19ª Conferencia Anual Plácido Castro: “Plácido Castro e o universalismo galeguista”

XIX Conferencia Anual Plácido Castro

19ª Conferencia Anual Plácido Castro: “Plácido Castro e o universalismo galeguista”

Pronunciada por Xulio Ríos en As Neves, 25 de Xaneiro de 2018

Presentación

Quixera agradecer, en nome propio e da institución que represento, á Fundación Plácido Castro a elección do municipio de As Neves para celebrar esta XIXª Conferencia Anual que pretende reivindicar a figura deste insigne galeguista. Sei tamén que a elección obedece a unha expresión de solidariedade co noso municipio trala dramática vaga de lumes de hai uns meses, circunstancia que igualmente agradecemos. Somos sabedores da sensibilidade de Plácido Castro a propósito da protección e defensa do noso patrimonio natural e da nosa paisaxe como un dos atributos característicos da identidade galega.

O tema desta conferencia refírese a un aspecto pouco coñecido da nosa historia recente. Ao se cumpriren 85 anos da participación galega no Congreso de Nacionalidades Europeas, é obrigado virar a mirada para o papel de Plácido Castro e destacar a importancia de estarmos no mundo. Se con Plácido Castro temos aínda unha débeda de gratitude tamén a temos con aquela súa xeración que deu pasos fundamentais nunha época mais complicada aínda que a actual para situar a nosa Terra no concerto das nacións.

Xulio Ríos, quen hoxe nos acompaña, biógrafo de Plácido Castro, xa abordou esta cuestión nun libro editado en 1992 pola editorial Galaxia que leva por titulo Galicia e a Sociedade das Nacións, e poderá ilustrarnos sobre os pormenores e circunstancias que rodearon aquel transcendental evento.

Ogallá que esta conferencia de hoxe sirva tamén para coñecer máis a interesante figura de Plácido Castro e contribuír ao seu recoñecemento público que, sen dúbida, tanto merece.

Xosé Manuel Rodríguez Méndez
Alcalde Concello de As Neves

“Plácido Castro e o universalismo galeguista”
Xulio Ríos

Quixera, en primeiro lugar, agradecer ao Alcalde e o Concello de As Neves a súa activa colaboración para a organización desta XIXª Conferencia Anual Plácido Castro coa que a Fundación certamente pretende divulgar a súa figura e tamén reflexionar sobre algún aspecto relevante da súa traxectoria ou do seu pensamento. Neste caso, aproveitando que en 2018 conmemoraremos o 85 aniversario da súa participación no IXº Congreso de Nacionalidades Europeas, un evento que a Fundación procura celebrar dende hai quince anos, consideramos atinado evocar esta efeméride de tanta transcendencia para Galicia.

O primeiro que cómpre sinalar é que Plácido Ramón Castro del Río foi unha “rara avis” no galeguismo. E foino, de entrada, por dúas razóns. Primeiro, pola súa orixe familiar. Plácido naceu nun entorno acomodado e de clase alta en virtude dos negocios do seu pai, empresario de  minas, armador de buques e relacionado cos abastecementos de carbón, tamén vicecónsul de Suecia e Noruega en Corcubión. Cómpre sinalar que a inmensa maioría dos galeguistas da súa xeración eran mais ben de clase media. En segundo lugar, pola súa formación pois dende moi noviño foi enviado a estudar ao Reino Unido. No colexio Scarborough, Plácido foi educado de forma exquisita xunto a parte da elite británica, mesmo da realeza, asentando nel unha formación humanista que lle procurou amplos saberes en numerosas materias. Plácido cursou primeiro estudos de Arquitectura Naval (probablemente seguindo as indicacións e preferencias familiares), que abandonou, e cabe imaxinar que se licenciou en Filoloxía Inglesa na universidade de Glasgow, un extremo aínda por confirmar, ou en Cambridge, onde tamén estudaría.

Esta longa etapa da súa vida, en estreito contacto co Reino Unido, confirmou en  Plácido unha sensibilidade anglófila, a diferenza tamén dos seus coetáneos de xeración galeguista, en gran medida xermanófilos. Coma moitos deles, Plácido entrou en contacto con Europa sen pasar por Madrid, pero, a diferenza deles, mentres moitos amosaban a súa preferencia por Berlín e o alemán, el viuse seducido pola vida británica en todas as súas dimensións, dende a política á cultural. Esta “devoción” non lle impediu desenvolver unha natural simpatía polo nacionalismo irlandés, sempre seguido moi de preto polo galeguismo da época, á vez que matizaba a comprensión do imperialismo británico a partir do seu profundo coñecemento da política inglesa. A erudición de Plácido, o “culto” Plácido como o alcumaban na época, expresouse no seu dominio de varias linguas, coñecementos de poesía, astronomía, música, pintura, etc.

