Por Valentín Arias (Texturas Internacionais 4, decembro de 2002)
¿O como se entende que –antes de 1930– verta ó galego algúns textos literarios producidos en inglés o mozo universalista de vinte e non moitos anos que era Plácido Ramón Castro del Río, nado en Corcubión, de familia con moitos posibles, enviado desde os seis anos á Gran Bretaña para educarse ata cursa-los estudios universitarios e onde residía, ben relacionado con intelectuais e artistas británicos, que escribía en castelán para xornais de Galicia e Madrid, que traducira do castelán ó inglés a traxicomedia Almas brujas do santiagués Manuel Linares Rivas…? Descontado que o fixese por gañar sona ou diñeiro –pois que en ningún destes ámbitos lle había resultar especialmente rendible– e consonte a andaina vital do corcubionés, cadra pensar que vía no tal certa utilidade para Galicia. E non estará por de máis parar mentes en que a distancia –física e cultural– que o separaba realmente de aquí non constituíu atranco para el ver con precisión meridiana cómo de feito era ou ben se atopaba este país, así como por que carreiros concretos cumpría que o mesmo discorrese. En contraste evidente coa imaxe e visión que, a través da súa mirada embazada a poder de non superados prexuízos, tiñan do mesmo –daquela e noutros tempos– coma quen di tódolos conterráneos da súa condición social. Mesmo é de salienta-lo esforzo que debeu realizar persoalmente para facerse co dominio da lingua galega que lle permitiu acoller con dignidade a poesía estranxeira nela quen sequera tería ocasión de utilizala habitualmente no reducido tempo que permanecera en Galicia nin podía tela aprendido escolarmente. Non parece descamiñado supoñer que, desde fóra do país, vise na traducción ó galego de obras significativas de literaturas estranxeiras un estímulo importante para aguilloar –por vía de exemplo– a para el indispensable recuperación explícita da propia identidade polo país que o viu nacer, como esclarecidos intelectuais “irmáns” o viron desde dentro (poñamos por caso a Otero Pedraio facendo o propio co Ulysses de James Joyce).
Pois dáse o caso que o “humanista, liberal, cosmopolita: símbolo da universalidade do nacionalismo galego” que foi Plácido Castro –no dicir preciso de Xulio Ríos– non errou nin se arrepentiu.
Non se arrepentiu, digo, visto que reincidiu e insistiu no tanto de traducir e publicar obras relevantes do inglés ó galego. En datas, tempos e situacións ben diferentes: de Glasgow a Galicia, tamén en Estoril, logo en Londres, finalmente en Cambados; escritor e publicista, dirixente nacionalista, sancionado e desterrado, mesmamente exiliado, profesor de inglés… Por obra súa, viron a luz versións galegas de textos debidos a poetas escoceses, irlandeses e ingleses como son Robert Burns, William Butler Yeats, Raferty, George Wiliam Russell, Egan O’Rahilly, Seamus Cartan, Thomas Moore, Christina Rossetti, William Henry Davies, Alfred Edward Housmon, Walter John de la Mare, John Masefield, Ernest Christopher Dowson… Difundíndose en publicacións periódicas (El Pueblo Gallego, Faro de Vigo…) de 1927 a 1933 e na década dos anos 60 –a interrupción non foi voluntaria–. Desde Londres, a través do “BBC-Galician Programme” a cargo do propio Castro, cara ó final dos anos 40. No libro Poesía inglesa e francesa vertida ó galego (un fito na historia da traducción á nosa lingua, segundo Vicente Araguas), en colaboración con Lois Tobío e F.M. Delgado Gurriarán, que publicou a Editorial Alborada de Bos Aires o ano 1949. Na revista Grial, o ano 1965, publica Os Rubáiát , “flores da lírica e do pensamento, vellas de oito séculos, do Irán”, do astrónomo poeta de Persia, aló polo século XI, Omar Kayyán, explicando convincentemente o porqué da súa traducción a partir da versión inglesa de Edward Fitzgerald. Así mesmo traduce teatro: en colaboración cos irmáns Villar Ponte, o ano 1934 publica na Editorial Nós, en traducción ó galego, o volume Teatro Irlandés. Dous folk-dramas (“Catuxa de Houlihan” e “O país da saudade”, de W.B. Yeats.
E non estará en que errou Plácido Plácido Castro no tocante a estimular coas súas traduccións a recuperación explícita da nosa identidade quen observe con atención a realidade galega de hoxe. ¿Negará alguén, con razóns de peso, a contribución das traduccións ó galego na erradicación do complexo de inferioridade que nos veu eivando ou a súa incidencia lingüística e estética na producción literaria de noso, para citar só dous exemplos?
Ben atinada foi, xa que logo, a creación do Premio de Traducción Plácido Castro, para promover boas traduccións de obras importantes da literatura universal ó idioma galego. E ben mala cousa é que este tivese que ser instituído pola Fundación Plácido Castro, hai dous anos, pois que antes carecera de sensibilidade ou vontade abondo para facelo a Administración galega.
Valentín Arias