O ideario político de Plácido Castro

O ideario político de Plácido Castro

Por Xulio Ríos (decembro de 2001)

Resulta dificilmente explicable o descoñecemento existente arredor da figura de Plácido Ramón Castro del Río. Non soamente por estar vinculado a feitos de enorme transcendencia e importancia na historia contemporánea de Galicia, senón por contar cun sistema de pensamento estructurado e tan singular que o diferencia marcadamente dos seus coetáneos. Na súa feble proxección probablemente teña influido o seu propio carácter, introvertido e xeralmente pouco dado ás significacións, en especial despois do xiro que experimentou a súa vida nos anos posteriores á guerra civil. Plácido abrazara con enorme ilusión e esperanza o compromiso galeguista, mergullándose a fondo nas actividades do Partido e en todo aquelo que gardara relación co rexurdir de Galicia (dende as Irmandades da Fala ata a Asociación de Escritores en Lingua Galega). A guerra civil e o trunfo franquista eliminaron de raíz toda posibilidade de actuación política democrática e Plácido acabará por tomar o camiño do exilio londinense dende o desterro interior de Coruxo. Durante anos soamente saberemos del a través das colaboracións na BBC, na prensa portuguesa ou en publicacións americanas.

Un feito capital que singulariza as aportacións de Plácido Castro a Galicia e ao nacionalismo, radica no conxunto de elementos que o relacionan coa Gran Bretaña. Moi novo comezou a cursar estudios no colexio Scarborough, en Glasgow, con apenas seis anos (¡en 1908!). Ese primeiro periodo de formación foi decisivo para interiorizar as ideas básicas do seu pensamento político (democracia, liberalismo e identidade, sobre todo, identidade) ás que nunca máis renunciaría, exhibindoas cunha coherencia que non sempre resultarán do agrado de todos.

Seguramente orientado para continuar co negocio familiar (o seu pai mantiña importantes relacións comerciais coas Illas Británicas), Plácido, chegou ao nacionalismo a través da súa observación, estudio e admiración polo Reino Unido. As súas Crónicas desde Londres publicadas en El Pueblo Gallego e, despois da guerra, en O Jornal de Noticias de Porto (Aquí, Londres), dan conta dun cabal coñecemento da vida política británica, demolendo numerosos tópicos comúns e afondando nas súas peculiaridades, sempre con especial atención aos problemas nacionais ou ás relacións con Europa, coa perspicacia dun agudo analista internacional.

O que primeiro advirte Plácido é que boa parte da fortaleza das Illas Británicas estriba na súa singularización, no cultivo e defensa dunha identidade que a proxectan no mundo de forma xenuina. E se Galicia aspira a ser, a contar no concerto dos pobos, debe recoñecerse a si mesma, recuperar e proxectar a súa identidade. Por iso Plácido adicará especial atención a este problema, procurando aportar o seu perfil e contornos básicos, adiantando unha construcción que se artella arredor de dous elementos esenciais: a saudade e o celtismo, elementos inseparablemente unidos como acertou a sinalar o propio Castelao: “dado que a saudade é un sentimento inexplicable, que ven das nosas orixes, haberá que buscala no corpo revelado da poesía celta. Esta angueira foi comprida por Plácido R. Castro ao percorrer o moderno lirismo poético de Escocia e de Irlanda para comparalo co noso”. Castelao recorre a Plácido para significar que a saudade é “instinto da vida… sentimento instintivo da colectividade(1)”.

Os sinais de identidade do ser galego defineos a partir tamén do celtismo, entendido como unha forza cultural que debe servir de complemento ó nacionalismo e por iso eixe irrenunciable dunha política exterior de Galicia. Plácido non acostuma a falar de oídas e por iso realizará viaxes por terras de Irlanda, para nós a nación máis interesante do mundo escribiría en Céltiga, narrando unhas fermosas crónicas que foron publicadas en El Pueblo Gallego. Son moitas as comparacións que se poden establecer entre Irlanda e Galicia en diversos aspectos da súa existencia. Unha delas refirese ao florecemento, decadencia e rexurdimento da poesía(2). Tamén aquí atopará referencias para o noso teatro e a nosa política e impulsará un excelente labor de traducción. Galicia ten ante si asimiladas posibilidades de estreitar os lazos espirituais que a unen a outras terras célticas de Europa, acaso chamadas aínda a dar ó mundo un novo concepto de civilización, unha nova modalidade cultural e sentimental, afirma en 1933(3), con condicións mesmo como para desempeñar un papel decisivo para establecer un novo paradigma que poña freo ó materialismo e afirme a fantasía, asegura en Céltiga.

