13ª Conferencia Anual: Galeguismo e saudade: A visión de Plácido Castro

13ª Conferencia Anual: Galeguismo e saudade: A visión de Plácido Castro

XIII Conferencia Anual Plácido Castro 2012, pronunciada por Miguel Ángel Martínez Quintanar (Lugo, 25 de xaneiro de 2012)

Pronunciada por Miguel Ángel Martínez Quintanar (Lugo, 25 de xaneiro de 2012)

1. ACTUALIDADE

XIII Conferencia Anual Plácido Castro 2012O sentimento da saudade non é un tema que a día de hoxe estea no centro do debate artístico, literario, filosófico e político en Galicia. Espontaneamente non se relaciona coas preocupacións soberanistas e identitarias. Tampouco se asocia cun estilo artístico propio ou un pulo filosófico singular. Pouco ou case nada se escrebe sobre ela, agás algunhas interesantísimas glosas e atinados comentarios aos nosos poetas nacionais1. Semella ser un asunto inactual, arqueolóxico, ás veces microacadémico e sempre museístico. Atreveriámonos a dicir que nos silenciamentos, fintas retóricas e miradas de esguello, percíbese unha renuncia a recoñecer a súa existencia, e validez, porque se contempla como o síntoma dun tradicionalismo caduco, un folclorismo retrógrado, ou un galeguismo desfasado. Un aparello de represión cultural e política déitase sobre a saudade. Porén, non sempre foi así.

2. CASTELAO

XIII Conferencia Anual Plácido Castro 2012No capítulo XXII do Libro terceiro de Sempre en Galiza, escrito en 1943 no seu desterro de Bos Aires, Castelao lembra, con señardades, a historia real, mais tamén o que puido ser a historia posible, de Galicia. No intre de describir a nosa potencia creadora, tanto no artístico como no político, Castelao exclama: “¡A Saudade! Velahí o sentimento que abrangue a Portugal e a Galiza n-unha soia eternidade. (…). Ben dí Cabanillas que a Saudade é o molde que dou forma ao noso lirismo. Mais… ¿qué é a saudade? Plácido R. Castro recomenda que nos resiñemos con soio sentila”2.

Castelao escrebe a continuación: “Dado que a Saudade é un sentimento inesplicable, que ven das nosas orixes, haberá que buscala no corpo revelado da poesía celta. Esta angueira foi comprida por Plácido R. Castro ao percorrer o moderno lirismo poético de Escocia e Irlanda para comparalo co noso. Así, ficamos convencidos de que a Saudade é un sentimento proprio dos Fisterres, onde se mantén unha indeclinable fidelidade á fremosura da espranza, onde se persiste na rebeldía contra o despotismo dos feitos, onde se sigue o empeño de facer un mundo máis complexo, máis marabilloso, máis habitable”3.

Quen é Plácido Castro? Por que Castelao o convoca precisamente a el para ilustrar o elo que une saudade e galeguismo? Non puido ter acudido a poetas, escritores, dramaturgos, máis nomeados, máis publicitados? Por que precisamente Plácido?

3. FORMACIÓN

XIII Conferencia Anual Plácido Castro 2012Plácido Ramón Castro del Río4 nace en Corcubión, no seo dunha familia acomodada e culta o día 25 de xaneiro de 1902. O seu pai, Plácido Castro Rivas, empresario de minas e armador de buques, foi vicecónsul de Suecia e Noruega en Corcubión. Lembremos que esta vila fora de vello ruta obrigada dos peregrinos durante a Idade Media despois de visitar Compostela. Na época era un porto de grande importancia comercial, estratéxica e naval.

O pai de Plácido foi deputado liberal por A Coruña e un filántropo que dedicou unha gran parte da súa considerable fortuna á realización de obras benéficas. Desde este entorno familiar acomodado, pero cultivado e humanista, aberto e sensible nos planos cultural e social, Plácido foi enviado pola súa familia a cursar estudos fóra de España.

Con seis anos de idade arribou ao Colexio Scarborough de Glasgow, preto de Edimburgo. Logo continuou os seus estudos na Universidade de Glasgow, unha das máis celebres da Gran Bretaña, na que adquiriu os seus coñecementos de filoloxía inglesa. Nesta cidade permaneceu durante toda a xuventude até adquirir unha sólida e ampla formación académica, cultural e política. Ademais de realizar numerosas viaxes polas illas británicas, mantivo frecuentes contactos cos intelectuais da época. Nesas viaxes interesouse polo fenómeno do celtismo e realizou reportaxes fotográficas. Nas súas visitas a Galicia pasou tempadas en Cambados, onde colaborou en actividades culturais.

Foi membro do Glasgow University Liberal Club, da Society of Foreign Journalist, da The Foreign Press Association in London, do Royal Court Theatre of London.

Viviu en Londres, desde onde comezou a colaborar, en 1927, nos xornais El Pueblo Gallego e Informaciones con artigos sobre a sociedade, a cultura e a política na Gran Bretaña. Tamén publicou en medios vinculados ás Irmandades da Fala como A Nosa Terra e Céltiga. En 1928 publica o seu primeiro libro: La Saudade y el Arte en los pueblos célticos, con prólogo de Manuel Portela Valladares. Por que se ocupa Plácido Castro deste tema? Fagamos un pouco de historia das ideas.

4. PORTUGAL: SAUDOSISMO

XIII Conferencia Anual Plácido Castro 2012Na Galicia de finais dos anos 20 do pasado século a saudade tiña no mundo cultural e intelectual un papel importante: era considerada un dos trazos distintivos dunha nación, Galicia. Presente como motivo poético nas figuras do rexurdimento (Rosalía, Pondal, Curros), porén a súa actualidade cultural bebía dos ecos que en Galicia resoaban da filosofía do poeta e literato portugués Teixeira de Pascoaes, fundador do movemento dosaudosismo5.

Na conferencia “O espírito lusitano ou o saudosismo” de 19126, Teixeira de Pascoaes encara a empresa de facer revivir ao pobo portugués, propiciar o renacemento da súa capacidade activa e creativa, e da súa autonomía moral. Ora ben, a quintaesencia do espírito lusitano é a saudade. Escrebe Teixeira: “quando digo Saudade, digo alma portuguesa”. A saudade consiste no desexo da cousa ou creatura amada, tornada dolorosa pola súa ausencia. A saudade reúne lembranza e esperanza: a Saudade, en virtude da propia natureza do Desexo (desexar é querer, e querer é esperar), é tamén Esperanza, e pola Dor a Saudade é Lembranza.

Como fenómeno cultural a saudade representa o núcleo, e constitúe o fermento, dunha nova poesía (a dos poetas saudosistas, entre eles o propio Pascoaes), unha nova filosofía (designadamente, Leonardo Coimbra), unha nova arte pictórica (Antonio Carneiro) e escultórica (Soares dos Reis). Este renacemento tamén ten a súa tradución nun proxecto político de renacionalización da política portuguesa. Xa que logo, a saudade e a renascença da cultura portuguesa están mancomunadas, van da man.

Este movemento saudosista foi unha influencia decisiva para os escritores e intelectuais galegos da década dos anos 20. Pero o aporte máis importante a esta cuestión data de 1914. É un libro descoñecido para os axentes culturais galegos: A saudade portuguesa de Carolina Michaëlis de Vasconcelos7.

Das súas análises, dedúcese que as modernas saudades saíron dun crisol no que se mestura: (1) a saúde desexada aos ausentes; (2) as saudaçoes con eles intercambiadas; (3) a sensación de soedade-soidade-suidade provocada polo afastamento; (4) o desexo da única salvaçao posible.

