Plácido Castro e a proxección exterior de Galicia

Plácido Castro e a proxección exterior de Galicia

Conferencia de Xulio Ríos no Congreso sobre Plácido Castro e o seu tempo (A Coruña, 16, 17, 18 e 19 de novembro de 2005).

Por Xulio Ríos (A Coruña, 16 de novembro de 2005)

É verdade que Plácido Ramón Castro del Río (1902-1967) presenta, como moitas das grandes figuras da súa época, un perfil moi poliédrico. Plácido foi tradutor, foi xornalista, foi profesor -de todo iso vaise falar nestes días-, foi moitas cousas, ata pintor de magníficas acuarelas, poeta, crítico teatral, pianista ou bo coñecedor da astronomía, pero, sobre todo, foi un universalista. Na biografía que escribín del en 1997 queda descrito como “símbolo da universalidade do nacionalismo galego”. Vou explicar por qué.

Certamente, xunto con esa caracterización de humanista que o leva a desempeñarse con mais que simple soltura en mil saberes distintos, consecuencia dunha formación moi rica e ampla –os seus coetáneos sempre se referían a el como o “culto amigo Plácido”-, o universalismo é a chave que permite acceder ao seu pensamento, quizais un dos mais estruturados do galeguismo de comezos do século pasado. Porque Plácido non é só universalista por convicción política, senón que é a súa forma de vida, fondamente interiorizada e derramada en todos os ámbitos en que a súa vida –dun país a outro- e as súas actividades, tan diversas, vaise concretando co paso dos anos.

Sen dúbida, esa profunda pegada ten que ver coa forma singular en como se achegou ao nacionalismo, é dicir, desde fóra, algo pouco usual e sobre todo na súa época. Hai quen opina que o nacionalismo cúrase viaxando, dando a entender que é unha cousa propia de persoas que nunca saíron dos seus catro valados ou que contan cunha amplitude de miras mais ben limitadas. Plácido, dende moi novo, foi enviado pola súa familia a estudar fóra, no Reino Unido, e é en Scarborough e en Glasgow onde maduran as súas conviccións nacionalistas: aprendendo inglés!, nin mais, nin menos, para decatarse de que resultaba esencial a defensa da nosa lingua e da nosa cultura, da nosa forma de ser. Eses alicerces foron reforzados aquí co contacto cos galeguistas, comezando por Villar Ponte, pero é no Reino Unido onde se decata de que para existir hai que ser … e sendo galego soamente se pode ser galeguista, como dicía Castelao.

O nacionalismo de Plácido non é un simple movemento reivindicativo, nin a consecuencia da toma de conciencia do aldraxada que poida estar Galicia por un determinado goberno central, por citar dúas variables que acostuman a estar presentes nas persoas que se acollen a ese ideario ou militancia. No caso del é diferente. Plácido faise nacionalista porque entende o nacionalismo como o punto de contacto co mundo, como a mellor forma de unión, a que evita o conflito e asegura a liberdade baseada no respecto á identidade de cada quen. O nacionalismo das pequenas nacións non separa, une, é unha forma de unión baseada no respecto das diferentes diversidades e formas de ser. Ser nacionalista, no sentido en que Plácido o é, resulta unha obriga ética e moral, antes que unha expresión de conciencia política.

A pregunta clave que Plácido se fai con menos de vinte anos, cando aínda estudaba Filoloxía Inglesa en Glasgow e non paraba de observar e reflexionar sobre a vida británica, é a seguinte: ¿como un país tan pequeno como o Reino Unido pode ter tanta influencia no mundo? Esa pregunta é, como digo, clave para entender a Plácido e o seu pensamento. E clave é tamén a resposta que el mesmo se da: é así porque soubo conservar a súa identidade, a súa singularidade, progresando, modernizándose sen abdicar das súas tradicións. A importancia ou influencia dos países no mundo non depende só do seu tamaño, da súa demografía, da súa capacidade económica, etc., depende sobre todo da súa autoestima, do respecto que se teña a si mesmo, de canto valore o que é e o saiba proxectar en consecuencia.

