10ª Conferencia Anual: Plácido Castro e o seu modelo de desenvolvemento turístico para Galicia

10ª Conferencia Anual: Plácido Castro e o seu modelo de desenvolvemento turístico para Galicia

X Conferencia Anual Plácido Castro 2009, pronunciada por Ángeles Piñeiro Antelo (Cambados, 23 de Xaneiro de 2009)

Pronunciada por Ángeles Piñeiro Antelo (Cambados, 23 de Xaneiro de 2009)

Como se pon de manifesto polo traballo desta Fundación, os pensamentos e as ideas de Plácido Castro ocuparon un papel destacado na historia de Galicia, non só no campo que no día de hoxe nos ocupa, que son as súas consideracións sobre o papel do turismo na nosa comunidade autónoma, senón as súas reflexións sobre a paisaxe, a cultura, o patrimonio, e en definitiva sobre a posta en valor das riquezas da nosa terra.

Nun primeiro momento centrarémonos en contextualizar o marco no que escribe Plácido Castro, e logo tentaremos profundar na súa concepción do que debería ser o modelo de desenvolvemento turístico galego na segunda metade do século XX, e na vixencia actual de gran parte das medidas que propuña.

Introdución

Plácido Castro representa un papel clave na proxección exterior do galeguismo, propiciado tanto pola súa formación intelectual coma polo coñecemento doutras linguas. Isto converterao no representante de Galicia e do Partido Galeguista no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, celebrado na cidade de Berna no ano 1933 (discurso escrito por Vicente Risco). Grazas a presentación feita por Castro no Congreso podemos proclamar e nomear a Galicia como unha nación europea.

Moitas son as actividades intelectuais levadas a cabo ao longo da súa vida. Destaca o seu labor como tradutor e xornalista, e ademais foi un membro destacado do Partido Galeguista , e un activo defensor do galeguismo. En 1936 participa con gran intensidade na campaña en favor do Estatuto de Galicia.

Co golpe de estado foi procesado e condenado ao desterro primeiro na nosa comunidade autónoma e anos despois, exiliouse a Estoril (Portugal) e máis tarde, a Londres.

Cando regresa a Galicia no ano 1956 despois do seu exilio forzado, volve a escribir en xornais coma O Faro de Vigo ou o Diario de Pontevedra, entre outros. Será no ano 1962 cando comezará a abordar temas de carácter social e cultural como a recuperación da nosa identidade (tentouno coa romaría viquinga de Catoira), e de gran transcendencia económica coma o desenvolvemento do turismo, ou a potenciación do Camiño de Santiago.

Conferencia Anual

A primeira metade do século XX

Galicia levaba desde a Idade Media recibindo peregrinos que camiñaban sobre todo a Santiago, pero tamén a outros santuarios de peregrinación como os de San Andrés de Teixido, Nosa Señora da Barca en Muxía ou Fisterra.

Pero o turismo tal e como hoxe o coñecemos vaise desenvolver no noso país vinculado ao capitalismo e á industrialización, polo tanto cun certo atraso con respecto ao acontecido no resto de Europa.

Ben avanzado o século XIX os balnearios -que empezan a proliferar no país- son o escenario de encontro da “sociedade” galega, pero tamén española e portuguesa. Balnearios como o de Mondariz ou da Toxa eran moi concorridos.

Pero nas localidades costeiras as praias frías e mornas tamén actuaban como un foco de atracción de novos visitantes. O Norte de España, e en especial as cidades de San Sebastián ou Santander constituían importantes destinos vacacionais, e A Coruña tamén ocupaba un lugar destacado.

Por outra banda, no desenvolvemento turístico de cidades coma Vigo ou A Coruña tivo unha grande importancia o tendido de liñas do tranvía eléctrico nas primeiras décadas do século XX. Foi este un elemento difusor en toda Europa dos destinos costeiros atlánticos. En Vigo comeza a funcionar en 1914 o tranvía comunicando a praia de Samil (Vigo) coas vilas de Panxón, Gondomar e Baiona. En 1922 uniuse a cidade da Coruña con Sada a través do mesmo sistema de transporte.