En suma, a filóloga Carolina Michäelis apunta á existencia dun sentido positivo e construtivo, comunitario e societario, de saudade, nalgúns aspectos afín e semellante ao que cultivará Plácido Castro.

5. GALICIA: PRIMEIRO DEBATE

XIII Conferencia Anual Plácido Castro 2012O contexto cultural da segunda década do século XX en Galicia ten tres liñas que conflúen na conceptualización da saudade: a filosofía do saudosismo de Teixeira de Pascoaes, a progresiva relevancia interpretativa da soedade-suidade nos textos dos fundadores do Rexurdimento (Rosalía, Pondal, Curros), e, en terceiro lugar, os novos aportes ao debate8.

En 1918 Luís Porteiro Garea9 identifica morriña e saudade. Fai da morriña unha forza creadora, un élan vital ao xeito do filósofo francés Henri Bergson. Interpreta que todo o traballo dos emigrantes é unha forma de volver sostida pola morriña.

En 1921 Xaime Quintanilla10 entende que a saudade é cobiza do lonxe inconcreto, vago, impreciso, non determinado endexamais. É unha arela nunca satisfeita, porque a súa satisfacción atópase lonxe, ou fóra do tempo e do espazo. É unha ansia infinita de eternidade, unha arela vivísima de cousas irrealizables e, decote inconcretas.

No pobo galego o desexo, consubstancial a todos os humanos, xera tres sentimentos: morriña, saudade e lirismo. A morriña é a cobiza do lonxe concreto: a terra nosa. A saudade é a cobiza do lonxe impreciso. O lirismo é a saudade exaltada. A morriña non é nostalxia nin spleen. Como sentimento colectivo, non individual, é unha verdadeira forza creadora.

En 1920 Ramón Cabanillas11 achégase á saudade como unha forza creada en relanzo do recordo e forza creadora e puxante da esperanza, superadas no tempo. A saudade fraterniza o pasado e o porvir, a evocación e o desexo, nun camiño cheo de misterio, na procura dun máis alá de arelas do corazón e da intelixencia. Di Cabanillas: “Cobiza do lonxe, presentimento do que está para chegar, arela dun ben perdido, lembranza dunha luz que nos feriu na vaguedade dun soño, desasosego de encadeado, inquedade do que loita por abrir as azas para camiñar polo azul, a saudade é o molde que deu forma ao noso lirismo. Añón e Rosalía chamáronllesoidade, a modo dos Cancioneiros e de El-Rei Don Dinis de Portugal; Eduardo Pondal dixo suidade, e Lamas, que nomeou un dos seus libros Saudades Galegas, falou tamén de Soedade no significado de saudade”.

Para Vicente Risco12 en 1918 a saudade é sede de infinito que bebe no soño da Atlántida asolagada, como xa indicara Miguel de Unamuno. Bebe do pasado, pero non se acora no pasado. Di Risco: “Eu dígovos que se non somos de hoxe, non somos de nada. Se a saudade non nos leva a crear tempos novos deixando atrás todo o feito ¿para que traballamos? A saudade é tamén a sede do mañán; a sede dise mañán de libre irmandade, irmandade de creación…”.

En 1920 o filósofo Xoán Vicente Viqueira13 asocia a saudade galaica a unha personalidade colectiva de corte lírico. O lirismo non é só un xénero literario14. O lirismo é un modo de ser que exacerba a vida interior, faille acadar velocidades de vertixe porque mergulla a alma nunha reflexión que a abanea con amplas ondas afectivas nas que se goza e se sabe. Este lirismo, que se pode formalizar na escrita dun poema ou na composición dunha peza musical, convértese nun trazo esencial do espírito galego. O lirismo puro é sentimento esvaído en pura arela ou tendencia, nado nun recollemento ensimesmado tan fondo e radical, que as cousas van perdendo a súa realidade externa para reconfigurarse como exaltación da pura vida.

Postura semellante adopta tamén en 1920 Vicente Risco15. Saudade é o lirismo da raza galego-portuguesa; lirismo madrigalesco nos poetas dos Cancioneiros; lirismo que se fai épico en Camoens, místico en Frei Agostinho da Cruz, tráxico en Anthero de Quental, filosófico en Leonardo Coimbra, profético nos beizos do pobo. Velaí a razón da diferenza entre o tipo humano mediterráneo que é un suxeito visual, que precisa liñas, formas, perfís, e o atlántico que ama o vago, o impreciso, a brétema.

Estas interpretacións de Risco cobran a máxima potencia política cando na súa Teoría do nacionalismo galego, tamén de 1920, sostén que o lirismo e a saudade forman parte do sermos galegos, que, segundo el, é a insurrección do espírito nórdico-atlántico e celta contra o espírito mediterráneo. Unha insurrección que é cobiza do lonxe. Galicia e Portugal forman a civilización saudosa da Lembranza, que loita contra calquera imperialismo.

Tamén tratou o tema Rafael Dieste16, non sen certa distancia e, ás veces, unha crítica implícita.

Neste ambiente cultural no que a saudade é tema e motivo de meditación sobre a identidade diferencial de Galicia, un médico compostelán desata unha viva polémica.

6. ROBERTO NÓVOA SANTOS: A POLÉMICA

XIII Conferencia Anual Plácido Castro 2012O doutor Roberto Nóvoa Santos era un médico consagrado e de prestixio. Catedrático de Patoloxía na Universidade de Santiago de Compostela desde 1912, en 1927 gaña unha cátedra na Universidade Complutense de Madrid.

Para Nóvoa Santos a realidade da saudade empeza sendo arela dolorosa por regresar á patria, ao fogar, á xuventude, ás cousas e criaturas da nenez, e remata encarnando un sentimento que reflicte o desexo de morrer e ser enterrado na terra onde se naceu, para, deste xeito, contribuír e darlle vida ás comarcas e paisaxes orixinarios17.

Na filosofía de Nóvoa Santos nin ao comezo nin ao final se dá vida, senón materia e enerxía. É no proceso intermedio onde a dualidade, a mestura, a escisión en dous dunha mesma realidade, a complementariedade entre factores heteroxéneos, son o prioritario. Denantes da vida só había materia e enerxía. Durante a vida, escisión, esgazadura, fenda. Despois da vida, materia e enerxía outra vez. Cada individuo é un quantum de enerxía en forma de alento vital e suspiro mortal que, cal raizame telúrica e forza magnética, chega a tomar consciencia de si e non acouga até volver ao berce orixinal. A saudade, di Nóvoa, significa “alem” (máis alá) e non necesariamente provoca desesperanzas xa que non agocha ningún misterio que non sexa o devezo por morrer e volverse terra dos propios eidos nutriciais. Darlle á “Terra nosa”, que cadaquén leva na súa alma, o noso corpo en forma de cadáver, será a forma de curar de vez a saudade. Non hai mellor maneira de unidade e comuñón entre o corpo e terra do lugar que mergullarse para sempre nela. Saudade é, xa que logo, instinto de morte18.

As teses do doutor Nóvoa Santos penetran no ambiente cultural galego cunha gran forza. Desatan unha viva reacción de Rafael Dieste, que revisa as súas teses anteriores, e, tamén, de Plácido Castro.

7. CELTISMO: MODELO ÉTICO

O texto de Plácido La saudade y el arte en los pueblos célticos19 data de 1928 e xorde como reacción a unha conferencia do doutor compostelán Nóvoa Santos sobre a saudade, publicada na revista Alfar en 1925, e incluída, con lixeiras modificacións, no seu libro El instinto de la muerte publicado en Madrid en 1927. O texto de Plácido é unha recomposición de tres artigos publicados en El Pueblo Gallego en outubro e novembro de 192720.