A súa ampla formación (o noso culto amigo Plácido, poderemos ler unha e outra vez nas publicacións galeguistas cando dan conta dunha conferencia ou intervención súa), o interese pola poesía, a pintura, o teatro, o seu humanismo profundo, facilitaralle enormemente a configuración dunha concepción aberta e xenerosa do nacionalismo, ao que chegará animado polas súas conversas de verán con Antón Vilar Ponte, pero convencido de que Gran Bretaña proporciona o mellor exemplo para comprender que un país pequeno con identidade pode sobrevivir con dignidade dabondo e aportando riqueza e diversidade ao patrimonio común universal. Non é certamente un proceso normal. O normal sería que co seu dominio de idiomas, coa súa formación, coa súa orixe familiar e capacidade económica dirixira as súas inquedanzas por outros derroteiros, pero Plácido manifesta dende moi novo un fondo compromiso con Galicia e a causa da súa redención, convencido de que o nacionalismo galego non é unha ficción idealista, senón a autentica expresion das realidades dunha Galicia que vive unha situación colonial cun caciquismo que consolida unha situación similar á da opresión británica sobre Irlanda nos séculos XVIII e XIX. En “Justificación del nacionalismo” asegura que “Galicia é mais que unha división xeográfica e ten os elementos materiais e sentimentais para ser unha nación. O sentimento patriótico é máis patente e perdurable que as razóns materiais e económicas(4)”.

A defensa da identidade non significa en Plácido forma de conservadurismo algún senón a asunción dunha certa idea de progreso, de innovación, que non lamine eses sinais que rompen coa uniformidade. Plácido ponnos en garda contra ese mimetismo que aniña nun extendido complexo de inferioridade que nos leva a facer borrón e conta nova do propio para adoptar o alleo, case sempre de pior condición e calidade. Mesmo cando reflexiona sobre a saudade, lembra que o pobo que teña saudade continuará insatisfeito e progresará.

No ámbito político, a identidade debe ser recoñecida e exaltada. Por iso, en primeiro lugar, entende que o nacionalismo galego, máis próximo ó irlandés que ó catalán, debe basearse na tradición e non ser reemprazado por un nacionalismo económico (non comprende por exemplo obsesións como a de construir unha gran urbe industrial galega que, ollando para Belfast en contraste con Dublin, destrúe a identidade). Por outra banda, o nacionalismo de Plácido non é sinónimo inevitable de ruptura, de secesión. O nacionalismo pode ser leal nun Estado que recoñeza a pluralidade e a acepte como un valor da convivencia. Non hai lugar para o temor. A única esperanza de fraternidade ibérica, asegura, a única posibilidade de crear un verdadeiro patriotismo e un xenuino espiritu español integrados pola cultura de cada pobo, reside na liberación destes pobos e a intensificación das súas características peculiares.

Dende un punto de vista ideolóxico-político, Plácido Castro manterase fiel ás raíces que vertebra nos primeiros anos mozos, se acaso con lixeiras inclinacións cara a esquerda nos anos trinta. Identificase co movemento liberal e admira o réxime parlamentario, as formas democráticas, e repudia os autoritarismos e as intolerancias. É un liberal-demócrata, antitotalitario e progresista. Incialmente toma distancias dos laboristas, a quen considera socialmente inmaduros, se ben amosa en temas concretos, especialmente nos sindicais, certa proximidade; pero nada quer saber de loita de clases ou de sovietismos, como tampouco de conservadurismos. Na súa opinión, a consecución da xustiza social non pode esixir como prezo o sacrificio das liberdades.

Nesa perspectiva, amosase moi crítico co sistema soviético, chegando a asegurar, a propósito da ruptura anglo-rusa de 1937, que “a desaparición do comunismo é imprescindible para Europa(5)”. Non hai o máis minimo coqueteo co espiritu marxista a quen atribuirá a uniformización do pensamento ou a manipulación das investigacións e teorías científicas para acomodalas ó seu ideario. A finais da década dos coarenta, establecido en Londres, observa pola contra como tanto laboristas como conservadores presentan programas políticos ambigüos e pouco diferenciados, ata o punto de que, coa evolución do estado de benestar, pode rematar sendo un estado case socialista sen que se den cambios violentos e cos conservadores defendendo esa legalidade establecida(6).

