Plácido Castro, unha figura a rescatar do esquecemento

Plácido Castro, unha figura a rescatar do esquecemento

No universo do galeguismo e o nacionalismo, poucas figuras como a de Plácido Castro (Corcubión 1902-Vilagarcía 1967) ofrecen unha traxectoria e un pensamento tan orixinal. Galicia débelle aínda o recoñecemento que verdadeiramente merece.

Dúas referencias e un ecuador

Na súa traxectoria vital son de grande importancia os períodos británicos. O primeiro discorreu na súa nenez e mocidade e influíu sobranceiramente na súa formación humanista e intelectual. Á moi curta idade, nun colexio de elite en Escocia e despois na Universidade de Glasgow, Plácido accedeu a un fondo coñecemento da cultura do seu tempo e da británica en particular. O Plácido de “sólida cultura e fondas inquedanzas”, como recoñecían os seus coetáneos, acreditouse como un admirador do respecto dos británicos pola súa identidade, radicando nesa actitude de autoaprecio a principal forza do seu espírito. Na rica vida cultural do seu entorno, Plácido desenvolveu as súas arelas polas artes, o teatro, a música, a poesía, etc., que conservaría ao longo de toda a súa vida.

A segunda etapa británica discorreu trala guerra civil. Os camiños da vida levaron de volta a Plácido a Londres, onde colaborou varios anos coa BBC sen perder o contacto con Galicia. Dende alí participou nos primeiros programas en galego do mundo da radiodifusión e tamén nos emitidos en español e inglés, ao tempo que mantiña a colaboración con algúns outros medios estranxeiros.

A guerra civil partiu en dous a súa vida. De familia moi acomodada, as súas enerxías deran as costas aos negocios para comprometerse no rexurdir de Galicia que ansiaban os galeguistas de principios do século pasado. O seu compromiso político tivo consecuencias trala guerra: oito anos de desterro a máis de 100 km de Muxía, pago dunha multa de 25.000 pesetas (dos anos trinta) e 15 anos de inhabilitación. En Vigo, cidade que elixiu para cumprir coa pena de desterro, mantivo o contacto cos galeguistas Paco del Riego, Xaime Illa (con quen fundará a editorial Sept), os Alvarez Blázquez, se ben acusa o desánimo polo enorme revés sufrido. É o tempo das acuarelas, dos paseos polas praias de Coruxo, é o tempo de reorientar a súa vida persoal, de imaxinarse outra existencia. Trala breve estadía en Vigo, de Lisboa para Londres toma o camiño do exilio.

Tres dimensións principais

Plácido Castro foi un humanista comprometido co seu tempo e a súa xente. Tres facetas principais destacan na súa poliédrica traxectoria: xornalista, político e tradutor. En cada unha delas, destacou pola súa creatividade, rigor e vocación de servizo á sociedade galega.

O xornalismo acompañouno toda a vida. As “Crónicas de Londres” que comezou a escribir para El Pueblo Gallego, con vinte e poucos anos, revelan o seu cabal coñecemento da política inglesa, que sempre abordou desde posicións democráticas, liberais e progresistas. Debe significarse especialmente o conxunto de crónicas da súa viaxe ás Illas Blasket, nos confins de Irlanda, que ainda hoxe representan un testemuño, escrito e gráfico, dun tempo xa inexistente que lle causou unha fonda impresión. Plácido, ademais de colaborar coas publicacións galeguistas da época (Nós, A Nosa Terra, etc.), mantivo firma propia en diferentes momentos no Jornal de Noticias, La Nación e, mais adiante, noutros medios como Faro de Vigo, La Noche, Diario de Pontevedra. Pertencente a esa xeración de intelectuais e políticos galegos que concibían e facían uso da prensa como un dos principais activos para a creación de conciencia cidadá, segundo dixo con acerto Luis Alvarez Pousa, sorprendeu sempre pola súa erudición, fluidez e sólido argumentario.

No plano político, o compromiso co Partido Galeguista tivo a súa máxima expresión na participación no IX Congreso de Nacionalidades Europeas celebrado en Berna, Suiza, en 1933. Aquel organismo, adxunto á Sociedade de Nacións, recoñeceu naquel congreso a condición nacional de Galicia e Plácido participou na audiencia celebrada co presidente do Consello. A partir dese momento, na asemblea do Partido Galeguista celebrada en Pontevedra, Plácido pasou a asumir a responsabilidade da secretaría de relacións internacionais, sendo o candidato máis votado polos delegados. Formando parte desde os comezos da súa andaina, Plácido integrou o núcleo dirixente do Partido, colaborando estreitamente cos Vilar Ponte, con Bóveda, con Castelao, etc.