Ao longo da súa vida (1902-1967), Plácido desenvolveu tres vocacións principais.

A primeira foi o xornalismo, tanto antes como despois da guerra. As súas primeiras colaboracións en El Pueblo Gallego, as “Crónicas desde Londres”, iniciounas con apenas 25 anos, amosando nelas unha gran madurez e un profundo coñecemento da política británica. Nunha misiva de Valle-Inclán ao seu pai, quen lle escribira interesándose pola súa opinión a propósito das colaboracións do seu fillo, recoñecía nel un “joven de provecho”,  unha “pluma fácil, ágil y despierta”, pero cun “funesto sentido provinciano” en razón do que consideraba unha perda de tempo andar coa vella teima do celtismo… Despois da guerra, Plácido colaboraría coa BBC, desde Londres, ou co Jornal de Noticias de Porto. Trala volta a Galicia, as súas colaboracións sucederíanse en La Noche, o Diario de Pontevedra, ou, sobre todo, Faro de Vigo, que por aquel entón dirixía o seu amigo Álvaro Cunqueiro, en quen posiblemente influenciou coa súa cultura arredor dos mitos célticos. Se na primeira etapa primaba a análise política, na segunda, era a cultura e temas conexos quen primaban nas súas colaboracións.

A segunda vocación foi a política. Plácido foi elixido membro do Comité Directivo do Partido Galeguista canda a súa fundación, en 1931. A partires de 1933, na Asemblea extraordinaria celebrada en Ourense, desempeñou como secretario de Relacións Internacionais, en boa medida como recoñecemento do seu labor no IXº Congreso de Nacionalidades Europeas. Naquela asemblea, Plácido foi o máis votado para a dirección polos delegados do Partido (1.654 sufraxios). Alexandre Bóveda substituíno á fronte da secretaría de Organización. Plácido participará en 1934 no Pacto de Compostela e asumirá a representación do Partido nas reunións de Galeuzka.

En terceiro lugar, a tradución. Foi esta unha constante moi relevante, que combinaba co seu profundo amor pola poesía. En 1946, a Federación de Sociedades Galegas de Arxentina premiouno, xunto a Lois Tobío e Florencio Delgado Gurriarán. A súa tradución de As Rubayyat de Omar Khayyam, a partires da versión inglesa de Fitzgerald, é moi celebrada. A súa figura é recoñecida como a dun dos grandes pioneiros da tradución en Galicia. Paga a pena mergullarse no volume preparado por Laura Linares, Verbas Atlánticas, recentemente editado pola propia Fundación, onde se recolle, en versión bilingüe, esa inmensa obra que Plácido foi construíndo paseniñamente ao longo sa súa vida. Sempre defendeu a idoneidade da lingua galega para a tradución poética e mesmo nos anos máis duros do franquismo non deixou de expresar en galego os seus poemas e autores estranxeiros favoritos.

En canto á súa traxectoria, é perceptible con nitidez a existencia dun Plácido antes e outro despois da guerra civil (1936-1939). Antes da guerra, hai un Plácido entusiasmado e comprometido co ideal galeguista. Preside as Irmandades da Fala de A Coruña, a Asociación de Escritores en Lingua Galega da cidade herculina, implícase a fondo na campaña a favor do Estatuto de Autonomía para Galicia, etc. En boa medida, da as costas aos plans familiares que seguramente optaron por envialo a formarse ao Reino Unido coa esperanza de que continuase cos negocios que lle procuraran aquela vida acomodada, pero desenténdese totalmente dese rumbo e opta por implicarse a fondo no movemento de redención da identidade galega.

Trala guerra, con 38 anos cumpridos, Plácido debe reorientar a súa vida. Pola súa militancia galeguista, é condenado a unha multa de 25.000 pesetas, oito anos de desterro a 100 km de Muxía e 15 anos de inhabilitación absoluta. Opta por trasladarse a Vigo vivindo primeiro na rúa Lepanto e despois na rúa Reconquista. Na cidade olívica mantense en contacto cos irmáns Álvarez Blázquez, con Paco del Riego (con quen fixera a campaña polo Estatuto en Lugo) ou con Xaime Illa (con quen fundaría anos adiante a editorial Sept). A decadencia do negocio familiar e outras circunstancias, entre elas a asfixia imposta polo franquismo, lévano de volta ao Reino Unido. En Londres incorporase á BBC, colaborando nos programas en galego, castelán e inglés, entre 1948 e 1955. Ao seu cumpriren os 15 anos de inhabilitación regresa a Galicia e pasa a impartir aulas de inglés no Instituto Laboral de Vilagarcía. Asenta en Cambados, onde o coñecido como “o inglés”, casara en 1944 con Jesusa Sineiro Vidal.