En Confianza no porvir asegura: “…somos moitos os que coidamos que é esencial que o grupo máis forte do nacionalismo se declare francamente liberal en todos os sentidos, se a causa da independencia de Galicia ha de trunfar nunha data próxima. Coidamos que así o esixe o ambiente actual de Galicia, de España e do mundo. E así opinamos que o espíritu galego foi sempre tan fondamente liberal que incluso por tradicionalismo ten que ser liberal o galeguismo(7)”. O fundamental dese liberalismo é a defensa do sentido da independencia de cada individuo. Individuo, rexión e humanidade son para Plácido os tres niveis ou categorías sociais fundamentais.

Considera a cidadanía como o principal soporte dos valores democráticos: “Só se lle poden arrebatar os dereitos cidadáns ós pobos que nunca souberon exercelos(8)”. Na crítica a “Las dictaduras” de Francesc Cambó, asegura que en España non pode falarse de democracia xa que nunca existiu: os partidos están confabulados, os sistemas electoral e parlamentario son unha ficción e o caciquismo é apoiado por todos os cidadáns… Por iso considera que a sinceridade dos partidos vai ter mais importancia que os programas políticos e a marxinación da vida cívica española á que se someteu a Galicia pode favorecer a emerxencia dun galeguismo non contaminado e honesto.

Plácido confórmase como un demócrata convencido que vai pasar duras probas en anos nos que as liberdades públicas como valores indispensables para falar dunha sociedade civilizada pasarán serios apuros tanto en España como en Europa. Poida que tamén, seguramente, influíra nesta inclinación o ambiente familiar, de adscripción liberal, e a súa propia orixe de clase, manifestamente acomodada. A súa concepción da democracia afonda naturalmente nas raíces británicas: “¿Cal das dúas tendencias é a verdadeiramente democrática? ¿A que ve a sociedade como unha escaleira cuns chanzos sinalados con cantidades de dólares, ou a que considera a todas as súas clases igualmente dignas e se preocupa da igualdade política de todos os seus membros?”, escribe en El Pueblo Gallego(9) para criticar o modelo norteamericano que ofrece “como estímulo o mandar, tendo como consecuencia lóxica que quen non logra ascender un chanzo na escala social é un ser inferior, e facendo do diñeiro a medida da categoría social. Esta facilidade de cambiar de clases é o que máis acentúa a existencia da diferencia de clases”, apostilla. A pesar diso xa en 1929 vaticina que “Inglaterra e Estados Unidos terminarán por porse dacordo en cuestións como o equilibrio militar nos océanos(10)”.

Con todo, unha vez en Galicia, chegará a colaborar con Ser, o semanario galego de esquerdas, como o autodefinía Suárez Picallo, e progresivamente alonxase dos sectores de dereita do galeguismo. É importante destacar tamén neste sentido a identificación co cooperativismo, que chegou a defender como fórmula económica e social idónea para conciliar intereses a priori contrapostos, idónea para Galicia porque nela, asegura, o colectivismo ten mais forza que o capitalismo.

Plácido, o rexionalismo mundial e o universalismo

O nacionalismo é o noso punto de contacto co mundo. En Galicia, os que teñen un espiritu internacional e universalista son os nacionalistas; o que defende unha España unitaria é quen pretende pechar as fronteiras a todo o universal, enfatiza(11). O nacionalismo de Plácido é unha nova forma de unión: a verdadeira cohesión é a que teñen as asociacións voluntarias de pobos libres e non a falsa unidade imposta por un Goberno a rexións diversas(12). Plácido cree nese rexionalismo mundial que xurde da constatación da existencia de intereses comúns e comenta con entusiasmo, por exemplo, o feito de que sete nacións libres e democráticas situadas en catro continentes (a Comunidade de Nacións Británicas) se reúnan en Londres para deliberar e construir a partir da súa liberdade e independencia unha nova cohesión por medio da cooperación económica. Por fin se entende que a concesión da liberdade é o único medio de chegar á cooperación. Son os alicerces dun rexionalismo económico mundial baseado nun sistema de barreiras aduaneiras que pode facer do Imperio Británico “unha grande unidade económica capaz de competir cos Estados Unidos e cunha posible federación europea(13)”.