Para Plácido Castro ningún dos artigos publicados nados da polémica deu resposta satisfactoria a tres preguntas: é a saudade un sentimento que pertence exclusivamente a Galicia?; é un sentimento xenuíno ou unha pose?; é un sentimento nocivo para o espírito galego e convén facelo desaparecer? No debate aberto en Galicia percibe a existencia de tres posicións nas respostas a estas preguntas.

En primeiro lugar, os que abordan a cuestión con intolerancia e incomprensión porque queren crear en Galicia un espírito “novo” e ven na saudade un obstáculo. En segundo lugar, os que limitan o campo de investigación acoutando o significado e sentido da saudade ao “amor á terra”. En terceiro lugar, os que intentan definir, dun xeito científico e lingüístico, o indefinible, e non logran captar a esencia íntima da saudade.

Diante disto, Plácido Castro sostén dúas teses:

  1. A saudade existe, primeiro, como sentimento, logo como expresión artística.
  2. A saudade é unha das calidades do ser galego, un dos trazos de identidade dun pobo singular e diferenciado na historia, capaz de reinserilo nesa mesma historia e facelo pervivir no futuro. A saudade ten, xa que logo, unha expresión política.

A estratexia de Plácido para demostrar estas teses é dupla: revelar que as nacións atlánticas comparten unha identidade mercé ao sentimento da saudade, e inserir a literatura galega no devir literario dos países celtas. Deste xeito, segundo Plácido, contribuirase á mellor comprensión deste sentimento.

Por literatura céltica temos que entender un fondo común compartido por irlandeses, escoceses, galeses e galegos e, tal vez, certa maneira de entender o ser inglés. Unha literatura que Plácido coñece de primeira man, con profundidade e extensión. Unha literatura que, para el, abrangue desde Shelley até Yeats, desde Robert Burns até John M. Synge. Unha literatura que, con intención, nos proporciona un modelo ético de vida21.

Ao longo do texto La saudade y el arte en los pueblos célticos Plácido desenvolve e aplica á literatura galega as suxestións de dous nomeados intelectuais: Matthew Arnold e Havelock Ellis.

8. MATTHEW ARNOLD, HAVELOCK ELLIS

Matthew Arnold22 foi un poeta e crítico literario da época vitoriana. Naceu no 1837 e morreu en 1901. Como poeta é herdeiro do romanticismo de William Wordsworth. Como crítico literario fixo unha incursión crítica no espírito da época. Coñecido, sobre todo, polo seu libro de 1869 Cultura e anarquía23, escribiu con anterioridade Un estudio sobre a literatura celta (1867) e Ensaios sobre literatura céltica (1868).

Para Arnold, a cultura é a única forza que se pode contrapoñer ao espírito do maquinismo e do mecanicismo brutal que goberna todos os ámbitos da vida na época vitoriana. A idolatría da maquinaria e a fe supersticiosa na liberdade como capricho persoal, conducen, segundo Arnold, á anarquía. A anarquía é o resultado da alianza interclasista entre o que el denomina os filisteos, os bárbaros e o populacho24, dito outramente, o contrato social implícito entre a clase media (hipócrita, egoísta, cobizosa, avara), a clase aristocrática (seducida polo luxo e a posesión de bens exteriores) e a clase traballadora (que aspira a ser ou, polo menos parecerse na expresión exterior, ás outras dúas clases).

Para Arnold, a única forma de retorcer o camiño dunha civilización que se torna anárquica e, polo tanto, despótica e clasista, é volver a beber nas forzas culturais que modelaron Occidente: o hebraísmo, o helenismo e o celtismo. Do hebraísmo deberiamos quedar coa súa invitación ao autodominio; do helenismo a ver as cousas como son25. Pero non son suficientes26.

O celtismo, presente na poesía e nas lendas populares, ensínanos, polo menos, dúas leccións27. A primeira é a súa reacción contra o despotismo dos feitos, a súa acción directa contra a morte da imaxinación nunha sociedade como a vitoriana rexida, como diría Charles Dickens, polos libros de contabilidade. O celta é a figura do estraño, do rebelde, do derrotado que non se atén ás normas dunha sociedade que territorializa aos individuos no circuíto da produción-acumulación-consumo de mercadorías.

A segunda lección do celtismo, é a súa maxia natural, a aptitude para captar, e interpretar, dunha forma marabillosamente íntima e viva, as forzas invisibles da natureza. A maxia da natureza non é simplemente a beleza da natureza (isto tíñano gregos e latinos). Non é o honrado amor á terra, un fiel realismo (isto tíñamo os alemáns). É a vida interior da natureza, o seu estraño poder, o seu encanto dun mundo de forzas, formas e materias aínda por descubrir. Estas calidades son as que o gran crítico vitoriano encontra na maior parte da poesía inglesa: en Milton, Byron, Keats.

A outra fonte de inspiración de Plácido Castro é Havelock Ellis28. Ellis, citado por Vicente Risco na súa Teoría do nacionalismo galego de 1920,  profundizou no tema do celtismo na literatura inglesa no escrito O espírito céltico na literatura. Havelock Ellis é outro inglés atípico como Arnold. Nado en 1859 e morto en 1939, foi un sexólogo pioneiro, médico e activista social moi implicado na loita contra o puritanismo da sociedade anglosaxona.

Ellis non contempla o celtismo como unha realidade histórica verificable cientificamente, senón como un modelo de vida ética, unha das posibles vías de loita contra unha sociedade que ateaza moral e fisicamente aos seus individuos. Havelock Ellis percibe como característica distintiva desta literatura a visión ao lonxe, o amor ao afastado no afastamento.

Para Ellis a calidade deste modo de vida é un certo desprendemento, un desleixamento a respecto dos bens materiais e as realidades crematísticas, un afastamento a respecto das consideracións relixiosa e mercantil da natureza. Havelock Ellis comenta a Shakespeare, Spenser, Keats e Coleridge como poetas ingleses nos que se manifesta este espírito céltico.

9. SAUDADE: FORMAS

Desde as anteriores premisas éticas e estéticas, Plácido principia a súa análise da saudade en La saudade y el arte en los pueblos célticos. Comeza por distinguir as formas simples das complexas.

A forma máis simple da saudade é a morriña da casa, do lar, dos eidos, dun espazo humano e humanizado. Aínda que esta saudade primeira non é a da patria abstracta e nominal, revela a peza basilar do patriotismo: o amor a un espazo que non é o simple sitio no que se habita e traballa, senón que é lar, lugar, casa, eidos, leiras, e, máis extenso, parroquia, comarca. Pero remata aí. Segundo Plácido na descrición desta forma simple da saudade coinciden Rosalía, os epitafios célticos, as cancións e poemas populares escoceses, e algunhas das poesías de Yeats e Raftery. A microtoponimia afectiva é o elo que une morriña e patriotismo.

Pola súa banda, as formas complexas da saudade na literatura céltica son a saudade da terra, da xuventude, da patria libre, da beleza, do imposible. Isto é, o sentimento da ausencia, de falta asociada a unha presenza. Por exemplo, en Pondal, Rosalía, Burns, James Stephens, Yeats, déitase unha mirada saudosa da xuventude, das cousas que pasaron para sempre.

Outra forma complexa que analiza Plácido é a “saudade de…”: a saudade da dor de Rosalía, a saudade de Deus de Curros, a saudade da terra libre e redimida que cantan Pondal e Cabanillas.