Un ideario propio

A Plácido Castro podiamos definilo como un liberal demócrata, galeguista e progresista, moito mais próximo á ala esquerda do galeguismo cá dereita. Entre as ideas centrais do seu pensamento procedería destacar as seguintes:

  1. Progreso con identidade. Plácido chega ao galeguismo dando un rodeo polo Reino Unido. Certo que os seus contactos con Antón Villar Ponte facilitaron o seu achegamento á causa galega, mais a pregunta clave que está na orixe da súa entregada militancia galeguista é a seguinte: ¿Como un país tan pequeno como o Reino Unido pode progresar e ter tanta influencia no mundo? Plácido, resumidamente, considera que iso débese a que mantén firme a defensa da súa identidade e os seus valores.
  2. Unha Galicia galega. Se Galicia quere existir e progresar, ser un país importante no mundo, ten que afondar na súa identidade, non destruíla asimilándose a outras culturas. É por iso que presta atención ao celtismo ou a saudade como trazos que nos caracterizan, efectuando lecturas e interpretacións xenuínas, un empeño que foxe dos tópicos (morriña, indecisión, etc.) e procura ir ao cerne da nosa forma de ser exaltando os valores positivos da nosa dimensión humana.
  3. O nacionalismo é un credo moderno. Plácido rexeita de plano as catalogacións esquemáticas e descualificadoras do nacionalismo, así, indeterminado, e aposta por un nacionalismo construtivo, entendido como unha nova forma de unión cos outros (non se trata de erguer valados), de punto de contacto co mundo, de achega responsable ao conxunto da humanidade.
  4. A reivindicación dunha acción exterior propia. En 1933 formula os eixes elementais da política exterior galega, sinalando Europa, o celtismo atlántico, a lusofonía, con especial atención a Portugal pero tamén a Brasil, ou Galeuzka, como vectores substanciais desa acción, sinalando camiños que hoxe, en boa medida, están aínda por percorrer adecuadamente.

O compromiso universalista

Falar do compromiso universalista de Plácido Castro ten dous significados principais. Primeiro, histórico, pois Plácido encarna aquela “Galicia, célula de universalidade” da declaración de principios do Partido Galeguista (ademais de Galicia, unidade cultural, Galicia, pobo autónomo, Galicia, comunidade cooperativa).  Segundo, actual, pois esa defensa do universalismo é unha actitude e posición de principio clave fronte á uniformización e asimilación que nos suxire a mundialización, un proceso que fai rexurdir as identidades a modo de ecolóxica reacción. Coa súa mentalidade aberta e experiencia de mundo, Plácido era un gran e convencido valedor da convivencia multicultural e da coexistencia das linguas sen que a defensa da propia leváseo a desprezar outras e viceversa. As actitudes de confrontación e menosprezo a este respecto, propias desa ignorancia que tanto aniña ás veces entre os propios galegos, non teñen cabida no pensamento e na actitude intelectual e práctica de Plácido Castro. Precisamente, un dos seus esforzos mais meritorios foi a promoción da ensinanza adaptada do inglés, unha lingua que admiraba sen por iso desairar a que consideraba propia, o galego.

Lois Tobío, compañeiro de xeración e en moitos aspectos cunha vida paralela á de Plácido, explicou nalgunha ocasión a razón de ser da Galicia, célula de universidade, en primeiro lugar por motivos de oportunidade, relacionados coa dificultade do galeguismo para acceder ao mundo traballador onde pesaban as influencias socialista e anarquista e para quen o futuro da humanidade era unha humanidade solidaria pero en gran medida indiferenciada, presa dun ideal uniformador. Esa concepción do universalismo que aspiraba a que todos os homes fosen iguais en todos os sentidos, era un obstáculo enorme para sensibilizar e atraer ao mundo obreiro á causa da redención galega. Os galeguistas poñían o acento na ausencia de conflito desa loable aspiración igualitaria co desenvolvemento das patrias, das culturas nacionais, ás que non se debía renunciar. A humanidade é un organismo completo onde cada unha das nacións é unha célula de universalidade, dicían.

A profundización teórica das relacións entre nacionalismo e internacionalismo foron abordadas por Ramón Villar Ponte nun traballo que foi dado a coñecer no Seminario de Estudos Galegos, o think tank do galeguismo da época. En palabras do propio autor, a finalidade desta obra era patentizar como o feito das nacionalidades é admitido sen discusión aínda polos mais decididos defensores do internacionalismo, e como tamén, por inmediata consecuencia, o amor e a identificación coa patria non é condenado nin se estima como cousa perniciosa.  Nas súas notas argumentais, Villar Ponte recorre a autores como Proudhon, Kropotkine, Alexinsky, Lasalle, etc., para explicar a ausencia de conflito entre ambas ideas.