Cidades como Vigo, Santiago ou A Coruña, e centros termais como A Toxa ou Mondariz concentraban boa parte da oferta hoteleira de calidade, aínda escasa en Galicia

Nesta época destaca a difusión de organismos que tiñan como obxectivo a promoción do turismo, como a Sociedade de Fomento do Turismo, creada en Vigo en 1910.

A política turística levada a cabo dende a administración do Estado español antes da Guerra Civil pon de manifesto a importancia que se lle outorgaba ao fomento do turismo, considerado unha fonte xeradora de divisas que impulsará o desenvolvemento económico do país.

O turismo aínda non se pensaba como un motor de desenvolvemento e despegue económico en si mesmo, senón que se tiña por un mero instrumento para acadar divisas que puidesen ser investidos noutras industrias.

Esta intervención do Estado iniciase coa creación da Comisión Nacional de Turismo1 no ano 1905. As funcións que levará a cabo serán a formación e divulgación noutros países de itinerarios de viaxes para visitar os principais monumentos artísticos españois, as paisaxes, etc., a elaboración de estudos e realización de xestións con compañías de ferrocarrís para que, con tarifas especiais, organizaran viaxes por rutas atractivas, a mellora da hospitalidade aos visitantes estranxeiros, e a difusión dos nosos valores artísticos, culturais, históricos e naturais para espertar a curiosidade e o desexo de coñecemento.

Polo tanto, dende a Comisión Nacional o obxectivo prioritario será o turismo receptor baseado na demanda estranxeira, nin en un solo momento se contempla a conveniencia de fomentar os viaxes dos españois no seu propio territorio.

A Comisión Nacional foi substituída no ano 1911 pola Comisaría Regia. As súas funcións foron ampliadas, non só se tiña que favorecer a chegada de viaxeiros estranxeiros, senón tamén conservar de maneira eficaz a riqueza artística, monumental e pintoresca de España. Para iso, a Comisaría creou museos, organizou e participou en exposicións de arte, conservou monumentos, etc. En síntese, dúas foron as principais preocupacións deste organismo: a mellora da rede nacional de infraestruturas de transporte, e a ampliación da oferta hoteleira ofrecendo un servizo de calidade aos turistas.

O propio desenvolvemento turístico que se está xerando no país da lugar a creación do Patronato Nacional de Turismo en 1928, en substitución da Comisaría Regia. Este novo organismo nace coa pretensión de dar un impulso á política turística nacional. Así como a Comisaría tivérase adicado fundamentalmente á restauración de monumentos, dominando o binomio turismo-arte, o Patronato Nacional de Turismo diversificará as súas actividades e preocuparase pola propaganda, viaxes, aloxamentos ou formación, dando un paso adiante na concepción oficial de turismo e contribuíndo a asentar as bases do crecemento turístico de España. Neste momento ábrense numerosas oficinas de información turística, tanto no estranxeiro coma no interior, publícanse guías con información sobre rutas, monumentos, etc, e mellóranse as infraestruturas hoteleiras.

Merece a pena destacar a creación da Cámara Oficial Hoteleira (1928), o Libro Oficial de Reclamacións (1929), e a Rede de Paradores Nacionais e Albergues de estradas (o primeiro deles, o de Gredos, foi comezado en 1926).

O Patronato Nacional dividiuse, en principio, en tres delegacións xerais: Arte, Propaganda e Viaxes, e en oito grupos rexionais: Centro, Aragón, Cataluña, Baleares, Levante, Andalucía, Canarias e Protectorado de Marrocos. Como vemos Galicia non era un territorio prioritario aínda que tamén se tiña en conta a organización de representacións provinciais e, en algúns casos, locais.

Sen embargo, debido aos graves acontecementos que tiveron lugar nesta etapa, o Patronato Nacional sufre varias reestruturacións chegando incluso a deixar de funcionar durante varios meses, ata que, coa chegada da Guerra Civil, en 1936, desaparece.

Como consecuencia do conflito bélico, o desenvolvemento turístico sufriu un claro retroceso. Antes do final da Guerra, en xaneiro de 1938, créase o Servicio Nacional de Turismo, organismo de corta existencia onde tan só cabe destacar a publicación dunha normativa mediante a cal se intentaba intensificar o control sobre a industria hoteleira fixando os prezos destes establecementos.

