Plácido Castro entre nós

Plácido Castro entre nós

Por Xulio Ríos

O interese da figura de Plácido Castro radica nunha traxectoria que exalta, de principio a fin, unha peculiar singularidade. Compartía co mellor da súa xeración a vocación galeguista pero o seu dilatado periplo británico superaba de lonxe calquer episódica estadía centroeuropea; da literatura á política, o seu coñecemento do mundo céltico e británico en particular, era algo máis que producto de cultivadas lecturas ou algunha viaxe de estudios; e, por riba de todo, o seu humanismo renacentista (xornalista e analista político, falaba varias linguas, tocaba o piano, exercía de crítico teatral, magnífico traductor, sabía de astronomía, pintaba acuarela, etc) que asentaba nunha educación privilexiada no Colexio Scarborough primeiro, compartindo pupitre con algúns membros da familia real británica, e na Universidade de Glasgow despois, sempre en contacto con destacadas figuras do seu tempo, de Chesterton a Eoin Mac Neill.

E falamos dos anos vinte do século pasado, tempos convulsos nos que soubo atopar axiña a clave esencial que inspiraría a súa conducta e existencia: a defensa da identidade e do universalismo. Plácido Castro creía neste país. Toda a súa vida, tanto en horas de entusiasmo como de frustración, xirou arredor dun perseverante esforzo pola dignificación de Galicia. Os seus ideais cívicos e democráticos, sólida e racionalmente interiorizados dende os anos mozos, axiña lle permitiron identificarse coa causa galeguista, a que mellor recollía esa mensaxe positiva e optimista de impulso das nosas vitalidades, mesmo cando esa simpatía se desenvolvía con todo un mar por medio. A pervivencia deses mesmos ideais fixo imposible a súa permanencia en Galicia nos duros anos da posguerra cando, despois de varios meses no cárcere, foi deportado a máis cen quilómetros de Muxía, donde fora detido polos sediciosos. A finais dos anos coarenta, o paso pola BBC permitiulle certo alonxamento dos anos máis cutres do franquismo.

Plácido, aínda hoxe teórico realmente novidoso da saudade, tivo certamente un compromiso político, moi apaixoado antes da guerra, que o levou a militar activamente no Partido Galeguista. Dende o primeiro momento formou parte da súa Comisión Executiva e permaneceu nela ata o final. Os servicios prestados dende esta instancia orgánica foron moitos e diversos, pero para a historia quedará a súa vinculación á proclamación de Galicia como nacionalidade histórica no Congreso de Nacionalidades Europeas, celebrado en Berna en 1933. Algo que se debería relembrar máis.

Pero o compromiso de Plácido con Galicia sempre transcendeu o político e mesmo pode dicirse que este ámbito era simplemente instrumental para quen o rexurdir da nosa Terra non comezaba nin remataba no ámbito da política, senón que esta era unha ponla máis do que habíamos de facer noutros dominios. O seu labor no ámbito da traducción, por exemplo, limitada no coñecemento público á versión de As Rubbayat é sen embargo moito máis extensa e está aínda por recoñecer debidamente. Coherente e consecuente, reivindicou sempre a universalidade do noso idioma e da nosa cultura como premisa e fundamento dunha conducta irrenunciable.

A visión dun Plácido pesimista e alonxado do galeguismo de posguerra, esixiría moitos matices. Ademáis da súa participación activa en numerosos eventos culturais que presentaban como denominador común aquel rexurdir identitario que profesara nos anos mozos, aínda despois do seu segundo regreso do Reino Unido, na década dos cincuenta, xurden a cada paso evidencias do seu comprometido labor en apoio das reivindicacións estudiantís no Instituto Laboral de Vilagarcía ou en favor das viúvas e familiares dos mariñeiros galegos falecidos nas costas inglesas.

Plácido era un individuo singular e excepcional. Sempre discreto, sen avidez de protagonismo, de tan excesiva modestia que resultou prexudicial ó privarnos de boa parte da súa obra, periodística, traductora e de reflexión, que aínda permanece inédita en boa medida. Paga a pena coñecer a Plácido e ogallá que novas aproximacións favorezan a merecida significación desta insigne figura.

Xulio Ríos é director do IGADI