A defensa destas concepcións universalistas facíase tamén en oposición ao chamado cosmopolitismo ao considerar, como dicía Risco, que crear valores universais non é asimilarse aos valores xa creados por outros pobos, senón por en valor e dar a coñecer os nosos, unha misión entendida como obriga de contribución á civilización universal e garante da excelencia da diversidade do xénero humano.

Tres son os elementos que informan a concepción da universalidade galeguista: antiimperialismo, federalismo internacional e pacifismo. Son tres vertentes destacadas dun mesmo principio. O imperialismo considerase a antítese perfecta dos anceios de liberdade das nacionalidades. O nacionalismo galego, dicía Plácido, é a negación mesma do espírito conqueridor posto que representa a renuncia á gran patria forte, un movemento totalmente alleo ao chauvinismo. No programa de acción para os grupos galeguistas aprobado na IIª Asemblea (1933) afírmase que a loita contra o imperialismo españolista da vella monarquía ou contra o social-patrioteirismo non cabe inspiralo na xenreira contra ningún dos pobos que con Galicia conviven no Estado senón contra a idea de xunguilos pola forza, baixo unha artificiosa uniformidade.

Tamén o galeguismo apostou con claridade polo federalismo e a escala universal, a modo de unidade superior creada polo pacto e a comenencia mutua, sen intervención algunha de violencia, un federalismo baseado no libre consentimento de todas e cada unha das nacionalidades integrantes da estrutura federal. Castelao resumía a proposta no Sempre en Galiza: autonomía integral de Galicia para federarse cos demais pobos de España, República Federal española para confederarse con Portugal; Confederación Ibérica para ingresar na Unión Europea; os Estados Unidos de Europa para constituíren a Unión Mundial.

En canto ao pacifismo, importa resaltar o valor da proposta cando segue sobrando quen opine que as reivindicacións nacionalistas, das nacións pequenas, son as mais desestabilizadoras e perigosas para a paz mundial, ignorando o feito de que as grandes catástrofes bélicas foron da man dos nacionalismos estatais mais expansivos.

En suma, nada mais afastado da realidade que pensar que os galeguistas eran portadores dunha visión reducida, localista, do conflito nacional. A defensa do ideal nacionalista incorporaba unha cultura e unha mentalidade sinceramente universalista. O nacionalismo viña representar o vínculo capaz de integrar a Galicia no mundo sen por iso renunciar á súa propia e xenuína identidade.

Houbo no plano doutrinal e intelectual un importante esforzo complementado con propostas políticas de alcance que aínda hoxe resoan como inalcanzables no marco galego e estatal contemporáneo. No borrador do Estatuto galego recollíase expresamente, por exemplo, a posibilidade de establecer unha representación consular galega nos países onde o continxente de emigrados galegos constitúa un núcleo importante.

E o esbozo de Plácido para unha política exterior propia asentaba en tres piares básicos: a fraternidade ibérica con vascos e cataláns, a intensificación das relacións cos pobos lusitanos de ambos os dous lados do Atlántico, o estreitamento dos lazos que nos unen ás terras célticas de Europa, unha formulación, en fin, que con independencia da viabilidade e interese político que suscite reafirma esa mentalidade aberta e construtiva que final e lamentablemente viuse malograda pola inexistencia de tempo histórico suficiente para ser aplicada.

O Congreso de Nacionalidades Europeas (CNE)

Dende 1925 ata finais dos anos trinta constituíron unha referencia importante para advertir a persistencia de problemas nacionais en Europa que estaban aínda pendentes de resolución e para reclamar a atención permanente dos Estados sobre a imperiosa necesidade de salvagardar o respecto dos dereitos elementais das minorías.

A iniciativa da creación deste movemento correspondeu aos grupos alemán e maxiar, destacando na súa consolidación o rol individual de quen foi o seu Presidente desde o primeiro momento, o deputado esloveno do Parlamento italiano, Josip Wilfan, personalidade carismática e de grande capacidade aglutinadora. A representación do Congreso era compartida cun secretario xeral, Ewald Ammende, estoniano, xornalista do Revaler Bote e do Rigasche Rundschan.

A amplitude e intensidade da presenza e o grao de influencia das minorías xermanas existentes en varios estados europeos apreciábase, en primeiro lugar, no indiscutible papel do idioma alemán como vehículo fundamental dos debates e documentos impulsados dende o Congreso. E sería no futuro, no marco da complicada evolución europea dos anos trinta, causa decisiva da calella sen saída na que se precipitou a organización.