Inclusive habería outra forma complexa moi elaborada: a dos poetas galegos que non satisfeitos con sentir eles mesmos saudade, a comunican á natureza (para Cabanillas os piñeiros do paseo do Retiro de Madrid tamén padecen saudades).

Sen deixar de facer notar a relevancia destas formas de saudade, Plácido detecta que a forma máis elevada da saudade é un sentimento intenso, o anhelo máis característico dos pobos celtas: o anhelo do imposible. Esta saudade é pura porque non pode verse satisfeita. Nela o importante é o acto de desexar e non o obxecto ou a presenza desexada. Un acto de desexar que percorre toda a poesía atlántica desde Shelley até Yeats, desde Pondal a Cabanillas.

Un acto de desexar que é mestura dun sentir e un saber. Isto é, que é conciencia. A saudade é un devir inédito da conciencia: primeiro, desterritorialízome nun afastamento, obrigado ou non, da cousa, do obxecto, do suxeito ao que estou apegado; a continuación, contemplo nunha visión, voluntaria ou involuntaria, os aspectos que desa mesa entidade (cousa, obxecto, suxeito) me permanecían velados, reprimidos ou silenciados; por último, reterritorialízome nunha nova conciencia gañada, nunha nova perspectiva creadora, nunha nova disposición do sentir e o saber.

O aporte de Plácido Castro ao asunto da saudade como sentir e saber, é a sinalización dunha dimensión esquivada: a proxección ao porvir, un saúdo ao porvir. Para Plácido a saudade é a cerna dun modelo ético de vida baseado nunha afección profunda e complexa, que é posible traducir nunha consciencia progresiva, de tipo estético ou político, deitada sobre a propia identidade e as cousas que a proporcionan: lingua, territorio, xentes, comunidade.

10. SAUDADE: SENTIMENTO, INSTINTO DE VIDA

A saudade, vista tradicionalmente como unha vontade de regreso a un pasado glorioso, un desexo de volta aos eidos patrios, un anhelo de retorno a unha xuventude perdida, é presentada por Plácido como unha forza produtiva, tanto no plano ético-político como no plano estético. Escrebe Plácido: “estimo que a saudade é un sentimento dos máis valiosos do noso temperamento, que pode ser a forza inspiradora do noso progreso tanto na vida material como na vida artística”.

Desde o punto de vista de artístico, é unha forza xeradora das fantasías da literatura popular e erudita dos celtas. A fantasía non nace do afán relixioso ou dun sentimento morboso, patolóxico, depresivo. Nace, di Plácido, “do afán artístico de facer o mundo máis complexo, máis marabilloso, máis evocador de saudades”. A saudade pode permitirnos crear unha arte xenuinamente galega.

Pero, diciamos, a saudade tamén ten unha virtualidade política. Para Plácido dáse unha coexistencia evidente do espírito saudoso e o sentido práctico29. O progreso de Galicia e o éxito na vida práctica non son incompatibles coa saudade. A saudade permítenos traer ao presente o que semella utópico, irrealizable. Segundo Plácido o mellor exemplo desta alianza é Escocia. Escocia é a terra do saudoso Burns e da literatura máxica como a de Barrie (creador de Peter Pan). Pero Escocia é un pobo rico e próspero: a trinta quilómetros del Glasgow constrúense buques e transatlánticos, os maiores do mundo. Tamén é necesario mirar para Irlanda que loitou oitocentos anos pola súa liberdade. Nos artigos xornalísticos que Plácido escrebe desde a Gran Bretaña insiste en demostrar con exemplos prácticos que a arte saudosa casa perfectamente co progreso económico de Galicia.

Desde a atalaia dos coñecementos literarios, artísticos e vitais, de Plácido  Castro, as teses do doutor Nóvoa Santos, e daqueles que fan da saudade un sentimento morboso, son invalidadas. Literalmente: saudade do porvir = instinto de vida = vida cada vez máis bela, complexa. É máis, a saudade do porvir é o sentimento intuitivo da colectividade humana.

O enfoque de Plácido resúmese, logo, en tres mensaxes.

Cabo da saudade do espazo humano do noso lar e do espazo natural da paisaxe, hai unha saudade máis complexa, unha saudade do porvir dun espazo colectivo que os galegos chamamos “país”.

Cabo da saudade do tempo pasado (o celtismo mítico) e da insatisfacción producida por un tempo presente (un pobo sen conciencia de si mesmo e con escaso desenvolvemento económico), hai unha saudade do porvir, que os galegos nomeamos como Galicia.

En fin, cabo da saudade das persoas que fomos nós mesmos (a xuventude) e das persoas que xa se foron (amigos, familiares), hai unha saudade da colectividade que aínda non é pero pode ser: a nación galega.

11. RETORNO A GALICIA

A materialización artística e política destas e outras ideas, realízase cando Plácido retorna a Galicia en 1930. Até o de agora o seu contacto con Galicia fora ocasional, vinculado a estadías de verán e ao propósito de conseguir o título de profesor de idiomas.

Comeza a colaborar coas Irmandades da Fala. En 1931 pronuncia a conferencia “O nacionalismo credo moderno”, organizada pola Irmandade da Fala da Coruña. Plácido decántase polo nacionalismo como o instrumento máis axeitado para facer política en Galicia. Por que? Por que o nacionalismo é un ideario moderno, liberal e progresista, un modelo político construtivo que fai máis doado o traballo mutuo e a solidariedade entre pobos e nacións. O ideal de Plácido é unha unidade nacional pequena, xa que é o máis adecuado para fortalecer a práctica da democracia integral. Ademais, unha nación pequena será difícil que se deixe tentar por ambicións imperialistas e tentativas militaristas.

En decembro de 1931, participa na Asemblea fundacional do Partido Galeguista, na que resulta elixido para o Consello Permanente. Desde ese momento e durante todo o período republicano Plácido Castro será un importante dirixente do galeguismo.

En 1932 é reelixido membro do Consello directivo do Partido Galeguista na II Asemblea.

En 1933 representa ao Partido Galeguista no IX Congreso de Nacionalidades Europeas celebrado en Berna os días 16, 17 e 18 de setembro. O máis importante cargo desempeñado por Plácido Castro no seo do galeguismo foi o de secretario de Relacións Internacionais, representando a Galicia neste Congreso.

Nas eleccións lexislativas de novembro de 1933, o comité electoral do Partido Galeguista designa a Plácido e Francisco del Riego como colaboradores da campaña de Lugo, co obxecto de reforzar aos candidatos Álvarez Gallego e Basanta del Río. Estableceron a súa base operativa no Hotel Méndez Núñez. Desprazáronse por todos os recunchos da provincia. Na asemblea extraordinaria celebrada o 21 de outubro, na que os galeguistas deciden acudir ás eleccións en colaboración cos partidos autonomistas, propúxose a Plácido como candidato. Este, igual que Alexandre Bóveda, proposto tamén pola asemblea, renuncia a ir nas listas por considerar que é de maior utilidade nas funcións de partido.

Despois das eleccións Plácido aposta porque o Partido Galeguista abandone a loita por un Estatuto modesto, insiste en que o nacionalismo é a única vía progresista e democrática para a desenvolvemento da soberanía económica e política de Galicia. Pasa a ser partidario da idea de que os galeguistas abandonen calquera alianza política allea aos seus intereses, a imitación do Sinn Fein irlandés30, priorizando a concienciación da sociedade e a creación dun auténtico partido de masas.

Xa en 1934 na III Asemblea do Partido Galeguista foi o membro máis votado para a executiva con 1.654 votos. Asume a responsabilidade de relacións internacionais.  Meses despois participa no Pacto de Compostela, onde se xesta “Galeuzca”.