Vicente Araguas ten a Plácido Castro por “un adiantado do mundo tradutor galego”, asegurando que as súas traducións á lingua galega constitúen “sobranceiras mostras de poderío estético mais tamén técnico”. En 1928, con apenas 26 anos, traduciu do castelán ao inglés a traxicomedia Almas brujas, de Manuel Linares Rivas, que foi representada en Londres. En 1935, en colaboración cos irmáns Vilar Ponte, publica Dous folk-dramas de William Butler Yeats: Catuxa de Houliham (de 1902) e O país da saudade (de 1894). Traduce poesía de Yeats, George William Russell, Robert Burns, Raftery, Egan O’Rahilly, Seamus Cartan, Thomas Moore, Alfred Edward Housmon, Christina Rossetti, William Henry Davies, John Masefield, Walter John de la Mare, Dowson, William Blake, James Stephens, Aubrey de Vere, Thomas Hardy, Padraic Colum, Lady Dufferin, Fanny Parnell, etc. Sobre varios deles volve constantemente, refacendo unha e outra vez as súas traducións ou presentando outras novas, como é o caso de Yeats, Christina Rossetti, Raftery ou George Russell, dos que se ocupa ao longo de practicamente toda a súa vida. Pero sen dúbida a tradución máis importante de todas foi a das Rubáiyát de Omar Khayyám. A elas dedicoulles varios anos de traballo, un moi detallado estudo introdutorio no que se presentan os pormenores da historia do manuscrito persa orixinal e da tradución inglesa que Plácido emprega como punto de partida e unha serie de glosas explicativas. En palabras de Valentín Arias, Plácido moi pronto probou e amosou que a propia lingua é quen de acoller cumpridamente realizacións relevantes en linguas alleas de prestixio como a inglesa. No ano 1946, xunto con Lois Tobío e Florencio Manuel Delgado Gurriarán, gañou, cunha escolma de traducións, o certame literario convocado pola Federación de Sociedades Galegas da Arxentina co gallo do 25 aniversario da súa fundación. En 1949 publícase en forma de libro, que se converte nun dos fitos da literatura galega da posguerra.

Pero aquí non se acaba todo. Plácido tamén foi ensaísta, poeta… Cabe significar especialmente a súa paixón polo teatro. Como outros do seu tempo, avogou por un teatro nacional galego. Acreditando na «educación da sensibilidade pública» a partir do contacto «coas mellores obras estranxeiras», postula que «en ningún teatro coma no irlandés» podía atopar Galicia os alicerces da “eterna e tráxica loita da alma celta entre os soños e a realidade”. E preocupouse, xunto cos irmáns Villar Ponte, de senta-las bases do que había ser o teatro nacional galego, a semellanza do Abbey Theatre de Yeats e Lady Gregory.

Trazos do seu ideario

Se tiveramos que destacar as claves centrais do seu pensamento, mencionaría, primeiro, a do nacionalismo como unha nova forma de unión, como expresión dun universalismo pacifista. O nacionalismo é o noso punto de contacto co mundo, dicía. En Galicia, os que teñen un espírito internacional e universalista son os nacionalistas. En efecto, fronte aos que consideraban o nacionalismo unha idea trasnoitada e perigosa, Plácido defendía a súa condición de “credo moderno”, pacifista e antiimperialista. O nacionalismo de Plácido é expresión da verdadeira cohesión que resulta da asociación voluntaria de pobos libres. Un galeguismo sensato non impedirá que esteamos sempre en contacto coa cultura europea, defendía. Os galegos tiñamos que ser “nós mesmos” pero “non estar sós e illados”.

O universalismo é complemento indispensable dese nacionalismo, outra constante que se afirma no seu pensamento, traducido nun respecto escrupuloso por outros pobos e culturas, na exaltación permanente do valor da convivencia.  Nesa mesma liña, Plácido esbozou a armazón do que podía ser a política exterior de Galicia, apuntando xa en 1931 os seus eixes básicos: fraternidade ibérica con vascos e cataláns (é participante habitual nos encontros do Galeuzka), intensificación das relacións cos pobos de cultura portuguesa de ambos os dous lados do Atlántico, estreitamento dos lazos que nos unen ás terras célticas de Europa. Non houbo tempo histórico para levala á práctica.

Plácido chegou ao nacionalismo a través da súa observación, estudo e admiración polo Reino Unido. Foi fóra onde comprendeu que a autoestima e a dignificación do propio son valores claves para que calquera sociedade poida progresar. Por iso, afondou na significación deses factores no caso de Galicia, sinalando en especial o celtismo e a saudade. En “La saudade y el arte en los pueblos célticos” (1928),  reflexiona sobre a saudade como a forza telúrica, o instinto de comuñón coa natureza, que alumea toda a arte dos galegos e en concreto a expresión poética; un desexo do imposible que non se debe entender como pesimismo ou como fonte só de dor ou pranto, senón como revulsivo aguilloante e forza inspiradora do progreso cara o ideal. A saudade como instinto de vida, definición salientada por Castelao no Sempre en Galiza.

Un precursor

Home de ideas precursoras que xa en 1927, por exemplo, reivindica un sistema de xustiza internacional ao tempo que urxe un maior protagonismo cívico á hora de fiscalizar a política exterior dos Estados, foi el tamén quen moito antes de que nos anos setenta se expuxesen aplicadas á nosa Terra as teorías do occitanista Robert Lafont sobre o colonialismo interior, se adianta para denunciar a situación colonial en que vive Galicia. Desenvolvéndose en diferentes dominios, non hai compartimentos estancos nunha traxectoria que destaca por pensar sempre en Galicia en clave universal, fuxindo desas contraposicións maniqueas que fragmentan a nosa sociedade entre os partidarios de unha cousa e as do contrario.

O que primeiro advirte o adolescente Plácido é que boa parte da fortaleza das Illas Británicas estriba na súa singularidade, no cultivo e defensa dunha identidade que a proxectan no mundo de forma xenuína. E se Galicia aspira a ser, a contar no concerto dos pobos, debe recoñecerse a si mesma, recuperar e proxectar a súa identidade. Por iso Plácido dedicará especial atención a este problema, procurando aportar o seu perfil e contornos básicos, adiantando unha construción que se modula arredor dunha identidade aberta ao mundo como base do progreso.

Reler a Plácido Castro é atopármonos cunha Galicia de seu, xenerosa e culta, intelixente e comprometida cun destino que participa do propio de forma apaixonada mais sen por iso erguer valado algún. Galicia é un suxeito universal, un país no mundo.

Xulio Ríos é autor da biografía de Plácido Castro (Ir Indo, 1997).

http://www.ezaroediciones.com/category/gallegos/