O congreso fundacional celebrouse en Xenebra, do 14 ao 16 de outubro de 1925. Nel participaron 50 delegados de 27 grupos nacionais organizados e pertencentes a 10 Estados diferentes (Checoslovaquia, Iugoslavia, Romanía, Polonia, Alemaña, Austria, Italia, Letonia, Estonia e Lituania) representando un total aproximado de dez millóns de persoas. Nela establecéronse como principios fundamentais os seguintes:

  1. A liberdade nacional é, como a liberdade relixiosa, un ben espiritual do mundo civilizado. Todo Estado no que convivan diversos grupos nacionais debe ser obrigado a garantir a esas colectividades a liberdade de desenvolvemento cultural e económico, e aos seus membros o desfrute ilimitado dos seus dereitos cívicos.
  2. O dereito de autonomía considérase unha vía idónea para propiciar a cooperación entre as minorías e as maiorías, para que as relacións entre os pobos de Europa sexan melloradas e poidan desenvolverse sen conflitos.
  3. A Sociedade das Nacións deberá ocuparse dunha maneira mais extensa da solución do problema nacional no que atinxe á realización dos dereitos das minorías.

Un principio esencial desta organización é o coñecido como de loyauté des minorités (lealdade das minorías). Quere dicir que o obxectivo do CNE e das agrupacións que nel se integran é premer nos gobernos para que os dereitos das minorías sexan respectados pero excluíndo manifesta e expresamente os ataques directos e así mesmo as declaracións de carácter irredentista.

Dende o primeiro momento, o CNE mostrou o seu desexo de colaborar activamente coa Sociedade das Nacións, a ONU de entreguerras, para resolver os conflitos que enfrontaban a algúns Estados coas minorías que coexistían no seu territorio e igualmente contribuíndo ao perfeccionamento e mellora do tratamento legal desta problemática, tanto no plano internacional como estatal.

O CNE procurou a presenza dun representante da Sociedade de Nacións en todos os congresos e as resolucións adoptadas transmitíanselle puntualmente para o seu coñecemento e efectos.

O IXº Congreso de Nacionalidades Europeas

O ano en que se desenvolveu o IXº Congreso de Nacionalidades Europeas (1933) foi abondoso en acontecementos que influíron decisivamente na intensificación e agravamento da crise que asolaba o continente. En xaneiro, o presidente alemán Paul von Hindenburg, designaba primeiro ministro a Adolf Hitler, líder do Partido nazi que dez anos antes protagonizara unha tentativa de golpe de estado. Nas eleccións lexislativas de 1930 converteranse na segunda fracción parlamentaria despois dos socialdemócratas, e nas presidenciais celebradas en 1932, Hitler disputáballe a Hindenburg, nunha pelexada segunda volta, a presidencia de Alemaña.

O IXº CNE desenvolveuse en Berna os días 16, 17 e 18 de setembro de 1933. A sede do Secretariado do Congreso situouse no Hotel Savoy da capital suíza. A orde do día foi a seguinte:

  • Discurso de apertura do Presidente.
  • “Desasimilación” nacional e dereitos das nacionalidades.
  • Os dereitos, e especialmente en materia de idiomas, das nacionalidades na vida das colectividades relixiosas.
  • Actividade da SDN no decurso do pasado ano, en materia de protección das minorías nacionais.
  • A cuestión do self-gouvernement (autogoberno) para os territorios de poboación alóxena unida.
  • Esencia e desenvolvemento da colectividade nacional.
  • Cuestións de organización.

As sesións tiveron lugar nas salas do Pazo Federal (Sala do Gran Consello). Segundo a orde do día distribuída no Congreso o sábado 16 de setembro, pola tarde, e despois da intervención inaugural do presidente Wilfan, estaba prevista a declaración do deputado Otero Pedrayo, representante do novo grupo galego de España que neste ano sumábase ao Congreso como novo membro. Otero non asistiría e sería Plácido Castro quen ostentaría a representación en solitario.

Os grupos que nesta altura forman parte do Congreso son os seguintes: grupo vasco de España; grupos búlgaros de Romanía e Iugoslavia; grupos alemáns de Estonia, Letonia, Lituania, Polonia, Dinamarca, Checoslovaquia, Hungría, Iugoslavia, Romanía e Italia; grupo grego de Italia; grupos xudeus de Estonia, Letonia, Lituania, Polonia, Checoslovaquia, Romanía e Bulgaria; grupos iugoslavos (eslovenos e croatas) de Italia, os eslovenos de Austria, e os croatas de Austria; o grupo catalán de España; os grupos lituanos de Polonia e de Alemaña; os grupos ucraínos de Polonia e de Romanía; os grupos húngaros de Checoslovaquia, Iugoslavia e de Romanía; os grupos rusos de Estonia, Letonia, Lituania, Polonia, Chechoslovaquia (Carpatorusia) e de Romanía; o grupo sueco de Estonia; o grupo checoslovaco de Austria; o grupo eslovaco de Hungría; e o grupo rusoblanco ou bielorruso de Polonia.