Se queremos ser, se queremos existir, debemos afondar na nosa propia identidade. Por iso el interesase polo celtismo e pola saudade, entendidas como dúas expresións singulares da identidade. Ese interese polo celtismo é o que o leva a viaxar por Irlanda, cun relato, escrito e gráfico, verdadeiramente marabilloso, que se reproducirá nas páxinas de El Pueblo Gallego. Moitas persoas na época falaban aquí de Irlanda “de oídas”, por solidariedades e admiracións compartidas; el estivo alí, porque sempre tivo esa percepción interior de que a avaliación completa dun fenómeno esixía estar dentro e fóra, observalo e comprendelo dende diversas arestas, todas enriquecedoras. Cando analiza a saudade, fuxe do tópico, tanto que o propio Castelao cítao no Sempre en Galiza como paradigma de como apreciala como forza positiva. A saudade é o instinto da vida, di Plácido, non algo que nos limite e nos amorriñe. O seu punto de vista está esquecido.

Non pode haber universalismo sen identidade. Para Plácido son as dúas caras da mesma moeda. Non se pode entender o universalismo como renuncia ás identidades para asumir unha conciencia uniforme que todo o asolague, chamémoslle cosmopolitismo ou internacionalismo. Como tampouco debe haber identidade sen progreso. A defensa da identidade non é unha actitude conservadora senón progresista.

Estas ideas de Plácido, que están presentes nos seus primeiros anos, nas súas primeiras reflexións, van a guialo durante toda a súa vida, e así se expresará en centos de artigos e traballos onde abordará a defensa do medio e da paisaxe, das nosas romarías, a posta en valor do camiño de Santiago ou a reivindicación da presencia viquinga en Catoira. Para Plácido, todas esas manifestacións teñen un fío conductor común: a defensa da identidade, desa identidade que debemos universalizar, que debemos conservar e dignificar porque forman parte do patrimonio cultural da humanidade. Invito a visitar a nosa web (www.igadi.org) para ter unha idea mais completa destas reflexións a través da lectura dos seus traballos.

Esa comprensión dual do problema explica a súa actitude receptiva ante o que ven de fóra, criticando de paso aos que consideran, por principio, que todo canto ven de fóra é mellor ca o noso; a súa paixón pola tradución ó galego; ou explica a súa dimensión xornalista en tantos medios como colaborou de diferentes países; e explica, naturalmente, a súa militancia no Partido Galeguista, onde chegará a desempeñar un papel esencial nalgún aspecto, formando parte do seu núcleo dirixente dende o primeiro ata o último congreso.

Este discurso, elaborado hai mais de setenta anos, segue hoxe plenamente vixente, cando aínda debemos reivindicar o valor do universalismo fronte á uniformización que nos impón unha certa mundialización, cando aínda debemos reivindicar a convivencia e a diversidade multicultural fronte a un colonialismo abrasador das conciencias. Por iso, un nacionalismo así entendido segue a ser un credo moderno, como el dicía en 1931, aquí, na Coruña.

Achegarse a Plácido Castro supón, en primeiro lugar, abordar unha figura que historicamente en certo modo encarna aquela “Galicia, célula de universalidade”, que o Partido Galeguista asumira como principio básico desglosado en pacifismo, federalismo internacional e tamén antiimperialismo, que Lois Tobío, outro universalista, tan ben explicaba. Pero é achegarse tamén a unha figura actual, por promover un discurso de inserción de Galicia no mundo, con identidade propia, e espírito aberto, un discurso que nos permite, que nos esixe, que nos obriga a ser cidadáns do mundo sen deixar de ser galegos.
2. Debemos, pois, contextualizar así a visión do mundo de Plácido e a súa percepción dunha Galicia integrada nel con identidade propia. Plácido reivindica unha acción exterior nosa que universalice a Galicia, que nos sitúe no mundo, que nos poña no mapa. Isto que hoxe se chama paradiplomacia ou acción exterior das entidades subestatais, era unha preocupación (e unha actividade) de Plácido Castro hai máis de 70 anos e os principais contornos nos que hoxe se desenvolve foron tamén imaxinados e formulados por el naquel entón.