En 1935, na IV Asemblea do Partido Galeguista, é reelixido Secretario de relacións internacionais e membro do Comité executivo.

Durante todo este período de vida política, Plácido non abandona o seu labor intelectual, publicando artigos en diversos xornais.

12. YEATS: O PAÍS DA SAUDADE

Xustamente en 1935, e coa colaboración de Antón Villar Ponte, publica unha adaptación de dous folcdramas do Premio Nobel William Butler Yeats: Catuxa de Houlihan e O país da saudade31. En 1935 a sección de propaganda do Partido Galeguista de A Coruña estivo a preparar os ensaios dunha representación destas obras, que nunca se chegou a realizar por mor da guerra civil.

O tema da saudade centra The Land of Heart’s Desire, que non foi traducida como, por exemplo, A terra que arela o corazón, senón O país da saudade. Escrita en 1894, a acción céntrase no seo dun fogar, “nun tempo antergo”.

Nunha casa do condado de Sligo (lembremos que alí pasou Yeats a súa infancia e tomou contacto co folclore irlandés) conviven Martiño e Bríxida Bruin xunto co seu fillo Xoán Bruin e a muller deste, Maruxa. Xoán e Maruxa casaron recentemente. Tamén está o crego Hart, de visita nesa casa.

A saudade está moi ben explicada pola protagonista, Maruxa, cando exclama diante do crego Hart: “Padre, estou farta e moi cansa das catro língoas. A língoa raposeira e sabia. A língoa piedosa e sán. A língoa margurenta máis que o mar. E unha lingua, língoa amábel ateigada de meluras de amor ensoniñado que é a língoa do meu cautiverio”32.

O que Maruxa quere dicir é que a saudade é un sentir complexo que actúa en dous tempos. No primeiro tempo a saudade é provocada pola lectura dun libro no que a princesa Edane viaxa ao país do encanto e o ensono. A saudade é un sentimento crítico porque lle fai caer na conta de que está dominada pola voz do amo (o sogro), a voz da relixión (o crego), a voz da servidume resentida (a sogra), e a voz do xénero-varón (o marido). En suma, a saudade é a conciencia do cruel despotismo dos feitos.

No segundo tempo a saudade é unha ideación construtiva que lle fai arelar unha outra identidade alén da súa condición civil asignada socialmente: nora de, freguesa de, serva de, muller de. O país da saudade non é o lugar das fantasías, a maxia, as fadas ou as señardades. É o que nos saúda desde o porvir como unha posibilidade de vivir nunha nova linguaxe e, xa que logo, ter unha identidade social e civil non reprimida, unha existencia singular non silenciada, unha vida sen represión. A saudade é a conciencia construtiva da liberdade de elección, da soberanía.

Esta é a innovación da saudade de Yeats que tanto Plácido como Villar Ponte souberon, polo menos, intuír e traducir con éxito.

13. GUERRA, DESACOUGO, LONDRES

En 1936 Plácido participa moi intensamente na campaña a prol do Estatuto de Galicia. A guerra civil sorpréndeo en Muxía, instalado na casa duns familiares. Foi detido, procesado e condenado polo “Tribunal Regional de Responsabilidades Políticas” a quince anos de inhabilitación absoluta, a oito anos e un día de desterro a máis de cen quilómetros de Muxía e ao abono dunha multa de 25.000 pesetas, cantidade moi elevada para a época. Inicialmente, para cumprir esta condena, elixiu Vigo (Coruxo en concreto) como lugar de residencia.

Ao pé da foz do Lagares, participaba nas tertulias colectivas que xiraban arredor dos Alvarez Blázquez, con Paco del Riego, Xaime Isla, Alvaro Cunqueiro, Otero Pedrayo entre outros. Tamén, máis avanzado o tempo, participaba nas tertulias celebradas na “taberna do Alameda”, en Santiago, organizadas para avaliar o contido de cada número de La Noche no que chegaría a publicar algunha colaboración.

Voltado para as sesións de piano (era bo coñecedor da música), dedicou tempos mortos ao debuxo e ás acuarelas, refuxiouse nas súas lecturas de astronomía, e dedicouse a completar e ampliar as súas traducións ao galego de poesías irlandesas, gaélicas e inglesas.

Plácido devece por fuxir daquela atmosfera asfixiante. Coa muller e os seus catro fillos decide irse a Lisboa, onde vive a súa irmá Hermitas. En Estoril pasa varios meses até que a comezos de 1949 emprende novamente a viaxe a Londres. Aquí exercerá como locutor-redactor da BBC durante seis anos, na sección dos programas en lingua galega, española e portuguesa, ademais de crítico teatral en lingua inglesa. Enviará algunhas colaboracións a xornais de Portugal (o Jornal de Noticias de Porto) e de América (La Nación de Bos Aires).

14. SAUDADE: DESEXO PURO

En 1950 publica no Boletín do Instituto Español de Londres o traballo titulado: “Un tema de Galicia: la saudade y la poesía”. Tamén envía algunha colaboración a Galicia Emigrante, revista que comeza a súa andaina en 1954 na capital bonaerense. Neste traballo de 1950 insiste con máis amplitude nas ideas expostas con anterioridade33.

O galego e o celta, en xeral, chega a ter saudades da súa terra, aínda cando está fisicamente nela, é dicir, que está namorado da propia saudade e tamén anhela unha intimidade máis completa, unha fusión, de cuxo desexo xurda a súa característica interpretación máxica da natureza.

Plácido segue a insistir en que a pesar da indefinición e variedade de expresións do sentimento da saudade, este ten unha forma: a do desexo puro, o desexo polo pracer de desexar, o anhelo de non se sabe que.

Deste confuso anhelo do non-sei-que é fácil o paso á forma máis característica celta do desexo: a saudade do imposible, a saudade pura que nunca pode verse satisfeita, e que por isto, tal vez, é a máis atraínte.

Para Plácido a saudade é a canle artística que os poetas dos países celtas empregan para a expresión dos seus sentimentos. Canle coherentísima porque a arte é tamén unha forma de saudade: a arte é o anhelo de crear algo máis belo do que existe, a non conformidade coa realidade, a aspiración cara á beleza. No caso dos poetas galegos e celtas a súa psicoloxía levoulles a acentuar máis o acto de desexar que o obxecto desexado. Por iso a súa obra defínese por ese amor ao “lonxano na lonxanía” e está saturado de saudade.

En palabras de Plácido a saudade “non é (…) algo desmoralizador, deprimente, triste, afín, como algunha vez se ten dito, ao instinto de morte. Se así acontecese, teriamos que cualificar de igual maneira a unha gran parte do máis sublime arte literario”34.

15. SEGUNDO RETORNO A GALICIA

Plácido regresa a Galicia en 1956. Xa cumprira integramente a pena de quince anos de inhabilitación absoluta que lle fora imposta en 1940. Incorpórase como profesor de inglés no Instituto Laboral de Vilagarcía de Arousa.

Realiza múltiples traducións e de tódolos xéneros. Conto, teatro, poesía. Normalmente partía da versión inglesa, non gaélica. Seamus Cartan, Egan O’Rahilly, Raftery, William Blake, son traducidos ao galego.

Neste mesmo ano de 1956 escrebe un longo texto no que analiza polo miúdo as semellanzas e diferenzas entre a poesía de Rosalía de Castro e Christina Rosseti. Christina Rossetti (1830-1894) é unha das poetas máis sobresaíntes da Gran Bretaña, irmá de Dante Gabriel Rossetti (1828-1882), pintor e poeta que en 1848, xunto con Millais, H. Hunt, J. Collison e outros, funda a Irmandade prerrafaelita. Trátase dunha obra inédita que debeu realizar como traballo científico para presentar á “Comisión Permanente do Padroado Nacional de Ensino Medio e Profesional” para acceder a unha praza de profesor numerario.