A oportunidade de convocar o congreso fora obxecto de debate entre os dirixentes da entidade dende a primavera. Era doado prever que os acontecementos de Alemaña e a nova política do seu goberno en relación ás nacionalidades e minorías rematarían por afectar moi fondamente á sorte do Congreso. Nunha reunión do Buró de dirección do CNE celebrada en Viena no mes de abril, manifestáronse fortes presións contra a idea da convocatoria neste ano propoñéndose o aprazamento para 1934. Os partidarios desta alternativa argumentaban que era mellor agardar a ver que pasaba en Alemaña pois o CNE non resistiría unha discusión que por outra banda era inevitable en relación a un elemento tan considerablemente importante na súa organización como o elemento xudeu.

Ammende, co apoio do presidente Wilfan, quizais por medo a que unha suspensión temporal puidera se converter en definitiva por imponderables históricos, consideraba posible e necesario que o CNE favorecese un encontro de representantes moderados alemáns e xudeus, avogando por un entendemento conciliador. O grupo alemán era o máis numeroso do CNE (con minorías en sete países) e mais potente desde o punto de vista político e asegurador tamén da maior parte do financiamento da secretaría xeral. Os xudeus demandaban un pronunciamento contra a política de Alemaña en relación á súa minoría. Se os xudeus abandonaban o CNE, os alemáns terían tanta influencia que os demais grupos probablemente optarían por abandonar o CNE ante o temor de seren utilizados.

En ausencia dos representantes xudeus, Mr Wilfan abriu o congreso. O decorrer da sesión levou a que os xudeus dirixiran unha carta ao presidente con data 17 de setembro comunicando que se estaba a crear unha situación que destruía as condicións esenciais para posibilitar a súa colaboración no seo do congreso. O texto foi lido parcialmente aos asistentes, o que levou a un observador xudeu asistente ao evento a distribuir inmediatamente exemplares na sala contigua á da conferencia, reproducindo a totalidade do texto.

En medio de múltiples tensións que levaron a conferencia ao bordo da ruptura, desde o Buró promoveuse unha declaración segundo a cal “o conxunto de medidas de carácter netamente antisemita que poden observarse en certos países é considerada por estes grupos como contraria aos dereitos xerais do home e aos ideais do congreso”. Os alemáns entón reaccionaron exhibindo a posibilidade de abandono que finalmente non se produciu.

Leo Motzkin, presidente executivo do comité das delegacións xudeas, foi reelixido membro do Buró directivo do CNE quizais coa ilusoria esperanza de que a súa saída non podía ser definitiva.

A participación galega no IXº CNE

O achegamento ao CNE representaba para Galicia un feito de capital importancia, en primeiro lugar, porque era a primeira vez que se podía escoitar a nosa voz no gran concerto internacional dos pobos.

O semanario A Nosa Terra, portavoz do Partido Galeguista, informou en varios números desa participación galega. A valoración non ofrecía dubidas: “Cando en Hespaña se nos nega toda persoalidade, cando se nos inxuria e se nos desprecia, que se oia a nosa voz autóctona e persoal no gran concerto dos pobos, que como tales, en esprito i en xusticia, poidamos dialogar con dignidade con nacións irmáns niste arelar infindo de futuros, é algo que ten de soerguer o noso esprito de todo iste patuxar en somas lamentas en que decote vimos loitando con todo o cerrilismo mais burdo” (ANT 311, 25 de setembro de 1933).

O acontecemento non dubida en considerarse como unha efeméride fundamental para o nacionalismo galego por que con iso asegúrase que a xustiza da causa galega quedase recoñecida por esa ducia de nacionalidades participantes do congreso, segundo recollía A Nosa Terra ou El Pueblo Gallego.

Para os galeguistas, a asistencia ó congreso de Berna perseguía como obxectivos fundamentais: a procura de apoio moral da opinión pública internacional (segundo Plácido a nova da participación galega foi recollida pola prensa europea) diferenciando esta da axuda política para resolver problemas que en principio soamente compre dilucidar ós galegos; o establecemento dun marco de cooperación estreito cos movementos afíns que permitisen a universalización de Galicia no dobre senso de facer que Europa nos coñeza e de nós coñecer mellor a Europa; e, finalmente, o recoñecemento da condición de nación por parte dun organismo internacional como este de considerable prestixio e reputación.