As premisas de Plácido neste sentido, pasaban polo seguimento dos mais fondos conflitos da política internacional que se relacionan con problemas de minorías nacionais e de autonomías, un seguimento que el entendía como manifestación da reclamación de atención por parte de España para resolver os seus propios problemas autonómicos. “Unha España constituída por nacións autónomas tería sen dúbida ningunha, na vida internacional, un porvir moito mais brillante que un Estado unitario”, afirma en A Nosa Terra en 1932.

As ideas de Plácido en materia de política exterior están sintetizadas en varios traballos, especialmente nun artigo publicado en El Pueblo Gallego en agosto de 1933. Catro son os seus piares básicos. En primeiro lugar, as relacións con Euskadi e Cataluña. Plácido é moi consciente das diferencias que existen entre as tres nacionalidades e quen as representan (dende as disparidades ideolóxicas ás crenzas relixiosas ou os movementos políticos), pero con posibilidades e intereses claros para falar cunha soa voz para establecer unha autentica fraternidade ibérica. Non hai idealismo irracional nesta relación, senón a constatación de que a xestión compartida dos intereses comúns pode ter efectos beneficiosos non soamente para as tres nacións, senón tamén para o propio Estado, pois desa maneira poderá conseguir que galegos, vascos e cataláns sexan partícipes dun “verdadeiro patriotismo e un xenuíno espírito español integrado polas culturas de cada pobo”. Esa idea de que a lealdade dos nacionalismos periféricos con España garántese coa intensificación e exaltación das características peculiares dos pobos que a conforman –non coa súa negación ou persecución-, é de matriz británica. E diso estamos a falar nestes meses cando alguén pensa, tan atinadamente, na España plural.

Ademais do Estado, a alianza en Galeuzca ten outra dirección importante, que transcende as fronteiras ibéricas. A Galicia do Partido Galeguista darase a coñecer en Europa da man de nacionalistas vascos e cataláns. Porque aqueles galeguistas xa pensaban en Europa e mesmo podía dicirse que eran os máis europeístas de todos, cando o europeísmo aínda non nacera, sempre ao día das tendencias intelectuais e cando en Madrid, Europa quedaba aínda lonxe.

O segundo piar da acción exterior, na concepción de Plácido Castro, é o campo das relacións cos pobos lusitanos de ambos lados do Atlántico. Na España plural de Plácido Castro, Galicia tería liberdade para cumprir a súa misión histórica de aproximación a Brasil e a Portugal, e reivindica ese papel singular para Galicia, do mesmo xeito que expresa a súa comprensión respecto á necesidade de que Cataluña ou o País Vasco estean en íntimo contacto espiritual coas terras irmás de Francia. En certo sentido, a reflexión que Plácido Castro está a suscitar aquí garda moito paralelismo coas eurorrexións, pero formuladas como directrices políticas hai, como digo, mais de setenta anos, cando as esperanzas de maior liberdade se combinaban coa intelixencia dunha xeración que sería simplemente irrepetible.

A importancia de Portugal é moi acentuada para todo o galeguismo, como ben expresou o profesor Ramón Villares, nunha das Conferencias Anuais Plácido Castro, que a nosa Fundación promove cada 25 de xaneiro, coincidindo co natalicio do autor, dende o ano 2000. O que eu destacaría hoxe desa sensata querencia dos galeguistas é unha dobre consideración. A primeira, que ninguén debe temer as relacións de Galicia e Portugal, onde queda aínda moitísimo por facer; ninguén vai esgazar nada, pero ese medo á aproximación política impide que se aproveiten todas as posibilidades existentes que farían de Galicia unha comunidade en condicións de quitar partido desa “vantaxe comparativa” que é a súa proximidade cultural e lingüística. A segunda, que Galicia e Portugal, comezando pola eurorrexión, poderían ir da man en moitas partes do mundo, comezando polo mundo africano de expresión portuguesa, pero non só.

