Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 24/01/2002)
Galicia ten unha débeda histórica con Plácido Castro. Unha débeda poliédrica, con tantas facianas como ámbitos plurais nos que desenvolveu esa curiosidade comprometida coa necesidade de afondar con rigor e sen anteolleiras se ben sempre cun mesmo denominador común: o servicio a Galicia. Falemos da traducción ou do xornalismo, da pintura ou do ensaio, a erudición deste home, culto entre os cultos, soamente era comparable coa súa humildade. Simplemente pola súa participación directa no recoñecemento internacional de Galicia como nación, merecería figurar entre os máis destacados da súa época. A piques de cumprirse setenta anos daquela efémeride, é un feito sobre o que tantos e tantos pasan incomprensiblemente con pés de la, a diferencia do que aconteceu no seu momento. Boa mostra dese recoñecemento foi o enorme caudal de sufraxios dispensados a Plácido na III Asemblea do Partido Galeguista, o máis votado, por diante incluso do propio Castelao. Plácido, secretario de relacións internacionais despois de substituir a Bóveda en organización, foi parte, ata o ultimo momento, do núcleo duro de dirección do Partido Galeguista, volcado ata a médula na difusión do ideario nacionalista. E andou nas Irmandades da Fala, na Asociación de escritores en Lingua galega…
Pero o que singulariza a Plácido no seu tempo, na súa xeración e no conxunto da militancia galeguista son dúas cousas. En primeiro lugar, a concepción dun nacionalismo interiorizado basicamente no exterior (no Reino Unido, onde se formou intelectualmente dende moi novo) derivado dun proceso individual de toma de conciencia política con independencia dos desagravios socioeconómicos ós que Galicia estaba sometida e que para moitos constituía o cerne do seu apego a esta reivindicación. O futuro de Galicia non pasaba pola desaparición dos desencontros históricos con Madrid –que tamén- senón pola recuperación e dignificación da nosa identidade, modernizando as tradicións, progresando a partir das propias singularidades e sen imitar a ninguén. Para Plácido este non era un aspecto máis do programa galeguista, senón a clave, en positivo, da súa mensaxe.
En segundo lugar, a idea do nacionalismo como punto de contacto co mundo. Nada máis aberto ao exterior que o nacionalismo das pequenas nacións. Non se trataba de separar nada, de erguer novos valados. O nacionalismo de Plácido, profundamente demócrata e liberal, é unha nova forma de unión: a verdadeira cohesión é a que teñen as asociacións voluntarias de pobos libres e non a falsa unidade imposta por un Goberno a rexións diversas, afirma en el Pueblo Gallego en 1931. Agora mesmo, cando se está a construir Europa, cando xurden voces retrógradas que pretenden silenciar o papel das entidades subestatais, en Plácido atopamos un discurso baseado na enerxica defensa das identidades como expresión dun universalismo autentico e inseparable do pacifismo. A lealdade pasa polo recoñecemento e exaltación da diversidade, non pola súa negación. Coas súas reflexións e a súa práctica, en boa medida Plácido sentou os alicerces dunha política exterior galega que formulou en grandes trazos se ben sen tempo histórico para implementala suficientemente. Pero de Portugal a Galeuzca, de América á Europa celta, aí atopamos a reflexión de Plácido.
Estamos a cen anos do seu nacemento e sería boa cousa acompañar ese proceso iniciado pola Fundación Plácido Castro, nacida da xenerosidade intelixente dos Concellos de Cambados e Vilagarcía de Arousa e co impulso da Asociación de Traductores Galegos e do propio IGADI, para recuperar e dignificar a súa memoria, obra e pensamento. Plácido ben o merece e Galicia non é digna de tanta ignorancia nin tanta ingratitude.
Xulio Ríos é director do IGADI