Na crónica da participación na prensa galega informouse do tratamento e estudo das moi interesantes cuestións de orde internacional que afectan intimamente a todas as pequenas nacionalidades.

Ademais de referirse aos elevados niveis de participación observados no congreso, Plácido relatou as numerosas cuestións que foron obxecto de estudo e discusión por parte dos presentes: a situación na Ucraína soviética, das minorías da Alta Silesia, do problema xudeu, dos emigrados alemáns e tamén o asunto relativo á redacción dun convenio internacional sobre a protección e liberdade de todos os cidadáns dun Estado con independencia da súa raza, idioma ou relixión.

Entre as resolucións aprobadas, Plácido destacou dúas: unha na que se afirma que o xeito mais doado de resolver os problemas das minorías consiste na implantación da mais ampla autonomía; e outra sobre a necesidade de que o ensino da relixión se faga na lingua dos fieis.

Na declaración presentada pola delegación galega á consideración do Congreso proclamábase que Galicia é unha nación ben definida, ao tempo que se reivindica o dereito innegable do pobo galego a dispor de si mesmo, e na liña das disposicións internacionais relativas ás minorías, reclama a plena liberdade de empregar o seu idioma materno, sobre todo no ensino e así mesmo o respecto dos seus costumes.

Segundo Plácido Castro, ese documento sintetizaba os informes previamente recollidos polo Secretario Xeral do CNE, durante unha visita efectuada á nosa Terra con anterioridade. Ewald Ammende trasladarase a Galicia na primavera do mesmo ano aceptando o convite feito por Otero Pedrayo. Ambos os dous coincidiran na celebración do Aberri Eguna.

Nunha Memoria redactada por Vicente Risco informábase aos agrupamentos que formaban parte do congreso das características do noso país a todos os niveis. O documento constitúe unha intelixente e ordenada exposición que dende a primeira á derradeira frase sinala dous obxectivos claros: clarexar que o caso galego é perfectamente asociable ao doutras minorías europeas que non consideran suficientemente recoñecidos uns dereitos elementais; e que, así mesmo, esa situación enmárcase nun contexto de fonda discriminación por parte do goberno do Estado e causa cuantiosos danos económicos e de toda índole.

Contou igualmente Plácido Castro que a representación galega foi acollida cordialmente tanto polo Presidente do Congreso, Josip Wilfan, como tamén polo presidente do Parlamento suízo M. Motta, e formou parte do comité permanente do CNE na súa visita de cortesía ao primeiro ministro noruegués e presidente do Consello da Sociedade de Nacións, M. Mowinckel.

As dificultades xurdidas no IX Congreso non auguraban un futuro especialmente luminoso á organización. O abandono consumado dos xudeus representaba unha seria hipoteca na medida en que ademais de reducir significativa mente a súa representatividade, non favorecía a moderación das tensións, cada vez mais presentes no seu seo.

En Berna, na capital suíza, reuníronse novamente ao ano seguinte, do 4 ao 6 de setembro. O presidente Wilfan efectuou na ocasión un balance optimista e eloxioso da actividade desenvolvidas nos dez últimos anos pero, en realidade, a súa funcionalidade tiña xa máis pasado ca futuro.

Tamén nesta edición constou a inscrición de Plácido Castro como único representante da delegación galega; sen embargo, o Consello Nacional do Partido Galeguista optou por remitir un informe para o seu coñecemento e non enviar o seu delegado.

No Congreso do ano seguinte (Xenebra, 2 e 3 de setembro), os polacos tampouco asistiron. A tónica dos debates foi a usual, sen mais sobresalto que o producido na discusión sobre a protección das minorías nos Estados autoritarios. Nese senso, as opinións tamén estaban divididas.

O XIIº CNE celebrouse en Xenebra os días 16 e 17 de setembro no Hotel Bellevue. A primeira sesión estivo dedicada á memoria de Ewald Ammende, o secretario xeral que consagrara boa parte da súa vida ao seu funcionamento e consolidación. Insistíase na necesidade de continuar a obra que el comezara e defendera pero a preocupación polo futuro era moi fundada: soamente estaban presentes oito grupos dos 13 representados no congreso precedente.

En Londres, no Central Hall de Westminster, os días 14 e 15 de xullo de 1937, celebraríase a XIIIª edición que finalmente situaría aos escasos delegados aínda presentes ante a imposibilidade de efectuar un diálogo proveitoso e eficaz pola ausencia dos interlocutores e protagonistas principais como pola inexistencia de espazo político suficiente para viabilizar os seus postulados nun ambiente internacional presidido polo dramático agravamento das tensións en Europa. A Conferencia de Estocolmo do ano seguinte sería a derradeira.

