Conta Castelao que, cando a guerra civil, o comisario do Batallón galego, despois dunha heroica acción en Brunete, mandoulle ó Goberno este parte: “Nos hemos acercado quinientos metros a Galicia”, manifestación de galeguismo que non foi recibida con agrado, pois “o noso acento sobresaía como precursor de vida segura e independente”.
Este achegamento a nós mesmos non puido manifestarse “sen odiar nin combater” como quería o pobo galego en xuño do 36, que así se expresaba no último capítulo do preámbulo do proxecto do Estatuto. E o combate produciuse tamén fóra dos campos de batalla, no interior e dende os exilios varios. Plácido Castro foi un deses combatentes a prol dunha vida segura e independente. El afirma nunha conferencia organizada pola Irmandade da Coruña que o nacionalismo é un credo moderno, no mesmo ano, 1931, no que o Partido Galeguista celebra a súa Asemblea de constitución, e da que saíu elixido como membro dirixente. Nesta breve aportación tentamos aproximarnos ó que quería dicir, ¿cal era o seu discurso, a quen se dirixía e para que?
O para que é doado. Tentaba co seu labor –coma xornalista, no PG, ou nas ondas da BBC– achegarse, coma aquel soldado, cando menos cincocentos metros a Galicia ou, visto dende a outra face, que esta se achegase salvando a distancia que cumprise para atoparse a ela mesma. Nunha esencial lectura do seu pensamento, a historia do galeguismo semella se-la historia da humanidade. Os galegos, en tanto que seres sociais, deben asumir enteiramente o legado do galeguismo, idealmente dende o primixenio e o espírito. É así que se chega a un lugar común ou a “lugares comúns” como sermos celtas ou como Irlanda érguete e anda.
Da súa longa relación con Inglaterra, queda a súa comprensión liberal e a admiración por un tal réxime parlamentario. O liberalismo tamén implica independencia e liberdade, e contribuíu dende o s. XIX a instaurar, en case tódolos países europeos, estados constitucionais e democráticos. Liberalismo e nacionalismo conxúganse; aquel debe acompaña-lo patriotismo para que sexa unha forza criadora de cultura e cidadanía que tenda á descolonización da nosa terra. Así defende que “o nacionalismo é liberal porque xorde dunha arela de liberación”. Non está daquela moi lonxe dos libertarios federalistas cando afirma que o mundo será inevitablemente federal por razóns administrativas e para que poida funciona-lo sistema democrático; mais non liga o seu internacionalismo co das Internacionais; con sermos nós mesmos para ser alguén no mundo, sí. Isto último acada un nivel moral importante. Un credo e unha militancia, o nacionalismo das pequenas nacións, a prol da pacificación, o antiimperialismo e o universalismo.
¿A quen vai dirixido o seu discurso?. É evidente que ós irmáns que son tódolos galegos: o destinatario é o pobo que vota maioritariamente o primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia. A sensibilización varre co alleamento e de aí á toma de conciencia política hai un paso, que obrigará ó nacionalismo galego, tradicionalmente culturalista, a intervir politicamente. Plácido non é unha excepción; como ocorre noutros países colonizados, o intelectual pon as súas letras ó servicio do descubrimento da nación. É consciente de que o Estatuto, “non vai se-lo que nós quereriamos”, pero tamén de que non se pode perder. O que están a facer os galeguistas é un traballo para a consecución da autonomía, pero tamén para o futuro en canto están sentando o corpus doutrinal que debía establece-las bases do nacionalismo popular no porvir. Plácido espera que ó entrar na vida política xurda o sentimento galeguista case intacto, “producto da unión do galeguismo consciente co galeguismo latente”. Non se dirixe a unha clase social –proletarios do mar e da terra–, non os considera o motor que levará adiante a empresa e tampouco cuestiona o capitalismo como sistema, pero pensa que o PG, unha vez conseguida a Autonomía, deberá ser cada vez máis esquerdista e opta polo cooperativismo “porque tén máis forza có capitalismo” e non é o socialismo. Ó remate o propio PG claudicaría da vida política.
Nos que serán os derradeiros anos da súa vida, ben puido aledarse cos acontecementos da sonada sublevación campesiña contra o vasalamento das grandes empresas capitalistas sobre Castrelo de Miño para construí-lo encoro. Neses sucesos houbo unha afirmación de convivencia para a defensa da verdadeira modernidade -a que non asoballa a economía substituíndo o pan e a casa propios pola auga dos intereses alleos-, e porque houbo unha irmandade para se lle opór.
Sylvia Gómez Saborido é investigadora do IGADI