Durante a década do anos corenta, as condicións tanto no Estado español coma no resto de Europa non favoreceron a chegada de turistas. Sen embargo, a Administración continuou intervindo, e no mesmo ano 1938 o Servicio Nacional de Turismo transfórmase en Dirección General de Turismo.

Entre as actividades desenvolvidas por este organismo destacan a reorganización das Juntas Provinciales y Locales, a regulamentación da publicidade con fins de propaganda turística, a creación do Crédito Hoteleiro, continuidade na fixación oficial dos prezos hoteleiros, instauración con fins recaudatorios da Póliza de Turismo, a regulación do exercicio das axencias de viaxes e do Sindicato de Hostalaría e o incremento e protección da rede de aloxamentos estatais.

En definitiva, esta intervención estatal vai dirixida fundamentalmente a promover o país no estranxeiro, a crear e mellorar as escasas vías de comunicación que posuía España, a aumentar o número de aloxamentos, e a poñer en valor a gran riqueza histórica, cultural, artística e natural que posuía o noso país.

A eclosión desde mediados de século

A partir do inicio da década de 1950 pódese dicir que o turismo consolídase en Europa como un fenómeno de masas, producindo a chegada ao Mediterráneo de milleiros de turistas procedentes do centro e norte do continente europeo.

Os balnearios coma centros turísticos e de ocio na primeira metade do século XX pasan a ser substituídos por un turismo de sol e praia, onde as praias quentes do Levante español afastan as praias mornas do norte peninsular, deixando a Galicia fora do circuíto turístico.

Sen embargo, dúas son as iniciativas das que se beneficiará o noso país durante a década de 1950 a 1960. A primeira delas será a apertura de establecementos dentro da Rede Nacional de Paradores, poñendo como exemplo o de Santiago de Compostela que se inaugurou o 24 de xullo de 1954, coincidindo cun Ano Santo. Logo abríronse outros coma o de Pontevedra (1956), Baiona ou Cambados (ambos en 1966). En segundo lugar lévase a cabo a creación e reforzamento de destinos turísticos coa Ley de Zonas y Centros de Interés Turístico na década de 1960. No ámbito desta lei aprobáronse 78 zonas en España, corresponden a Galicia as tres seguintes: A Toxa (O Grove), Canide (Oleiros) e Coruxo (Vigo). Como vemos hai unha clara aposta polos destinos litorais, polo turismo de sol e praia.

A creación en 1951 do Ministerio de Información y Turismo, unido ao inicio do turismo de masas permítenos diferenciar a etapa anterior da que comeza a partir da década dos cincuenta e que ocupa ata mediados dos anos setenta.

A administración turística, a través do Ministerio de Información y Turismo e da Comisión Interministerial de Turismo, xogou un papel fundamental neste despegue. En 1955 apróbase o Plan Nacional de Turismo e os Planes de Desarrollo Económico y Social dan un papel preponderante ao turismo na planificación económica do Estado.

No ano 1962 créase o Instituto de Estudos Turísticos, que é o órgano responsábel da investigación dos factores que inciden sobre o turismo, así como da elaboración, recompilación e valoración de estatísticas, información e datos relativos ao turismo a nivel estatal.

Este organismo supón un dos primeiros intentos de xerar coñecemento sobre o turismo en España.

A figura de Plácido Castro

Esta é a situación de despegue do turismo en Europa, en España e por suposto en Galicia que nos atopamos no ano 1962. Neste ano Plácido Castro escribe unha serie de catro artigos co título de “Consideraciones sobre el turismo” que serán publicados no Faro de Vigo entre o 3 e o 18 de abril.

Son artigos numerados, correlativos e sintetizan dunha forma clara as opinións de Castro con respecto a este fenómeno que comezaba a acadar relevancia a Galicia.

Xustifica o autor a necesidade destes escritos por dúas razóns principais: o interese do tema, tanto para a opinión pública (que propicia unha riada de artigos en xornais), como para a administración competente en materia de turismo (que poñía en marcha Campañas turísticas provinciais ás que Plácido fai referencia nos seus artigos).