E queda pendente, respecto á proposta de Plácido, a asignatura de Brasil, onde carecemos aínda dunha estratexia integrada e mellor definida, e onde podemos atopar menores dificultades sentimentais para que o problema galego sexa comprendido e a identidade galega mellor recoñecida. Na idea de Plácido, non se exclúe, por suposto, a “natural” irmandade coas nacións americanas de fala en castelán e mesmo con Filipinas, relacións ás que non renuncia, se ben as primeiras, desenvolvidas con intelixencia e competencia, podían “especializar” a Galicia no Estado no tratamento con estes países en moitos campos. Plácido é consciente de que ese conxunto formaría unha Sociedade de Nacións con posibilidades igualadas ao conxunto de pobos de fala inglesa: Commonwealth versus Foro Iberoamericano.

Por último, o estreitamento dos lazos que a unen a outras terras célticas de Europa. Velaí con claridade esa dualidade coherente que sempre funciona en Plácido: reivindicación do celtismo cara dentro como expresión da identidade, que se transforma en acción exterior cara fóra vertebrando un proxecto de política exterior. Esa Europa céltica da que nos fala Plácido viría a ser hoxe, en certa medida, o Arco Atlántico da Unión Europea, no que Galicia está a participar e mesmo o presidiu hai uns anos.

Velaí a estratexia pensada nos anos trinta do século pasado por Plácido Castro e que darían pé á formulación dunha verdadeira e xenuína política exterior que Galicia podería levar adiante “sendo galega”, é dicir, con alma propia, non cunha existencia separada do mundo, senón ligada aos pobos ibéricos, á comunidade de países galaico-lusitanos e á irmandade de terras célticas en Europa.
3. O programa de política exterior formulado por Plácido Castro tivo unha concreción práctica moi importante. O papel de Plácido Castro no recoñecemento internacional de Galicia como unha nación quedará recollido para sempre como un dos feitos máis salientables da nosa historia contemporánea. Era a primeira vez que se podía escoitar a nosa voz no concerto internacional dos pobos. E esa voz, foi a de Plácido.

A participación de Galicia no Congreso de Nacionalidades Europeas fíxose posible despois de que o secretario xeral desta entidade, Edwal Ammende, xornalista estoniano, se trasladara a Galicia na primavera de 1933, aceptando un convite cursado por don Ramón Otero Pedrayo, quen o coñecera na celebración do Aberri Eguna.

O Congreso de Nacionalidades Europeas (CNE) funcionou dende 1925 ata finais dos anos 30 como foro para reclamar a atención permanente dos Estados sobre a imperiosa necesidade de salvagardar o respecto dos dereitos elementais das comunidades transformadas en minorías nacionais, moitas veces como consecuencia da acusada mobilidade das fronteiras europeas, mais que das nacionalidades minoritarias. O CNE agrupaba a representantes de grupos nacionais organizados nos Estados europeos que reclamaban o dereito á súa autonomía e ó desenvolvemento das súas potencialidades a todos os niveis sen cuestionar os vixentes marcos territoriais e desenvolvendo as súas actuacións baixo o marco do principio de lealdade das minorías.

O CNE mantiña unhas relacións importantes coa Sociedade das Nacións (SdN), a ONU de entón, e en todos os Congresos participaba algún representante seu, as resolucións adoptadas transmitíanselle puntualmente e o diálogo co Presidente da sección de minorías, de Azcárate y Flórez, era fluída e habitual, o cal non quer dicir que sempre houbese coincidencias; mesmo podía sinalarse que co paso do tempo, a medida que as tensións en Europa ían en aumento e que a SdN evidenciaba as súas carencias, os problemas foron medrando.

