A Irlanda de Plácido Castro

A Irlanda de Plácido Castro

“Un galego séntese aquí máis perto da súa Terra ca en moitas rexións que só distan de Galicia uns centros de quilómetros”. Así o cría Plácido Castro, quen con só 26 anos pisaba aquelas terras irlandesas na compaña do doutor Flower, a máxima eminencia en cuestións célticas do British Museum, achegándose con el até as míticas illas Blasket. Un e outro forman parte do catálogo de grandes viaxeiros ás citadas illas documentado por Gerald Hayes e que inclúe nas súas obras algunhas fotografías realizadas por Plácido que poden admirarse nunha exposición recentemente inaugurada en Vilagarcía de Arousa.

Quen un lustro mais adiante sería confirmado como primeiro secretario de relacións internacionais do Partido Galeguista tiña entón conformada xa boa parte da súa arquitectura intelectual onde o celtismo (como a saudade) ocupaba un lugar de relevancia como expresión desa busca e recuperación dunha identidade que nos situara no mundo con voz propia, unha teima que consideraba esencial para podermos progresar con bases tan autónomas como sólidas.

Daquela experiencia quedan seis fermosas crónicas publicadas no Pueblo Gallego e un álbum fotográfico que a propia familia garda como ouro en pano, pero tamén queda o forte impacto da experiencia nun Plácido cunha formación moi consolidada e que xa apuntaba maneiras na súa excelencia como xornalista e nun compromiso político que acentuaría coa súa participación activa nas Irmandades da Fala ou na creación do Partido Galeguista.

“Moito proveito podemos sacar os galegos da vida e a historia de Irlanda. Se queremos recobrar algunha parte da tradición perdida é na súa terra onde teremos que buscala”. E el propio foino así facendo ao longo da súa traxectoria, reivindicando dende a inspiración na súa literatura para crearmos un teatro nacional ata as leccións derivadas da súa evolución política para orientar a propia construción do país ou a política de alianzas do galeguismo.

As fotos que poden admirarse nesta exposición expresan esa devoción íntima por Irlanda e cabe complementalas con tanta poesía traducida (e teatro) á nosa lingua e tantas crónicas escritas sobre o devalar deste país no que el sempre atopou trazos de interese que poderían servir de orientación, en especial para os que crían e cren no valor da autoestima, do noso, propio e común co mundo céltico, como piar cultural imprescindible de Europa.

“Non debemos esquecer canto contribuíu o amor á antiga cultura nacional a estimular e acender o patriotismo irlandés e a darlle unha base firme ao sentimento de nacionalidade”. Plácido guiouse por estes criterios para impulsar a dignificación da nosa lingua e cultura así como tamén o noso patrimonio en todos os ámbitos. Para os galegos, dicía, “Irlanda é a terra máis interesante do mundo, país cunha vida e unha historia da que os galegos podiamos sacar moito proveito”.

Non se pode entender, pois, a figura de Plácido Castro prescindindo do seu amor e admiración por Irlanda, un país que sentía inmensamente próximo e parte do seu ideal en tantos sentidos. Esa identificación con Irlanda é unha das singularidades da súa vida e fíxose un referente indisociable da súa personalidade e do seu pensamento.

Hai dous tempos na abordaxe a propósito de Irlanda, como en dous tempos viuse partida a súa propia vida: antes e despois da guerra civil. Ese tráxico ecuador determinou os temas a tratar, máis comprometidos primeiro e máis literarios despois, pero sempre reiterando a súa condición de constante en forma de tradución, de comentario ou de ensaio breve, achegándolle anos andados as contadas alegrías que aquel tempo represor non conseguía abalar.

A xeración galeguista do tempo de Plácido Castro sentía unha fonda admiración por Irlanda e as súas arelas soberanistas; non obstante, de todos os grandes nomes que a integraron só Plácido chegou a pisala naqueles anos de tantas esperanzas. E hoxe cando relemos as súas columnas no Pueblo Gallego, A Nosa Terra, Céltiga, na BBC, no Faro de Vigo, etc., etc., non deixa de sorprendernos tanto o entusiasmo e fervor que transmite como ese convencemento profundo na utilidade mutua das pontes que puideran establecerse.

Irlanda e Galicia teñen moitas semellanzas. É moito o que temos en común. Tiña razón Plácido cando incluía a Irlanda e outros pobos célticos no seu proxecto de representación dunha Galicia de seu no mundo. Todos, persoas e institucións, debiamos facer máis por iso. Esta exposición é un aporte neste sentido que merece ser obxecto de atención porque tamén nos pode axudar a entender mellor a relevancia da personalidade que a inspira.

 

A exposición está ampliada cunha ampla aproximación biográfica que nos achega unha visión máis completa do personaxe e as súas circunstancias. Pode visitarse na Casa da Cultura en Vilagarcía de luns a sábado (de 10,30 a 13,30 e de 18 a 21 horas) e os domingos (de 11 a 14 horas). Até o 24 de xullo.