O universalismo é outra constante que se afirma no seu pensamento, traducido nun respecto escrupuloso por todos, na exaltación permanente do valor da convivencia, nesa afirmación da colaboración que podemos atopar na súa proxección xornalística (dende o Informaciones de Madrid a El Pueblo Gallego, ou La Nación de Buenos Aires ou o Jornal de Noticias de Porto), un universalismo que partía dunha concepción de defensa dese nacionalismo que arranca das pequenas nacións (nas súas crónicas sempre haberá espacio para informar da evolución do nacionalismo en Escocia, Gales ou Irlanda). Aínda que tamén tiña as súas contradiccións, como cando amosaba certa comprensión coas actitudes imperialistas do Reino Unido nas súas colonias (a propósito da penetración británica na China, por exemplo), comprensión máis próxima ó paternalismo cultural que ó imperialismo económico. Galicia, sendo galega, é mais universal e ten máis personalidade que se perde a súa identidade nun Estado español uniforme, asegura en El Pueblo Gallego(14). Nese sentido, importa destacar a súa defensa do idioma galego a propósito da crítica dun certo cosmopolitismo que expoñía Johan Carballeira con quen mantén unha interesante polémica. Plácido non comprende como “pode crer que a actualidade europea revela o rápido avance do cosmopolitismo e o predominio das grandes linguas”. Na súa opinión, está agromando certamente un novo cosmopolitismo, máis, aínda que semelle paradoxal, asegura, é un cosmopolitismo nacionalista: “os que o senten teñen como ideal os Estados unidos do mundo, pero estiman que só se chegará a establecer cando se estimule o verdadeiro patriotismo en cada nación, e cando estas nacións sexan xenuínas unidades raciais e sentimentais(15)”.

Un último elemento que me gustaría salientar como eixe definidor das súas conviccións é o pacifismo. Crítico coa pena de morte, Plácido vivirá episodios convulsos (primeira e segunda guerra mundiais, a guerra civil, os conflictos con Irlanda, etc). O aborrecemento da guerra, estaba aínda fresca a de 1914 e as súas secuelas, lévao a preconizar dende as súas tribunas xornalísticas, a esixencia de responsabilidades aos políticos que desatan conflictos armados ou a instar a fiscalización da política exterior por parte dos cidadáns como unha prolongación máis da política interior, e a salientar a importancia de que sexan os individuos e non os Estados os suxeitos da paz. Desconfiaba enormemente da diplomacia, “unha cousa tan delicada que non resiste a presencia da verdade”, chegou a dicir. Pero aporta tamén outra arista do problema: “A solución dos problemas de minorías e de autonomías é unha das estapas indispensables na loita pola pacificación do mundo ceibando os pobos que se sinten asoballados e debilitando ao mesmo tempo os grandes Estados imperialistas(16)”. Así, o nacionalismo, lonxe de constituir un motivo de apartamento e de división vén a ser un axente de aproximación e de pacificación moito máis eficaz que as ideas internacionalistas, vanas e inútiles porque ninguén as sente con convicción, afirma(17).

A mellor base para evitar a guerra é o pacifismo dos cidadáns de cada nación máis que dos seus políticos. Plácido reivindica en 1927, por exemplo, un sistema de xustiza internacional ao tempo que urxe un maior protagonismo cívico á hora de fiscalizar a política exterior: “Algo cambiará se a opinión pública de cada estado dera igual importancia ós temas internacionais que ós nacionais(18)”.

Con todos estes mimbres en avanzado estado de configuración, a comezos dos anos trinta volve a Galicia. Ata 1936 vivirá anos dunha intensa paixón e compromiso co ideario galeguista. En 1931 pronuncia a súa conferencia “O nacionalismo, credo moderno”, organizada polas Irmandades da Fala de A Coruña, da que emerxe como membro directivo. Nada de tribalismo, nada de reaccionario, son as nacións pequenas as máis idóneas para afortalar o ideal de democracia, onde mellor se pode exercitar o debate e a participación, a maior garantía para evitar as tentacións militaristas e expansionistas. Cómpre matizar sempre á hora de falar de nacionalismo e Plácido aposta por el como medio para a dignificación do país, a nivel económico, político, social e cultural, e como vía para instrumentar unha cooperación internacional respectuosa cos demáis pobos do mundo: “Un galeguismo sensato non impedirá que esteamos sempre en contacto coa cultura europea, un contacto máis íntimo que o que manteriamos por medio das traduccións das ideas europeas que nos presentan os pensadores madrileños”, afirma.

