Un tradutor de lei

Un tradutor de lei

Por Xulio Ríos (Xornal de Galicia, 14/09/2011)

Moito celebro que a Asociación de Tradutores Galegos fixara a súa atención en Plácido Castro para conmemorar en Galicia o día internacional da Tradución. E ogallá que este sexa o primeiro de tantos recoñecementos que Plácido merece e que Galicia venlle negando reiteradamente. Político galeguista e xornalista, Plácido foi un tradutor de lei, que diría Tobío, o seu coetáneo en tantas teimas. Na tradución ao galego, que xa ten unha historia de moitas décadas, ocupa Plácido Castro un lugar moi singular e importante. Como ten lembrado Pérez-Barreiro, outro admirador profundo desta figura, anterior á profesionalización e a “tecnificación” do mestre tradutor, Plácido pertence aos tempos en que o tradutor é un escritor que, compenetrado coa obra de outro, ponse a recreala na súa lingua. A importancia de incorporar dese xeito a literatura universal ao galego tiña sido vista xa polos escritores da xeración Nós.  Plácido aporta a esa tarefa algo ata entón inexistente e aínda hoxe pouco frecuente:  o coñecemento íntimo e vivido da cultura da lingua que traduce. O home, o escritor, a súa visión do mundo e das culturas e as circunstancias da súa vida xúnguense nel con acerto feliz.

O teatro e a poesía en lingua inglesa son os eidos onde Plácido Castro “vive” as traducións que fai ao galego. Máis que de texto a texto, o proceso vai nelas de mundo a mundo, e o tradutor vive e síntese vivir nos dous, e atopa a expresión en que se sintetizan e conviven sen estrañeza eses dous mundos del.

Era Plácido perfectamente consciente dos problemas da tradución, nun tempo en que se teorizaba pouco sobre eles. Tiña con certeza unha visión clara do que facía en termos de lingua, máis tamén da necesidade desas traducións para a cultura e o pobo galego. Esa dimensión social acentúase nas tradución do teatro de Yeats, no que, coñecendo como coñecía a importancia do Abbey Theatre no renacemento cultural irlandés, soñaba con algo semellante para Galicia, como ten sinalado Manolo Vieites, e propúñase facilitarlles aos grupos teatrais do país uns textos de coidada elaboración estética e fonda raíz popular, reflexo das vivencias de un pobo irmán.

O amor ao propio, sen odio ao alleo, ven ser sinónimo de cultura e progreso. Non se trata dunha afirmación teórica, senón que responde punto por punto á experiencia vital de Plácido Castro. Tan lonxe da admiración incondicional e papona como do peche ferreño ao novo e diferente, encarna un ideal de galego universal e creador que cómpre cultivar aínda hoxe, ou especialmente hoxe.

Xulio Ríosdirector do Igadi