Conclusión

A comprensión sobre a necesidade e a importancia de completar o traballo social realizado en Galicia a prol das reivindicacións propiamente nacionalistas, coa integración na comunidade universal dos pobos, a través dos diversos organismos dos que esta se dota, estaba presente na acción política dos galeguistas republicanos. As Irmandades da Fala xa alentaran en 1918 o achegamento á Liga contra o Imperialismo e pola Independencia Nacional, máis rupturista que o CNE. Comprendíase a importancia do recoñecemento internacional para a lexitimación dos propios postulados e demandas. Diríase incluso que moitas das súas reflexións e propostas lonxe de ser cousa do pasado incorporan unha enorme actualidade se temos en conta todo o acontecido en Europa a partir de 1989.

Tiñan os galeguistas unha percepción clara, en primeiro lugar, da crise do modelo de Estado centralista. Este necesariamente debía organizarse de xeito que considerara a realidade nacional sobre a que actuar, se ben isto podía traducirse de diferentes xeitos. A conciencia sobre a necesidade de transformación do Estado abarcaba un aspecto esencial da política exterior dos galeguistas que conducía Plácido Castro. Neste senso, o modelo de Galeuzka continúa sendo, onte coma hoxe, plenamente necesario e conveniente para Galicia. O PG soubo coordinar admirablemente as necesidades históricas coas posibilidades reais con que contabamos, inferiores a outras realidades nacionais peninsulares.

Outro aspecto a destacar á a proclamación de Galicia como unha nación europea. Alén do feito histórico e simbólico, o acontecemento é sobradamente revelador sobre a ubicación do noso pais no contexto internacional. Non menos importante é a estratexia utilizada para inserirse en Europa: da man de vascos e cataláns, mesmo como unha prolongación do acordo acadado na península.

O clima internacional da época era adverso e difícil para que Galicia obtivera certo protagonismo e relevancia no foro europeo. Ademais, a nosa Terra incorporouse ao congreso con certa tardanza en relación a outros grupos organizados (os cataláns por exemplo levaban xa 7 anos) e mesmo podería afirmarse que cando comezaba a súa agonía. Por outra banda, o CNE estaba instalado nunha dinámica representativa das minorías e un tanto afastado das cuestións relativas ás nacionalidades homoxéneas demograficamente que convivían no seo de Estados plurinacionais.

A alusión de Castelao a que non era o lugar mais doado para nós explícase pola inevitabilidade de atopar unha solución no marco do propio Estado e sen cuestionalo en absoluto, pero sen dúbida naquela afirmación pesaba tamén a reserva sobre as significativas inhibicións respecto da política nazi en Alemaña, as dependencias financeiras do IV Reich e a comprensible autoexclusión das minorías xudeas, producida precisamente en vésperas do IXº CNE. A Castealo non lle faltaba razón.

Plácido Castro desempeñou un papel clave no fomento da actividade política exterior do galeguismo e achegou unha reflexión e un entendemento propio da causa galeguista a partires da súa propia experiencia persoal, tan rica e diferente á dos seus coetáneos. Paga a pena por iso adentrarse na súa figura e rescatar algunhas das súas aseveracións, onte coma hoxe ben útiles e necesarias para que Galicia non deixe de ser galega en todos os sentidos.

 

BIBLIOGRAFÍA

  • Castelao, Sempre en Galiza, Ediciós Galiza, 1944.
  • Castro, Xavier: O galeguismo na encrucillada republicana (Vol.I e II), Deputación de Ourense, 1985.
  • Ríos, Xulio: Plácido Castro, Ir Indo edicións, colección Galegos na Historia, Vigo, 1997.
  • Ríos, Xulio: Galicia e a Sociedade das Nacións, Galaxia, Vigo, 1992.
  • Ríos, Xulio: Nós no Mundo. Unha política exterior para Galicia, Galaxia, 2010.
  • Ríos, Xulio (ed.): Irlanda en Plácido Castro, IGADI, 2011.
  • Ríos, Xulio (coord.): Galicia, un País no Mundo, Ediciós do Castro, 2004.
  • Toro Santos, Antonio Raúl de: Galicia desde Londres, Xunta de Galicia, 1994.
  • Villares Paz, amón: Historia de Galicia, Galaxia, 2004.
  • VVAA: Plácido Castro, no Centenario, IGADI, 2002.
  • VVAA.: Congreso sobre Plácido Castro e o seu tempo, Xunta de Galicia, 2006.