Nesa etapa completa esas elaboracións intelectuais, remata a súa arquitectura conceptual básica e ten a oportunidade de confrontar as súas ideas na política práctica. Dende as Irmandades da Fala da Coruña pasa ao Partido Galeguista. Participa na Asemblea fundacional de Pontevedra e integrase na súa dirección. Na II Asemblea pasa á Executiva, substituíndo a Boveda en organización, e na III asume xa a secretaría de relacións internacionais. Participa como un máis nas homenaxes e actos reivindicativos da época; cunha gran ilusión, se implica nas campañas políticas, toma partido nos debates, é, en suma, un membro activo, integrante dese núcleo duro de dirección do Partido Galeguista.

E medra progresivamente a súa comprensión da pertinencia dun movemento político de corte nacionalista, autoorganizando aos galegos e galegas, mirando para dentro pero observando sempre atentamente canto acontece ao seu redor. En primeiro lugar, seguindo a evolución europea do momento: a implantación en Alemaña do nazismo, por exemplo, levalle á conclusión de que os grandes estados son máis proclives á dictadura e ó imperialismo, adiantando que se Baviera fora independente, probablemente continuaría sendo democrática. Ou cando analiza a intención independentista de Australia occidental e a compara co caso galego. En ambas situacións, o centralismo é o que se mostra como reaccionario, mentres que o nacionalismo é de esquerdas. Por outra banda, o seu desencanto a propósito dos partidos estatais e o seu compromiso autonomista, levao a reivindicar un total desvencellamento deles, reflexionando a partir do caso irlandés: “Irlanda só logrou avanzar cando xurdiu un partido que non interviña na política británica, o Sinn Fein (Nós sós(19))”.

A súa fonda preparación e o dominio de idiomas levaronno á representación de Galicia e do Partido Galeguista no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, celebrado en Berna en 1933, un fito que aínda hoxe non superou o nacionalismo galego e sobre o que, ademáis, pasa, incomprensiblemente, con pes de lá. Plácido desempeña un papel clave na proxección exterior do galeguismo. Entón, case coma hoxe, unicamente os cataláns e vascos eran alguén. Plácido chegou alí coa súa Memoria, redactada por Vicente Risco, para explicar quen eran os galegos. E Galicia foi proclamada e aceptada como unha nación europea. Plácido entrevistouse co presidente do Parlamento suizo e do Consello da Sociedade de Nacións. Calquera que sexa o réxime politico en que Galicia viva, a nosa terra autónoma, ou non, está xa proclamada moralmente como unha nación, afirmaría dende a súa tribuna en El Pueblo Gallego(20).

É un feito capital na nosa historia contemporánea. No propio Sempre en Galiza, Castelao, cando comeza a explicar porqué Galicia é unha nación, o primeiro que afirma é que esa condición goza do recoñecemento exterior, non é algo opinable por catro galeguistas, algo que debamos demostrar ante ninguén. Aquela participación, aquel recoñecemento, transformou a condición nacional de Galicia en algo obvio e indiscutible. Logo, as derivas da difícil política europea do momento, as contradiccións daquel organismo, as propias prioridades da política galega, etc, levaron ó abismo a aquela organización coa que a partir de 1935 o Partido Galeguista reduce a súa relación, pero a participación foi sonada e tivo a súa repercusión tanto en Galicia como en Europa. Plácido, que sempre recoñeceu a necesidade de difundir o ideario galeguista entre os propios galegos como imperativo para avanzar socialmente, comprendía tamén a importancia de estar fóra. En 1934, na III Asemblea do Partido Galeguista, decídese a creación da Secretaría de Relacións Internacionais que el pasará a desempeñar como recoñecemento ó seu labor. Nesa Asemblea, Plácido é o candidato máis votado polos delegados, por diante incluso do propio Castelao.