Plácido comeza recoñecendo que tras a intervención no campo do celtismo e da saudade de arqueólogos, lingüistas, doutores, filósofos, psiquiatras e eruditos especializados, algo cambiou. E ten razón.

16. GALICIA: SEGUNDO DEBATE

Desde a vella polémica de finais dos anos 20 e principios do 30, moito se ten escrito sobre a saudade como trazo de identidade do ser galego35.

En 1940 Eduardo Blanco Amor36 afirma que a orixe da saudade está na terra e na paisaxe. É o abafante entorno natural o que provoca este sentimento. A insatisfacción saudosa provén dun ritmo alternante entre a saturación da paisaxe e a apetencia da paisaxe, entre un afán de eludila (e evitala), e a ansiedade de volver e comprobar como un se liberou dela. O sentimento da paisaxe é saudade (afecto de ida e volta).

Castelao en 1944 en Sempre en Galiza, diferenza e asimila morriña e saudade: a saudade é unha morriña con conciencia. E, curiosamente, recolle algunhas expresións da teoría de Plácido Castro. Escrebe Castelao “Maxinemos que unha vella descobre un “non sei qué” na face d-un meniño horfo de nai. Se a criatura ten dous meses a vella dirá: “Este neno ten soedades da súa nai”. Se a criatura ten dous anos, a vella dirá: “Este neno ten morriña da súa nai”. A Morriña é, pois, a Saudade en estado de conciencia; é o desexo, posible ou imposible, de recobrar o que se perdeu; é a devoción a algo que está na lonxanía do tempo ou do espazo. A Morriña é o anceio dooroso de retornar â patria, ao fogar, â xuventude, â cousa ou criatura lonxana. Sempre xurde de ausencias que nos magóan até chegar a matarnos. (…). A Saudade, que non é Morriña, pode sentirse en presencia do que se ama. (…). A Morriña é unha Saudade do que está lonxano na lonxanía”37. Castelao engade que a morriña non é un sentimento universalmente estendido como a nostalxia, o mal du pays, o homessick, porque estes sentimentos morren en cada individuo, mentres que a morriña dimana dos fondos do pobo.

En 1951 Ánxel Fole38 sostén que todo fondo sentimento da natureza é un sentimento saudoso. Sentirse saudoso é sentir a natureza, non ollala como observador, nin discernir como artista o seu valor estético. Para este sentir requírese sentirse illado nun estado contemplativo. A gran soedade, a soedade de soedades, é unha  das fontes da saudade. Segundo Fole, se hai unha paisaxe saudosa é a paisaxe galega.

En 1952 Fole39 sinala que a saudade é un duplo proceso: o proceso da idealización da paisaxe, paralelo coa visualización na penumbra do subsconsciente. Diante do misterio do vasto océano aparece o impulso de idealización e misterio. Paralelo a el, un proceso de introspección se desencadea abrindo os labirintos da nosa intimidade.

Tamén en 1952, Otero Pedrayo40 estima que para o galego, a grandeza do eido e do fogar, medra e embróllase coa saudade da verdadeira terra prometida. O galego emigra e volve cambiado. A saudade é un itinerario cinguido de amor á terra que se deixa para devecer por retornar sempre a ela.

En 1953 a Editorial Galaxia tira do prelo La saudade un volume colectivo con participación de Ramón Piñeiro, Domingo García Sabell, Luís Tobío, Juan Rof Carballo, Francisco Elías de Tejada, Alonso Montero, Manuel Vidán e Salvador Lorenzana, poñendo de actualidade, e sobre a mesa do galeguismo, o tema da saudade con novos enfoques.

Para o doutor García Sabell41 a saudade é un dinamismo vital capaz de rehumanizar ao individuo e á natureza. É un proceso de “repersonalización” que o propio García Sabell denomina “busca da persoa perdida”. A saudade é o resultado creativo de saírmos vitoriosos do estrañamento (cosificación, vaciedade, desorientación), a despersonalización e a fuga do eu.

Para o catedrático de Dereito natural Elías de Tejada42 a natureza é paisaxe e, sobre todo, o mar ante o que o galego treme: o mar é causa de angustia e o gran ser animado de onde veñen os perigos. O galego sente a angustia de perder o seu eu, de sentir, sen saber por que, que o ser enteiro lle marcha nunha aperta coa alma común da natureza. A saudade é, pois, un sentimento de fronteira, confín, que produce unha sensación parecida á da proximidade dos abismos. Opina Elías de Tejada que na formación da saudade intervén a personificación celta das entidades naturais, direccionada no sentido da inferioridade psicolóxica que dá lugar á aparición dunha angustia radical colectiva en cada ser individual, semellante á provocada, directamente, polo baleiro da nada, que é, precisamente, a saudade. A personificación da natureza sería consubstancial ao celta desde as súas máis antigas expresións literarias, así como a súa avidez da distancia azul e incomprensible. As tebras, que inicialmente foron brétema física, ascenderon a nebulosidade lendaria e, máis adiante, a estado permanente de conciencia. Ao amar as súas negruras insondables, foise enchendo delas o corazón do home acurralado polas ondas. Esta situación de tremor cósmico ficou como angustia pura e espida, como tremor antropolóxico común a todos os compoñentes do pobo galego. Isto é, como saudade.

Para o médico lugués Rof Carballo43 a saudade nace e aliméntase da dimensión telúrica da paisaxe e clima galegos. De aí a súa compoñente de lembranza e querenza, que busca recompoñer a ruptura producida polo trauma do nacemento. A saudade é a nostalxia do seo materno, do fondo da memoria que actúa como plataforma de lanzamento cara ao home novo e renovado.

Pero é Ramón Piñeiro quen en 1951 no “Significado metafísico da saudade”, e agora en 1953 no artigo “Para unha filosofía da saudade”, lle da forma filosófica ao tema da saudade44.

Piñeiro define a saudade como un puro sentir, o decorrer espontáneo do sentimento ceibe de toda relación co pensamento ou coa vontade, máis perceptible polo sentimento mesmo. Semella que a saudade se dobrase, se pregase para autopercibirse, habilitándose a si mesma para unha autodescrición nun discurso, no seu caso, filosófico. Este é o punto pivotante sobre o que o xira, arredor de si, toda aFilosofía da saudade ao modo dunha buxaina, o pé xiratorio que permite a comprensión do “como” da penetración (fenomenolóxica, ontolóxica) no reino do (metafisicamente) inefable.

Desta dobradura da saudade, aínda ignota e misteriosa, é coñecedora a cultura galaico-portuguesa cun saber pre-conceptual. Piñeiro debuxa a estrutura e elementos dunha fenomenoloxía (inacabada e inacabable) do sentir: a intimidade non se acada co pensamento racional, nin coa querenza volitiva, senón co “sentimento”. Que sentimento? A saudade, isto é, o sentimento da soidade ontolóxica do home. A saudade é o intersticio que entre o ser o tempo da á luz ao ser singular que aínda ten que devir humano.

17. VINDICACIÓN DA IMAXINACIÓN

Pero para Plácido algo non funciona nestas interpretacións. A saudade xa non parece admitir un achegamento desde a imaxinación, senón única e exclusivamente desde a razón científica (filolóxica, histórica, sociolóxica, médica, filosófica).Precisamente por esta razón, Plácido segue coa mesma estratexia de 1927: aterse aos sentimentos dos poetas45.

