Por Xulio Ríos (Xornal de Galicia, 25/01/2010)
Reivindicar a Plácido Castro (1902-1967) nun novo aniversario do seu nacemento é unha obriga permanente para con nós mesmos e para con toda unha xeración que como ningunha outra foi quen de trazar os sinais básicos para a recuperación da nosa identidade e facer dela un activo universal capaz de contribuír á afirmación da paz e da igualdade entre todas as sociedades do mundo. Así de simple, de integral e de visionario foi o labor e a mensaxe dos primeiros galeguistas do pasado século, entre os que cómpre salientar a figuras esquecidas e senlleiras que como Plácido tiñan un horizonte que ía moito máis alá da nosa xeografía pero que situaba nela os lindes das súas maiores esperanzas.
Plácido, de extracción acomodada, curiosamente fíxose galeguista aprendendo inglés en Scarborough e Glasgow, vertebrando aló e nos contactos de verán en Galicia esa concepción de progreso con identidade, tan actual en tempos de mundialización e sempre, que farían de frontispicio de toda a súa traxectoria intelectual. O noso “culto” Plácido, como acostumaban adxectivalo os seus compañeiros de xeración, posuidor de inmensos saberes e falador fluído en varias linguas, atopaba en Galicia e no galego, que identificaba como seu, o punto de apoio e referencia desde o que poder abarcar un mundo sen límites. Nunca lle representou un obstáculo nin o desmereceu por desenvolverse con soltura noutras linguas de comunidades ata máis avanzadas ca nosa.
Dende a política, a tradución ou o xornalismo, Plácido Castro, como outras figuras cun mesmo semblante, similares en tantos aspectos ata no estritamente persoal, e que como el transitaron polas mesmas actividades (pensemos no seu coetáneo Lois Tobío, por exemplo), exerceu con entusiasmo unha militancia que, entre desterros e exilios, mesmo desarrumboulle a vida. Pero desde Londres ou o Salnés, na posguerra, Plácido seguiu apostando por modelos de modernización que preservaran o noso entorno e fixeran da nosa forma de ser e de estar un patrimonio universal.
A todos faría moito ben reler a Plácido e a outros da súa época pois permitiríanos atopar no seu ideario e pensamento claves que nos axudarían a conducirnos na Galicia e no mundo actual sen medo ao extravío. E situaríanos en condicións de apreciar e comprender mellor a importancia e razón de dignificar a súa memoria e o seu legado.
A Galicia de hoxe ten en Plácido Castro un espello onde mirarse. Este ano recordarémolo especialmente no seu Corcubión natal.
Xulio Ríos, director do Igadi