Plácido esbozou a armazón do que podía ser a política exterior de Galicia, apuntando xa en 1931 os seus eixes básicos: fraternidade ibérica con bascos e cataláns (é participante habitual nos encontros do Galeuzka), intensificación das relacións cos pobos de cultura portuguesa de ambos os dous lados do Atlántico, estreitamento dos lazos que nos unen ás terras célticas de Europa. Non houbo tempo histórico para levala á práctica.

A Plácido pillouno a guerra en A Coruña. Agochado na Costa da Morte, foi detido, procesado, e condenado a oito anos de desterro a máis de 100 km de Muxía, ao pago dunha multa de 25.000 pesetas (dos anos trinta) e a 15 anos de inhabilitación. Probablemente salvouno dunha condena maior ou quizáis da propia morte, algunha influencia familiar, dada a posición do seu pai, quen ademais de empresario de minas fora en tempos deputado liberal. En Vigo, cidade que elixe para cumprir coa pena de desterro, mantén o contacto cos galeguistas, Paco del Riego, Xaime Illa (con quen fundará a editorial Sept), os Alvarez Blázquez, se ben acusa o desánimo polo enorme revés sufrido. É o tempo da pintura, das acuarelas, dos paseos polas praias de Coruxo, é o tempo de reorientar a súa vida persoal, de imaxinarse outra existencia.

A Londres fuxe para exercer de locutor na BBC, cun programa en castelán, en inglés e outro tamén en galego. Sería o primeiro programa no noso idioma no mundo da radiodifusión, e nas colaboracións volve sobre os seus temas habituais e lembranzas. Unha ollada a estes traballos, aínda por publicar, descubrennos claramente como a vertebración das grandes liñas do seu pensamento, as súas preocupacións e pareceres collen forza na primeira etapa.

En 1956 volve a Galicia e comeza a dar clases de inglés en Vilagarcía, no Instituto Laboral. Regresa á prensa (Faro de Vigo, Diario de Pontevedra, La Noche, El Pueblo Gallego) e aborda fundamentalmente temas de naturaleza social e cultural, algúns deles pioneiros: o desenvolvemento do turismo, o Camiño de Santiago, a importancia da formación, e sigue a darlle voltas á recuperación da nosa historia e da nosa identidade (romaría viquinga de Catoira) dentro dos límites do sistema, claro está, e participa nas tertulias literarias (Ateneo del Ullán). A posta en valor das nosas riquezas de todo tipo estará sempre presente no seu facer. De cando en vez aporta a súa erudición en temas que van da literatura á zooloxía ou aproveita para evidenciar o seu dominio na arte da traducción, que sempre fará directamente ó galego, aínda que os artigos estén en castelán.

Con estes antecedentes, é claro que os méritos de Plácido Castro para figurar entre as persoalidades máis destacadas do pensamento e da acción galeguista son máis que sobrados. Ogallá que este centenario contribúa á dignificación da súa figura e a reivindicar o seu pensamento.

Xulio Ríos é director do IGADI


Notas:

(1) Castelao, Sempre en Galiza, Ediciós Galiza, Bos Aires, 1944, Pax. 355.

(2) Faro de Vigo, 27 de agosto de 1961.

(3) El Pueblo Gallego, 4 de agosto de 1933.

(4) La Nación, 22 de maio de 1932.

(5) El Pueblo Gallego, 3 de xuño de 1927.

(6) Jornal de Noticias, 4 de xuño de 1949.

(7) A Nosa Terra, 1 de decembro de 1931.

(8) El Pueblo Gallego, 3 de abril de 1927.

(9) El Pueblo Gallego, 22 de febreiro de 1927.

(10) El Pueblo Gallego, 9 de xullo de 1929.

(11) El Pueblo Gallego, 29 de outubro de 1931.

(12) El Pueblo Gallego, 2 de decembro de 1930.

(13) Idem.

(14) El Pueblo Gallego, 10 de outubro de 1933.

(15) El Pueblo Gallego, 15 de setembro de 1928.

(16) A Nosa Terra, 25 de xullo de 1932.

(17) El Pueblo Gallego, 8 de maio de 1927.

(18) El Pueblo Gallego, 29 de xuño de 1927.

(19) El Pueblo Gallego, 26 de abril de 1933.

(20) El Pueblo Gallego, 10 de outubro de 1933. Ver tamén Ríos, Xulio, Galicia e a Sociedade das Nacións, Editorial Galaxia, Vigo, 1992.