatibiliza coa defensa das pequenas nacións, a do pacifismo facendo dos cidadáns e non dos Estados o verdadeiro obxectivo antibélico, a dos nacionalismos útiles que asentan en proxectos e programas nos que a identidade é concebida como unha estratexia a desenvolver, a dunha política exterior para Galicia, a do cooperativismo como fórmula embrionaria dunha economía autoorganizada…). Tenta persuadir sempre mediante un razonamento de base retórica que se auxilia dos coñecementos que o propio autor ten sobre os acontecementos, feitos e realidades sociopolíticas, que priman nas axendas do seu tempo e contribúen a axustar e no seu caso a modificar ou transformar os imaxinarios sociais e culturais das comunidades afectadas. Velaí todos os artigos ensaísticos (textos de persuasión argumentativa) e todas as crónicas interpretativas (textos de persuasión narrativa ou descriptiva) que publicou sobre Irlanda ou sobre a relación entre o Reino Unido e os países de Escocia e Gales, para que se reflectara neles a sombra alargada dunha Galicia traicionada.
Os tráxicos avatares da Guerra Civil obrigárono, como a tantos outros, ó silenzo. Rompeu con el na BBC de Londres, á que volve fuxindo da persecución e do desasosego permanentes. A solidariedade internacional contra o réxime franquista, a defensa dunha Europa sen fascismos, a democracia como fundamento de convivencia, e Galicia como referente vital, intelectual e político, están nas súas alocucións radiofónicas, en castelán nunhas, en galego noutras. A volta ó seu país en 1956 tamén é a volta á súa actividade xornalística (Faro de Vigo, La Noche, Diario de Pontevedra, ou o agora incautado El Pueblo Gallego…). Pero non será como antes. Non hai debate político, non hai xornalismo político. Os seus textos conservan a lucidez autoral e o compromiso moral de sempre, pero reorientados. Nos temas e na estructura. A cultura, as tradicións, a poesía, as posibilidades do turismo e a necesidade que ten Galicia de traballadores profesionalmente ben formados. A actualidade só como un pretexto referencial.
Luís Álvarez Pousa