E por outra banda tamén o motiva a escribir o sentido do deber, o convencemento de que a súa formación e a súa experiencia cosmopolitas lle proporcionan ferramentas útiles para contribuír ao ben común que non é outro que o desenvolvemento económico de Galicia.

Yo entiendo que aquellas personas que por su experiencia personal, basada en la larga residencia en países extranjeros, en su contacto dentro y fuera de nuestro país con los que lo han visitado, y en sus conocimientos de la manera de ser y las preferencias de otros pueblos, pueden y deben aportar sus ideas a esta labor común. Entre tales personas quisiera contarme, y por eso me aventuro a escribir estas líneas 2.

Nestes artigos numéranse, por orde de importancia, once aspectos “prioritarios” dos que ocuparse para afondar no desenvolvemento turístico galego. Plácido Castro deixa un pouco de lado, segundo as súas propias palabras, cuestións relativas ao patrimonio cultural, paisaxístico ou monumental, porque pensa que se está traballando de xeito correcto para polos en valor.

Imos sintetizar en cinco estas prioridades co afán de facilitar a súa análise. Para Plácido Castro é preciso ocuparse, en primeiro lugar, da mellora da calidade dos establecementos de aloxamento e restauración, en varios aspectos: no referido a dotación, ás comodidades e á limpeza dos propios establecementos (baños, comedores, etc), na calidade e variedade dos servizos de restauración ofrecidos, diversificando e internacionalizando a oferta, na formación dos seus traballadores, tanto nas necesidades de comportamento no servizo cara ao público como no dominio de linguas estranxeiras e no control sobre os prezos para evitar situación de abuso aos turistas.

Insistir en la conveniencia de que en cada época del año se incluya en la “carta” el mayor número posible de platos regionales, debidamente condimentados. E incluso (…) unos resúmenes en varios idiomas que podrían figurar en los propios “menús”” 3.

En segundo lugarPlácido Castro é consciente da necesidade de mellorar as infraestruturas de comunicación, tanto por estrada, mar ou ferrocarril. Ademais da mellora das infraestruturas, o autor está preocupado pola deficiencias no servizos e na atención ao público dalgún destes medios de transporte.

Vinculado ao aspecto anterior e en terceiro posto, Plácido Castro avoga pola mellora da accesibilidade ás praias, unha mellor dotación de servizos nelas e unha máis intensiva promoción deste recurso. Ao mesmo tempo advirte do perigo que supón unha excesiva urbanización do seu contorno.

No cuarto lugar,  Plácido Castro fala da necesidade de difundir as costumes, tradicións, folclore, artesanía e gastronomía propiamente galegas. Para favorecer esta difusión propón a creación de paquetes e rutas turísticas que deben ser amplamente promovidas a través da edición de guías, folletos, mapas, planos,…, que terán que ser de fácil acceso ao viaxeiro.

E por último, Plácido Castro faise eco no último destes artigos publicados no Faro de Vigo da necesidade de traballar no desenvolvemento doutros tipos de turismo vencellados ao deporte e a natureza como son o turismo náutico, o golf ou a pesca fluvial. No mesmo ano que o autor escribe este artigo inaugúrase na Coruña o Real Club de Golf.

Nestes catro artigos recóllense ideas que teñen plena vixencia hoxe en día dentro dun paradigma de turismo sostible, e tamén outros proxectos que acadaron pleno desenvolvemento entre o período que vai desde a publicación destes textos e a actualidade.

Plácido Castro considera ao Plan de la Costa de las Rías Bajas como unha proposta excesivamente polarizada en “centros piloto”, cando sería desexable considerar conxuntos máis amplos como unidades de intervención.

Hubiera sido preferible enfocar la cuestión desde el punto de vista de conjuntos o unidades de costa en vez de elegir centros piloto, se salta en el Plan citado desde Villagarcía y la playa de las Sinas directamente hasta El Grove. A mi entender, daría mejores resultados encararse desde el principio con todo el recorrido Villagarcía-El Grove, sin olvidarse naturalmente de la insuperable playa de La Lanzada. Las villas y pueblos intermedios, y hasta las islas, ofrecen algunos de los más valiosos atractivos turísticos que poseemos” 4.