No escrito de 1956 sobre Rosalía de Castro e Christina Rossetti, Plácido amplía e insiste na nómina de poetas con espírito céltico: Blake46, Coleridge, Shelley. Sobre todo, Shelley, sempre Shelley47. Por que esta teima de Plácido, reiterada neste escrito e en escritos anteriores, en enraizar o sentimento da saudade galega en fontes tan lonxanas e “estrañas” como Shelley, Blake e Coleridge?

Pois, tal vez, porque nestes poetas, nesta compañía visionaria, como a denominou Harold Bloom, dáse unha tripla reivindicación: o uso da libre imaxinación creadora; a concepción dunha natureza libre das ataduras da relixión e da concepción cientificista e mecanicista; a chamada á renaturalización do ser humano e á humanización da natureza fóra dos canons establecidos polo incipiente industrialismo48. A este respecto, para Plácido a postura de Shelley é paradigmática.

En 1821 Shelley escrebe un fermoso ensaio titulado Defensa da poesía49. É unha durísima resposta ao seu amigo Thomas Love Peacock que, en As catro idades da poesía, relaciona a orixe da poesía coa ebria adulación que os antigos bardos rendían aos seus primitivos reis, e no que insta aos seus lectores a abandonar a escrita e lectura de poesía para dedicar o seu pensamento a cuestións “verdadeiramente útiles”. A reacción de Shelley non se deixa esperar.

Para Shelley a poesía defínese como expresión da imaxinación. A imaxinación non é un órgano oposto á razón. Mais ben, a razón é un dos instrumentos posibles da imaxinación. Os poetas, di Shelley, aqueles que imaxinan e expresan ordes de relacións, non só son os autores da linguaxe e da música, a danza e a arquitectura, a escultura e a pintura: son os creadores das leis, os fundadores da sociedade civil, os inventores das artes da vida e os mestres, capaces de aproximar esa parcial percepción da forzas do mundo invisible (o mundo da moral, da ética, da política) ao belo e verdadeiro.

A poesía arrinca ao mundo o seu velo de familiaridade, proporcionado pola relixión e as artes mecánicas, os mitos e as técnicas. A poesía destrúe calquera concepción teolóxica e tamén contable da natureza. Pon ao descuberto a núa e durmida beleza que constitúe o espírito das formas e as relacións. En suma, revela a posibilidade dunha natureza allea á comprensión relixiosa e ao incipiente modelo capitalista de explotación.

Pois ben, para Plácido Castro Shelley é o exemplo máximo da maxia da natureza e da imaxinación posta en marcha. Shelley fornécenos dun ideal artístico que, no fondo, é un modelo construtivo e societario, un novo xeito de relacionarnos con nós mesmos e a natureza. En fin, di Plácido, a arte é unha forma máis de saudade, de arela do fermoso, de impulso de vida. Xa que logo, unha creación que nos agasalla cun modelo ético de vida.

18. SAUDADE: VERTIXE DO INFINITO

Toda esa experiencia culminou na súa obra clave, a tradución en 1965 de As Rubáiyát de Omar Khayyám, poeta persa e tamén astrónomo, que viviu na segunda metade do século XI, é dicir, na mesma época dos nosos Cancioneiros. Omar Khayyám, home de ideas atrevidas e bastante arredadas da ortodoxia, Rei dos Sabios, obxecto do favor de Visires e Sultáns, foi autor tamén dun Tratado de Álxebra e dunhas Táboas Astronómicas. A versión de Plácido baséase na do poeta inglés Edward Fitzgerald.

A tradución aparece publicada no número oito da revista Grial. Na súa introdución, Plácido asegura que “a astronomía é a máis poética imaxinación dos nosos días –aquelo que arreda até máis lonxe os lindeiros da imaxinación e da fantasía, o que nos fai sentir a suprema saudade, o tremor do vértigo do Infinito”50. Este sentido vivísimo da saudade “do” (xenitivo obxectivo e subxectivo) Cosmos ábrenos a dimensións (éticas e estéticas) até o de agora insospeitadas para os humanos51.

Coa satisfacción de ver culminada esta versión, amplamente recoñecida nos medios intelectuais pola súa gran calidade, Plácido falece en Cambados o 17 de xullo de 1967.

19. CONCLUSIÓNS PROVISIONAIS

Tanto a finais dos anos vinte como na década dos cincuenta, Plácido Castro entende que a identidade de Galicia está ligada ao sentimento da saudade. Por que?

A saudade é unha lente que nos permite ver (de aí o título desta conferencia: saudade como “visión”) o que a cotío permanece invisible: a natureza, a paisaxe, as xentes, a lingua, o territorio, o país. A saudade é unha maneira de mirar. Unha maneira crítica e lúcida.

Pero a saudade tamén é unha voz que nos habilita para achegarnos outramente ás cousas, á natureza, ás persoas. Sentimos saudade, pero que facemos con ela? Serve para disolver lazos fraternais e mergullarnos no abismo dos laios e as señardades, ou serve para refacer o amor por Galicia e os galegos? A saudade, é un sentimento que usamos destrutiva ou construtivamente? As voces de Plácido Castro e os seus poetas invítannos a sumarnos a este impulso construtivo e vitalista.


1 Nesta dirección cf. os innovadores estudos de Luís G. Soto “Saudade como mensaxe” en O espírito da letra. Nove achegas filosóficas a textos literarios, Espiral Maior, A Coruña, 2008, pp. 37-53, e “Saudade (isolamento-sociabilidade) em Eduardo Pondal” en María Celeste Natário, António Braz Teixeira, Alfonso Rocha e Renato Epifânio (coords.): Actas do III Colóquio Luso-Galaico sobre A Saudade, Ed. Céfiro, Sintra-Lisboa, 2008, pp. 241-251. Outro tratamento da saudade (como oscilación entre a angustia e a esperanza) atopámolo en Andrés Torres Queiruga: Para unha filosofía da saudade, Galaxia, Vigo, 2003.

2 Castelao: Sempre en Galiza, Akal, Madrid, 1980, 3ª ed., p. 352.

3 Id., p. 355.

4 Para todas as noticias biográficas cf. a páxina web da Fundación Plácido Castro e o interesante texto de Xulio Ríos: Plácido Castro. Humanista, liberal, cosmopolita: símbolo da universalidade do nacionalismo galego, Ir Indo, Vigo, 1997. Para unha valoración xeral dos seus aportes xornalísticos, políticos, poéticos, literarios, cf. VV. AA.: Plácido Castro no centenario, IGADI, Baiona, 2002.

5 Cf. Xosé Manuel Castro “Teixeira de Pascoais da Galiza” na revista Farol, Viana do Castelo, número 14, maio, 2001, pp. 61-64.

6 Cf. Teixeira de Pascoaes: “O espírito lusitano ou o saudosismo” en Alfonso Botelho e António Braz Teixeira (eds.): Filosofía da saudade, Imprensa Nacional – Casa da Moeda, 1986, pp. 21-36. Tamén é interesante a lectura dos poemas de Teixeira de Pascoaes recollidos en Saudade. Antología poética (1898-1953), Ediciones Trea, Gijón, 2006, (edición bilingüe).

7 Unha escolma das súas teses pódese consultar en Carolina Michaëlis de Vasconcelos: “A saudade portuguesa” en Alfonso Botelho e António Braz Teixeira (eds.), op. cit., pp. 145-160.

8 Para un achegamento a este debate cf. Salvador Lorenzana “Teorías interpretativas da Saudade” en VV. AA.: La saudadeEnsayos, Galaxia, Vigo, 1953, pp. 157-198.

9 “A morriña creadora” en A Nosa Terra, nº 61, 20 de xullo de 1918.

10 “O saudosismo e o idealismo” en A Nosa Terra, nº 1 de setembro, 1 de outubro, 15 de outubro, 31 de outubro de 1921.

11 “A saudade nos poetas galegos” (discurso de ingreso na Academia Galega) en A Nosa Terra, 5 de outubro de 1920.

12 “Prosas galeguistas V” en A Nosa Terra, número 75, 15 de nadal de 1918.

13 “Divagacións engebristas” en A Nosa Terra, número 117, 1920.

14 Cf. “Metafísica do home galego” en Ramón Regueira: X. V. Viqueira: teoría e praxe, Editorial Novo Século, Iria Flavia – Padrón, 1992, pp. 172-174.

15 “Un libro de Teixeira de Pascoaes: Comentario a Os poetas Lusiadas” en A Nosa Terra, número 5, marzo 1920.

16 “Heterodoxia” (7 de xullo de 1926), “Moxenas” (15 de xullo de 1926). Na polémica con Nóvoa Santos, Rafael Dieste escrebe dous artigos nos que matiza a súa propia posición inicial sobre a saudade: “O doutor Nóvoa Santos, teorizante da saudade” (23 de marzo de 1927), “Misticismo e saudade” (27 de marzo de 1927). Os catro artigos están recollidos en Rafael Dieste: Obra galega completa, Vol. II, Galaxia, Vigo, 1995.

17 Para a filosofía de Roberto Nóvoa Santos cf. Ramón López Vázquez: Roberto Nóvoa Santos (Nova interpretación antropolóxica), Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Santiago de Compostela, 2004.

18 Cf. id., pp. 165-176.

19 A nosa lectura baséase na versión La saudade y el arte en los pueblos célticos, Imprenta de El Pueblo Gallego, Vigo, 1928, sita na páxina web da Fundación Plácido Castro.

20 Agora recollidos en Irlanda en Plácido Castro, IGADI, Vigo, 2011, pp. 110-126.

21 Sobre o celtismo como modo de vida ético, político e artístico cf. tamén “En torno a un título” en id.,pp. 150-154.

22 A importancia de M. Arnold está reflectida en varios textos de Plácido recollidos en id., como por exemplo “English Poetry and The Celtic Spirit” (pp. 75-79), “Galicia e a cultura clásica” (pp. 95-99), “O noso novo profeta” (pp. 129-132). Tamén é preciso ler “A Inglaterra Céltica” publicado en El Pueblo Gallego, xoves 10 de marzo de 1927.

23 Cultura y anarquía, Editorial Cátedra, Madrid, 2010.

24 Cf. id., pp. 135-163.

25 Cf. id., pp. 165-178.

26 Cf. tamén “Galicia e a cultura clásica” (pp. 95, 99), “O noso novo profeta” (pp. 130, 132) en Irlanda en Plácido Castro.

27 Jorge Luis Borges tamén se fai eco da importancia das teses de Arnold nun discurso de 1962 recollido en “Textos perdidos de Jorge Luis Borges” en Juan Gustavo Cobo Borda y Martha Kovacsics de Cubides: El Aleph Borgeano, Biblioteca Luis-Angel Arango, Bogotá, 1987. Sobre a valoración de Arnold como tradutor cf. Jorge Luis Borges: Arte poética. Seis conferencias, Editorial Crítica, Barcelona, 2001, pp. 84 e ss.

28 Cf. Irlanda en Plácido Castro, p. 77.

29 Cf. id., p. 125.

30 Cf. “¿Nós sos?” en id., pp. 171-174.

31 Sobre Yeats cf. tamén “Saudade de infancia e recordo de Yeats” e “Vida e poesía” recollidos enid., pp. 188-19 e pp. 194-198, respectivamente.

32 W. B. Yeats: “O país da Saudade”, tradución de Plácido Castro e Antón Villar Ponte, en Grial, número 45, 1974, p. 326.

33 Cf. a noticia que sobre o texto proporciona Salvador Lorenzana en “Teorías interpretativas da Saudade” en VV.AA., La saudade, pp. 173-174.

34 Citado por Salvador Lorenzana, id., p. 174.

35 Cf. as opinións recollidas por Salvador Lorenzana en id.

36 “Dos bocetos sobre la tierra y su angustia”, Revista Galicia, xullo de 1940.

37 Castelao, op. cit., pp. 355-356.

38 “Paisaxe e saudade” (Charla lida na BBC, 3 de decembro de 1951).

39 “Rostro y entraña de nuestro ser”, Grial, número 3, Vigo, Galaxia, 1952.

40 Por os vieiros da saudade, Galaxia, Vigo, 1952. Cf. tamén “Filosofía e saudade” (1955) en Alfonso Botelho e António Braz Teixeira (eds.), op. cit., pp. 549-553.

41 “La Saudade por dentro” en VV. AA., La saudade, pp. 43-61.

42 “La Saudade desde una posible sociología existencialista” en id., pp. 99-117.

43 “Jonás y la Saudade” en id., pp. 75-96. Cf. tamén Andrés Torres Queiruga, op. cit., pp. 176-181.

44 Estes artigos agora forman parte do libro de Ramón Piñeiro Filosofía da saudade, Editorial Galaxia, Vigo, 1984. Para unha analítica da filosofía da saudade de Ramón Piñeiro cf. Miguel Ángel Martínez Quintanar “Ramón Piñeiro, rúbricas filosóficas (Para unha filosofía galega en construción)” en Homenaxe a Ramón Piñeiro, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Xunta de Galicia, 2009, pp. 135-150.

45 Plácido albisca, tal vez, que ningún xuízo ou teoría sobre a obra de arte poden ser anteriores á experiencia intuitiva e doadora da arte mesma. Para unha rigorosa conceptualización filosófica desta tese cf. Nel Rodríguez Rial: Curso de estética fenomenológica. Vol II: Elogio del placer estético (Prolegómenos para una teoría fenomenológica de la experiencia estética), Publicacións do Seminario de Estudos Galegos, Ediciós do Castro – USC, Santiago de Compostela, 2000, en concreto a lección oitava “En los profundos parajes de la Stimmung. Prolegómenos para una arqueología de la vida emocional. Bases para una Gefühlästhetik”, pp. 145-183.

46 Cf. tamén “From english into galician. A few poems” en Irlanda en Plácido Castro, pp. 79-84.

47 Plácido xa subliñara a importancia de Shelley en La saudade y el arte en los pueblos célticos (1928), e no texto “English Poetry and The Celtic Spirit” (1952) recollido en id. pp. 75-79.

48 Para William Blake, cf. Harold Bloom: Los poetas visionarios del romanticismo inglés, Barral, Barcelona, 1974. Para Shelley, do mesmo autor cf. La compañía visionaria: Lord Byron-Shelley, Adriana Hidalgo Editora, Buenos Aires, 1999, e para Coleridge La compañía visionaria: Wordsworth, Coleridge y Keats, Adriana Hidalgo Editora, Buenos Aires, 2003.

49 Cf. “Defensa de la poesía o Algunas reflexiones sugeridas por un ensayo tituladoLas cuatro edades de la poesía” en Shelley: Ensayos escogidos, DVD ediciones, Barcelona, 2001, pp. 93-141.

50 “As Rubáiyát de Omar Khayyám”, introdución e tradución ao galego de Plácido Castro da versión inglesa de Edward Fitzgerald, Grial, número 8, 1965, p. 171.

51 Cf. tamén sobre o encanto máxico da natureza a súa observación sobre a nebulosa espiral de Andrómeda en Irlanda en Plácido Castro, p. 96.