Plácido participou no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, celebrado en setembro de 1933, nun tempo marcado pola designación de Adolf Hitler como primeiro ministro de Alemaña que aceleraría o final da República de Weimar, e o acoso ás minorías xudeas, moi representadas no Congreso, ao igual que as minorías alemanas presentes en varios países. As diferencias e desencontros entres alemáns e xudeus eran moi pronunciadas e mesmo obrigaron a sopesar a conveniencia da propia realización do Congreso. Pero non poucos tiñan medo a que de non facerse agora, xa non habería mais.

A aposta dos organizadores era que a reunión servise de catalizador dos elementos moderados tanto da beira xudea –que contaba sobre todo co respaldo do goberno polaco- como xermana, pero a aproximación foi imposible na práctica. O grupo alemán era o mais numeroso, o mais potente, e o que contaba con maiores recursos. O enfrontamento entre uns e outros a piques estivo de levar o Congreso á súa disolución, só impedida por un difícil equilibro que malamente disimulaba a falta de harmonía entre os seus principais integrantes.

Nese difícil contexto é no que Plácido Castro acude a Berna na procura de apoio moral da opinión pública europea e internacional, para establecer un marco de cooperación con movementos afíns que permitisen unha mais eficaz universalización de Galicia, e o recoñecemento de Galicia como unha nación.

Plácido relatou para A Nosa Terra e El Pueblo Gallego as peripecias do Congreso, reunido, como el mesmo di, “en momentos dramáticos da vida internacional”. Na súa declaración ante os participantes proclamaba que Galicia “é unha nación ben definida”, ó tempo que se reivindicaba o dereito innegable do pobo galego a dispor de si mesmo e na liña das disposicións internacionais relativas ás minorías, reclama a plena liberdade de empregar o seu idioma materno, sobre todo no ensino e así mesmo o respecto dos seus costumes.

O documento presentado por Plácido ía acompañado dunha memoria redactada por Vicente Risco, que insiste nas particularidades que nos definen e nos diferencian do resto do Estado e que non atopan mecanismos normais para a súa expresión e desenvolvemento reproducindo dinámicas de dependencia que allean ós galegos do seu propio país. O texto completo pode consultarse na obra sobre “Galicia e a Sociedade das Nacións” que publiquei en 1992.

Relata Plácido Castro que foi acollido cordialmente polo Presidente do Congreso, Josip Wilfan, deputado esloveno no Parlamento italiano, polo presidente do Parlamento suízo, Sr Motta, e polo primeiro ministro noruegués e presidente do Consello da SdN, Sr Mowruchel.

A presencia galega neste Congreso foi moi importante porque permitiu expresar o recoñecemento por unha organización internacional, integrada por representantes de 40 millóns de persoas pertencentes a catorce nacionalidades, de que o noso pobo constitúe unha nación. Así o celebrou El Pueblo Gallego nun editorial no que tamén se lamentaba do limitado alborozo que este feito producira en Galicia. Dende a Fundación promovemos en 2003 un acto cívico conmemorativo dos setenta anos desta proclamación, pero aínda falta moito por facer para que sociedade galega tome conciencia da transcendencia deste acto, indisociable da figura e das preocupacións e actividades de Plácido Castro que a partir de entón comezaría a exercer como secretario de relacións internacionais do Partido Galeguista.

No Congreso do ano seguinte, Plácido xa non participou, se ben na documentación da SdN en Xenebra consta a previsión da súa asistencia. As minorías xudeus abandonaran a organización como expresión clara da falla de espazo político para unha entidade que non tiña posibilidades de viabilizar os seus postulados nunha Europa que se preparaba para a guerra. En 1937, no XIII Congreso, celebrouse o derradeiro encontro.

Alén do feito histórico e simbólico, este acontecemento é tamén revelador sobre a ubicación de Galicia no contexto internacional. E non menos importante é a estratexia utilizada para inxerirse en Europa: da man de vascos e cataláns, mesmo como unha prolongación do acordo acadado na Península.