Estas ideas son as promulgadas na actualidade polo concepto da rexión turística, concibida como un espazo xeográfico diferenciado pola implantación territorial do turismo, constitúa un concepto útil para a planificación e xestión turísticas (Smith, 1989).Deste xeito un destino turístico favorece un reequilibrio territorial que permite paliar en áreas desfavorecidas a regresión demográfica e o estancamento económico contribuíndo á vez coa preservación do patrimonio natural e cultural.

En 1962 o autor recomenda a creación dunha rede de paradores na costa da provincia de Pontevedra, como lugares de descanso e tranquilidade enfocados a un público que fuxe da súa axitada vida habitual. En 1966 inaugúranse os paradores de Baiona e Cambados.

Sería sumamente recomendable la creación de más sencillos y modestos, aunque gratos, paradores en algunas de las villas de la costa pontevedresa, donde el turista deseoso de tranquilidad y de contraste con su agitada vida habitual pudiese hallar el reposo de cuerpo y de espíritu 5.

Como el pretendía, na actualidade estase a avanzar na difusión de selos e certificacións de calidade para empresas turísticas. Lévanse a cabo campañas de sensibilización da poboación local para mellorar a acollida e o trato aos visitantes, e o respeto e protección ao medio. As diferentes administracións invisten na difusión da cultura gastronómica galega.

O derradeiro dos artigos publicados no Faro de Vigo está centrado na necesidade de promoción do “destino Galicia” no exterior tanto por parte da Administración central como local, pero tamén polas empresas turísticas e de transporte. Considera como instrumento promocional de primeira magnitude os fam trips ou viaxes de familiarización de xornalistas estranxeiros especializados en turismo.

Es evidente que cuanta labor interna se lleve a cabo para convertir a una región en próspera zona turística no rendirá sus plenos frutos si no va acompañada de una adecuada y continua propaganda exterior 6.

Estas prácticas polas que Plácido Castro avoga están completamente estendidas na actualidade, e son postas en práctica con notable éxito.

Nos anos sesenta do século pasado, o turismo receptor tiña moita máis importancia que o turismo nacional e interior. De aí o fincapé que se fai na promoción turística no estranxeiro. Máis na actualidade os turismos nacional e interior acadaron un gran desenvolvemento.

Outro dos temas fundamentais do seu discurso e a necesidade da formación de profesionais do turismo, tanto coa creación da Escola Sindical de Hostalería, como a través dos Cursos de Formación Profesional Intensiva levados a cabo polo Plan de Inversións do Padroado Nacional, aproveitando os recursos educativos e persoal existente.

Na actualidade, en Galicia pódese estudar a diplomatura en Turismo na Escola de Turismo de A Coruña, centro adscrito á Universidade de Coruña, ou na Escola de Turismo de Ourense, vinculada á Universidade de Vigo. Ademais as tres universidades galegas ofrecen un Máster Oficial en Dirección e Planificación do Turismo. Pola súa banda, o Centro Superior de Hostalería de Galicia imparte as titulacións de Diploma e Gran Diploma de Xestión e Dirección de Empresas Hoteleiras, e o Certificado de Elaboración e Xestión de Cociña.

Nestes centros fórmanse profesionais capaces de planificar e xestionar destinos e empresas turísticas en Galicia e en calquera parte do mundo.

Isto en canto á educación superior, e si falamos de oferta educativa de formación profesional en centros públicos a oferta inclúe ata 10 ciclos formativos.

Plácido pensaba que os turistas acadasen un alto grao de satisfacción na súa viaxe a Galicia ía a ser decisorio como elemento de promoción deste destino.

Hay otra forma de inmejorable propaganda. Es la que hacen los que nos han visitado, cuando regresan a su patria tras el verano y se oyen constantemente conversaciones acerca de cómo se han pasado las vacaciones. Si se habla con elogio de Galicia y de los gallegos en esos cambios de impresiones, los resultados se apreciarán infaliblemente al año siguiente. De nosotros depende que así suceda… 7.