O clima internacional da época era adverso e difícil para que Galicia obtivera certo protagonismo e relevancia neste foro. Ademais, incorporámonos ó Congreso de Nacionalidades con certa tardanza en relación a outros grupos organizados (os cataláns por exemplo levaban sete anos participando) e mesmo podía dicirse que cando comezaba a súa agonía. Por outra banda, o Congreso estaba instalado nunha dinámica representativa das minorías e un tanto afastado aínda da problemática das nacionalidades minoritarias, que é un problema distinto.

Quizais por todo iso, Castelao, no Sempre en Galiza, que antes de explicar por qué Galicia é unha nación destacará a partir de entón que así foi recoñecida pola Sociedade das Nacións, pero que o CNE non era o lugar máis acaído para nós. Non obstante, o recoñecemento de Galicia como nacionalidade foi moi importante porque a partir de entón comezamos a existir a estes niveis, a dispoñer de significación política internacional.

Como escribiu Plácido en El Pueblo Gallego: “Calquera que sexa o réxime político en que Galicia viva, a nosa terra, autónoma ou non, está xa proclamada moralmente como unha nación”. No ano 1934, na III Asemblea do Partido Galeguista, Plácido Castro obtén, en votación secreta, 1.654 votos, sendo o membro mais votado para a Secretaría Executiva, recoñecendo así, no seu tempo e polos seus, o enorme valor do seu papel neste empeño, valor que as posteriores xeracións, mesmo as nacionalistas, esqueceron tristemente.
4. Así pois, en Plácido Castro atopamos achegas importantes para a formulación dunha acción exterior de Galicia, orientada a garantir o establecemento de alianzas e a definición de intereses estratéxicos que permitan a nosa presenza internacional con identidade.

Non hai nel desentendemento, non hai compartimentos estancos, non hai unha Galicia fronte ao exterior, senón unha continuidade enriquecedora que chama a atención sobre a importancia de que as sociedades presten similar atención ós temas internacionais que ós nacionais. Esa reivindicación faina a propósito da defensa do pacifismo, variable indispensable no seu universalismo, que considera preciso asentar como un valor social principal por unha dobre vía: fiscalización cívica da política exterior e reivindicación dun sistema de xustiza internacional que garanta o respecto da legalidade. Isto escribíao en 1927 en El Pueblo Gallego e nada ten que ver con esa imaxe do nacionalismo disgregador e violento que asoma nos últimos anos polos nosos medios de comunicación. Plácido entendía que o nacionalismo liberaba enerxías positivas porque debilitaba os Estados imperialistas, causantes principais das grandes guerras, e fortalecía o ideal e a práctica da democracia. O nacionalismo de Plácido era un nacionalismo de paz. Nada tiña que ver co nacionalismo de Hitler ou de Mussolini. E por riba de todo era un demócrata, e esa condición, e a decepción causada polo trunfo do alzamento fascista de 1936, levaríao de volta ao Reino Unido.

Plácido seguía moi de preto a actualidade internacional do momento, porque sabía que non bastaba mirar cara dentro. Había sempre que observar atentamente canto acontecía o noso redor: de Escocia ou Gales a Irlanda, de Australia a Alemaña, podemos atopar as súas reflexións en multitude de columnas xornalísticas, que fan del un avanzado do pensamento da época, sexa galeguista ou non.

E ese universalismo que como actitude vital nuclea a súa visión da vida debería facernos reflexionar. Porque nunca debemos consentir o desleixo e abandono respecto ás nosas cousas, porque debemos ser críticos con esa tendencia que nos leva a aceptar e asimilar o alleo en detrimento do noso, aínda sendo de inferior calidade como el dicía, e porque debemos partir de nós mesmos para achegármonos ó exterior. Porque interior e exterior non rifan cando se respectan mutuamente.

A Coruña, 16 de novembro de 2005