Pois ben, segundo a enquisa de destino realizada polo departamento de Estatística e Investigación de operacións da Facultade de Matemáticas para Turgalicia, no ano 2008 o grao de satisfacción global dos turistas enquisados no noso país é bo ou moi bo, sendo os aspectos máis valorados nos aloxamentos turísticos galegos a hospitalidade e o trato.

Como conclusión facer fincapé en que as ideas vertidas nestes artigos amósannos a unha persoa cunha preparación académica e intelectual extraordinaria, con coñecementos doutros países, das súas culturas e idiomas, e cunha sensibilidade extraordinaria cara a necesaria protección do medio. Foi consciente da oportunidade que supoñía o turismo para o desenvolvemento económico de Galicia, e que este debía estar baseado na recuperación das tradicións e folclore galegos, na posta en valor dos recursos patrimoniais e culturais do noso país, na formación dos seus profesionais, e na necesaria protección do medio.

A figura e o saber indiscutíbel de Plácido Castro esténdese por varios campos da cultura: xornalismo, teatro, poesía, pintura, música,… aínda que tampouco deberíamos esquecer a súa labor de político, galeguista e universalista.

No día de hoxe celebraramos o 107 aniversario do seu nacemento. A personalidade de Plácido Castro perpetuase na memoria dos presentes a través da súa prolífera actividade política, social e cultural, e grazas ao bo traballo de difusión que ven levando a cabo a Fundación Plácido Castro.

Cambados, 23 de xaneiro de 2009

A autora agradece a colaboración prestada por Ana Belén Freire Naval nas tarefas de documentación para a elaboración desta conferencia.

Ángeles Piñeiro Antelo é Directora do Instituto de Estudos Turísticos de Galicia desde 2007. Licenciada en Xeografía pola Universidade de Santiago, está en posesión do posgrao de especialista en desenvolvemento local, e anteriormente realizou labores de investigación dentro do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galiza (IDEGA), como xestora do grupo de investigación de Análise Territorial (ANTE). Participou en numerosos proxectos de investigación no marco europeo en ámbitos de actuación como o turístico.


 

1 Este organismo encargárase de fomentar en España, por cantos medios estiveran ao seu alcance, as excursións artísticas e de recreo do público estranxeiro.

2 “Consideraciones sobre el turismo (I)”, Faro de Vigo, 03/04/1962.

3 “Consideraciones sobre el turismo (II)”, Faro de Vigo, 04/04/1962.

4 “Consideraciones sobre el turismo (III)”, Faro de Vigo, 14/04/1962.

“Consideraciones sobre el turismo (III)”, Faro de Vigo, 14/04/1962.

6 “Consideraciones sobre el turismo (IV)”, Faro de Vigo, 18/04/1962.

“Consideraciones sobre el turismo (IV)”, Faro de Vigo, 18/04/1962.

 

Referencias bibliográficas:

BAYÓN MARINÉ, F. (dir): 50 años del turismo español. Un análisis histórico y estructural, Madrid, 1999, p. 25-104.
JUANATEY HEREDIA, D. e SANTOS SOLLA, X.M.: “Turismo e cartelaría en Galicia” en Galicia en cartel: a imaxe de Galicia na cartelaria turística, catálogo da exposición, universidade de Santiago de Compostela, 2005, p. 13-40.
GALIANA MARTÍN, L. e BARRADO TIMÓN, D.: “Los centros de interés turístico Nacional y el despegue del turismo de masas en España”, Investigaciones Geográficas, nº 39, 2006, p. 73-93.
PATIÑO ROMARÍS, C.A.: “Espacios turísticos litorais: o modelo das Rías Baixas” en O turismo en Galicia. Potencialidades endóxenas de desenvolvemento urbano e económico, Vigo, 2000, p. 135-196.
SANTOS SOLLA, X.M. (coord.): Galicia en cartel: a imaxe de Galicia na cartelaria turística, catálogo da exposición, universidade de Santiago de Compostela, 2005.
BOE, nº 313, 31 de decembro de 1963: Ley 197/1963, de 28 de diciembre sobre <<Centros y Zonas e Interés Turístico Nacional>>

Arquivos anexos a descargar: