11ª Conferencia Anual: Linguas e educación. Unha reflexión ao fío do debate

11ª Conferencia Anual: Linguas e educación. Unha reflexión ao fío do debate

XI Conferencia Anual Plácido Castro 2010, pronunciada por Henrique Monteagudo (Corcubión, 20 de xaneiro, 2010).

Pronunciada por Henrique Monteagudo (Corcubión, 20 de xaneiro, 2010)

Déixenme comezar por expresar en primeiro lugar a miña satisfacción por vir a Corcubión a tratar un asunto de grande actualidade, e coido que de moito interese, e en segundo lugar, o meu agradecemento a Xulio Ríos e os organizadores deste acto, que fai a IX Conferencia Anual da Fundación Plácido Castro. O tema proposto, “Linguas e educación”, seguro que sería do agrado do gran políglota, galeguista e cosmopolita, que foi Plácido Ramón Castro. Imos tocar este tema focándoo cara ao debate de polémica actualidade, pero con profundas e duradeiras consecuencias de futuro, arredor da regulación do uso das linguas oficias nos niveis educativos non universitarios, e o asunto colateral da necesaria capacitación do alumnado nunha ou varias linguas estranxeiras.

As linguas non son só códigos aptos a funcionar como vehículos de comunicación, senón tamén construcións colectivas que expresan identidades culturais e instrumentos básicos nos procesos de aprendizaxe. É dicir, teñen unha dimensión educativa e social que demanda que a súa utilización escolar se realice desde unha planificación ben pensada e fundamentada, apoiada no maior consenso social. O actual contexto histórico reclama cidadáns e cidadás con competencia en varias linguas e ao tempo con capacidade para respectar e valorar a diversidade lingüística, sinaladamente a relacionada con linguas minoritarias. A responsabilidade do sistema educativo é, por tanto, dobre: garantir o dominio instrumental deses códigos e formar individuos que asenten o seu comportamento lingüístico sobre valores cívicos e de respecto á diversidade lingüística.

O obxectivo plurilingüe ao que debe aspirar o sistema educativo ten que modularse en función do papel social que a lexislación lle atribúe a cada lingua e da vinculación que mantén o alumnado con cada unha delas. Como máis adiante argumentaremos, non é razoable nin realista ningunha meta educativa plurilingüe, aplicable ao conxunto da poboación escolar, que non acepte niveis de competencia diferentes para as linguas ambientais e para as foráneas. O rango de oficialidade que lle recoñece a lexislación ao castelán e ao galego, co carácter engadido de ‘lingua propia’ para este último, compromete aos poderes públicos e á institución escolar na consecución dun dominio funcional pleno nos dous idiomas por parte de todos os cidadáns e cidadás. A desexable competencia do conxunto do alumnado noutras linguas debe marcarse uns obxectivos máis modestos.

Unha cousa é a definición dun proxecto lingüístico comunitario, que compete aos representantes políticos, e outra a do itinerario ou itinerarios para chegar a el, que debe realizarse con criterios expertos, isto é, fundados no coñecemento especializado e contrastado, obtido da análise de numerosas experiencias. Trasladar responsabilidades substantivas sobre estas cuestións ás familias e aos centros non significa apostar pola participación democrática, senón que representa unha inhibición por parte dos poderes públicos que pode xerar disfuncións organizativas e tensións innecesarias nas comunidades educativas e nos centros escolares.

As linguas apréndense a través do contacto con elas, tanto no contorno escolar coma no extraescolar, o que significa que unha lingua socialmente prevalente dispón de recursos engadidos para ser aprendida. Todos os estudos sociolingüísticos avalan que a lingua hexemónica en Galicia é o castelán (aínda que non sexa a maioritaria na poboación), tanto desde o punto de vista da valoración social como desde o da presenza no universo vital dos escolares. En consecuencia, o obxectivo de competencia bilingüe nas dúas linguas non se pode asentar sobre a filosofía do equilibrio lingüístico na escola, como a seguir mostraremos, senón que require un papel de reforzo para o galego. No marco desa problemática, máis adiante deterémonos a considerar cal é o lugar e o papel que pode xogar unha lingua estranxeira, como é o inglés.

1. Evolución da presenza do galego no sistema educativo. Normas e xurisprudencia

Comezaremos por un breve repaso da historia, moi recente, da introdución do galego no sistema educativo. O Real Decreto 1981/1979, promulgado polo goberno de España no período pre-autonómico, estableceu por primeira vez a obrigatoriedade do estudo da lingua galegas nos niveis educativos preuniversitarios, pero só na década seguinte se lexislou sobre a súa utilización como lingua vehicular do ensino. O Decreto 135/1983 da Xunta de Galicia concretou as previsións contidas no Real Decreto antes citado canto á obrigatoriedade do ensino da lingua galega (que aparece equiparado no currículo e nos horarios co castelán), para o nivel preescolar e o ciclo inicial dispuña de xeito inconcreto que o profesorado debía utilizar a lingua materna predominante entre o alumnado de cada aula, e autorizaba a utilización opcional do galego como lingua vehicular nos demais niveis preuniversitarios.

Un avance significativo da presenza do galego no ensino produciuse nos anos 1987-88 (Ordes 31-08-87 e 1-03-88 da Consellaría de Educación da Xunta de Galicia), pois foi daquela cando se regulou o uso do galego como lingua da administración educativa, e sobre todo se estipulou por primeira vez un mínimo de materias que deben aprenderse en galego: a área de Ciencias Sociais, para os ciclos medio e superior da Educación Xeral Básica, e dúas disciplinas sen determinar no Bacharelato, Formación Profesional e Curso de Orientación Universitaria.

Na mesma liña, a promulgación do Decreto 247/1995, da Consellaría de Educación da Xunta de Galicia supuxo un progreso considerable, por canto prescribía o uso do galego como lingua vehicular en aproximadamente un terzo das materias do currículo, como mínimo, nos ciclos educativos pre-universitarios. Finalmente, o Decreto 124/2007, na esteira do Plan xeral de normalización da lingua galega aprobado polo Parlamento de Galicia no ano 2004, estableceu que ao menos o 50% das materias no ensino pre-universitario deben ser ensinadas en galego, reservando ademais para esta lingua a totalidade das materias comúns.

En resumo, o modelo de bilingüismo escolar foi evoluíndo co paso do tempo, dentro duns marcos cambiantes pero considerablemente flexibles, construídos sobre as seguintes bases:

  • Primeiro ensino na lingua materna, pero con atención á outra lingua oficial
  • Prohibición de segregación do alumnado en aulas e centros distintos con criterios lingüísticos
  • Uso vehicular das dúas linguas oficiais no currículo
  • Incremento progresivo da utilización do galego, con fixación de mínimos da súa presenza no currículo
  • Planificación por obxectivos, máis ca por modelos
  • Flexibilidade e relativa autonomía dos centros na planificación lingüística, en atención aos diferentes contextos sociolingüísticos

En distintas ocasións, as normas que definían ese modelo, aprobadas polo goberno galego ou doutras comunidades autónomas (nomeadamente, Cataluña), foron recorridas ante os tribunais de xustiza ben en nome do dereito á educación dos alumnos castelanfalantes, ou ben dun presunto dereito á liberdade de elección de lingua da educación, elección que correspondería exercer aos pais dos estudantes. O Tribunal Constitucional rexeitou reiteradamente estes recursos, ratificando a plena constitucionalidade do uso vehicular das linguas cooficiais, incluso con carácter xeral (como é o caso de Cataluña).

A sentenza do Tribunal Constitucional 214/1989, de 21 de decembro xa establecía que tal uso (neste caso do catalán) non lesiona de ningún xeito o dereito á educación garantido polo artigo 27 da Constitución Española, “por la muy simple razón de que ese derecho no incluye, como contenido necesario, el de opción lingüística, como el recurrente pretende” (FX3). O uso das linguas cooficiais como vehiculares forma parte do contido prestacional e organizativo da educación, que é competencia dos poderes públicos e que ten como obxectivo conseguir “un aprendizaje eficaz de ambas lenguas” (STC 88/1983).

A sentenza máis importante do Tribunal Constitucional nesta materia (STC 337/1994) é concluínte no sentido de descartar que a lexislación española recoñeza un tal dereito de elección da lingua da educación, tal como establece no seu Fundamento Xurídico 9:

“también desde la perspectiva del art. 27 de la Constitución Española ha de llegarse a la conclusión de que ni del contenido del derecho constitucional a la educación reconocido en dicho precepto ni tampoco, en particular de sus apartados 2, 5 y 7, se desprende el derecho a recibir la enseñanza en sólo una de las dos lenguas cooficiales en la Comunidad Autónoma, a elección de los interesados.

El derecho de todos a la educación, no cabe olvidarlo, se ejerce en el marco de un sistema educativo en el que los poderes públicos (esto es, el Estado a través de la legislación básica y las Comunidades Autónomas en el marco de sus competencias en esta materia) determinan los currículos de los distintos niveles, etapas ciclos y grados de enseñanza, las enseñanzas mínimas y las concretas áreas o materias objeto de aprendizaje, organizando asimismo su desarrollo en los distintos centros docentes; por lo que la educación constituye, en términos generales, una actividad reglada.

De este modo, el derecho a la educación que la Constitución garantiza no conlleva que la actividad prestacional de los poderes públicos en esta materia pueda estar condicionada por la libre opción de los interesados de la lengua docente. Y por ello los poderes públicos (el Estado y la Comunidad Autónoma) están facultados para determinar el empleo de las dos lenguas que son cooficiales en una Comunidad Autónoma como lenguas de comunicación en la enseñanza, de conformidad con el reparto competencial en materia de educación” [salientados nosos].

Por tanto, o obxectivo do sistema educativo en materia lingüística non é buscar un equilibro de tempo de uso vehicular das dúas linguas cooficiais no currículo, senón conseguir a aprendizaxe das dúas linguas. Xa na sentenza do Tribunal Constitucional 88/1983, se establecía que “una regulación de los horarios mínimos que no permita una enseñanza eficaz de ambas lenguas incumpliría el artículo 3 de la Constitución”.
Segundo isto, a regulación lingüística no ámbito do ensino ten un contido finalista. A porcentaxe de uso dunha ou outra como lingua vehicular do ensino é un simple medio para conseguir o obxectivo legalmente establecido de que os estudantes adquiran plena competencia nas dúas linguas, tal como explicitamente sinala o Tribunal Constitucional na sentenza que citamos previamente, ditada a raíz dun recurso de inconstitucionalidade interposto contra un decreto da Generalitat de Catalunya que regulaba o uso do catalán no sistema educativo:

“a [la] finalidad de garantía del suficiente conocimiento y uso correcto de ambas lenguas han de dirigirse las actuaciones de los poderes públicos competentes en materia de educación […] ya que les corresponde determinar el aprendizaje de una y otra lengua en los currículos de la Enseñanza Básica y, en lo que aquí especialmente importa, su empleo como vehículo de comunicación entre profesores y estudiantes, de forma que quede garantizado su efectivo conocimiento” (STC 337/1994, FX10).

Xa que logo, a sentenza 337/1994 do Tribunal Constitucional fixa con total claridade a interpretación axustada a dereito e o marco dos dereitos e os deberes lingüísticos no terreo educativo, e foi utilizada reiteradamente polo propio tribunal e polo Tribunal Supremo para fundamentar posteriores resolucións sobre o tema. Precisamente, o Tribunal Supremo baseouse nos argumentos que fornece esta sentenza para desestimar un recurso de casación interposto pola Asociación Gallega por la Libertad del Idioma contra o decreto 247/1995 da Consellaría de Educación da Xunta de Galicia, que antes mencionamos, e, máis recentemente, cando recusou un recurso dun pai de Vigo en que reclamaba a posibilidade de cursar un ensino totalmente en castelán, en nome da liberdade de elección da lingua no sistema educativo.

2. As “Bases para a elaboración dun decreto do plurilingüismo no ensino”

Antes de entrar na análise das previsións concretas das “Bases”, cómpre realizar unha breve análise dos principios xerais en que se asentan, comezando pola noción de ‘equilibrio’ entre o galego e o castelán que vertebra a súa parte dispositiva. O noso ordenamento legal oriéntase á procura da igualdade entre as dúas linguas oficiais. Se o equilibrio se entende como sinónimo de ‘igualdade’ global entre as linguas, nada hai que opoñer: tal como é xeralmente entendido (e conforme establece o Tribunal Constitucional, STC 337/1994), o obxectivo das políticas lingüísticas públicas debe ser corrixir a desigualdade entre o galego e o castelán, e iso pode expresarse como conseguir o equilibrio entre os dous idiomas.

Pero ese ordenamento constata unha realidade evidente: partimos dunha situación de desigualdade entre os dous idiomas, pois un deles foi brutalmente maltratado, e o outro recibiu un trato de privilexio. Para conseguir a igualdade cómpre outorgar á lingua desfavorecida un tratamento diferenciado, que compense a desvantaxe. Un dos ámbitos en que o estado pode influír máis, e de xeito máis eficaz, é o sistema educativo. O galego require unha presenza reforzada na educación. Xa que logo, o equilibrio non se traduce nun reparto ao partes iguais entre os dous idiomas. Ese reparto pode resultar inequitativo e desequilibrador.

Non obstante, nas “Bases” a noción de equilibrio remite aos medios, non aos fins: así, confúndese a “presenza equitativa das dúas linguas” (que é unha noción cualitativa) co reparto a partes idénticas do horario educativo entre elas (que é unha noción cuantitativa). Pero ademais, se nos atemos ás previsións literais desas “Bases”, o uso do galego no horario lectivo pasaría dun mínimo do 50%, fixado no decreto 124/2007, e contemplado no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, a un máximo dun 33%. Nun contexto de desigualdade global das dúas linguas, unha norma que, tal como se presenta, tería como efecto inmediato reducir a presenza no sistema educativo da lingua que se atopa en posición máis feble, o galego, non pode considerarse nin equitativa nin equilibradora, máis ben ao contrario.

Se a Xunta quixese conseguir o equilibrio, non se empeñaría en recortar a presenza do galego nas escolas e institutos, senón que promovería a súa difusión noutros ámbitos da vida social, onde esta é moi deficitaria: as universidades, os medios de comunicación, as actividades comerciais… Xa é casualidade que o afán equilibrador do Partido Popular fose concentrarse en facer recuar o galego naqueles (escasos) ámbitos onde conta cunha presenza reforzada! Non podería dirixirse a aqueloutros (esmagadora maioría) que o castelán ten monopolizados? Sen dúbida, isto dotaría de maior credibilidade a cacarexada política do equilibrio.

Con relación a isto, tal como antes expuxemos, cómpre lembrar que tanto na lexislación coma na práctica dos sucesivos gobernos autónomos, as medidas de promoción da lingua galega nos distintos ámbitos aparecen vencelladas co obxectivo xeral da normalización lingüística, enunciado na Lei de normalización lingüística aprobada por unanimidade polo Parlamento de Galicia en 1983. Estas políticas de promoción responden a un mandato legal expresado de diversas maneiras en normas de distinto rango.

Así, por caso, a Constitución española pon o acento nas obrigas dos poderes públicos en relación ao ‘respecto e protección’ das linguas ou ao ‘fomento do ensino’ destas (CE, art. 3º, 3 e art. 148º, 17) e dunha maneira máis proactiva e concretamente referida ao galego, o Estatuto de autonomía de Galicia refírese á obriga de ‘promoción’ da lingua galega (art. 27º, 20). Xa que logo, os poderes públicos de Galicia están suxeitos a un ‘mandato de promoción’ da lingua galega, recollido de forma expresa, con distintas modulacións, na nosa normativa legal. O Estatuto de Autonomía de Galicia dispón:

Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento (art. 5º, 3; subliñado noso).

Por tanto, os obxectivos do sistema educativo en relación coa promoción do galego e o arranxo da nosa convivencia lingüística son basicamente dous: un, específico, refírese á competencia dos estudantes (que, segundo a Lei normalización lingüística, 14º, 1, debe ser equiparable nas dúas linguas ao remate dos ciclos en que o ensino do galego é obrigatorio); o outro, xenérico, á compensación da situación desequilibrada do galego e o castelán no conxunto da sociedade.

A idea de que o ensino ten un papel central na promoción do galego, con repercusións que van máis alá do ámbito da educación regrada, informou as políticas públicas das últimas décadas. Esta idea é congruente cos obxectivos máis xerais que as sociedades democráticas asignan ao sistema educativo, como son a creación dun marco común e integrador da cidadanía, que permita superar canto sexa posible as desigualdades de partida das e dos estudantes e das súas familias. Esta idea é incompatible coa concepción do ámbito escolar como unha pura continuación do ámbito familiar, onde precisamente radican as desigualdades (e en moitos casos, tamén os prexuízos) de partida dos e das estudantes.

Aquela noción aparece expresada con toda coherencia no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (en diante, PXNLG), cando sinala como un dos obxectivos específicos do ensino obrigatorio o de “lograr que lle garanta unha boa competencia en lingua galega a todo o alumnado e que repercuta de forma positiva no seu uso, axudando así a superar o desequilibrio social no que se atopan o galego e o castelán” (p. 103, salientado noso).
Na mesma liña van outros obxectivos globais sinalados no PXNLG para a área de educación, tales como “lograr que o ensino obrigatorio garanta unha competencia plena no idioma galego e repercuta de forma efectiva na súa adopción como lingua habitual polas novas xeracións” (p. 94) e, nun sentido complementario, que contribúa a “vencer prexuízos cara ao galego” (p. 95). Aludimos ao PXNLG porque o consideramos unha referencia básica para calquera deseño ou actuación que se formule dende as instancias do goberno para unha axeitada política lingüística, dada a unanimidade que este documento acadou no seu día nas forzas políticas representadas na Cámara lexislativa.
No propio preámbulo das “Bases”, recoñécese que o ensino constitúe “sen dúbida un sector fundamental para a implantación de hábitos lingüísticos en galego”, ao tempo que a oferta educativa debe axudar a “percibir a utilidade da lingua [galega]”: trátase de obxectivos que van alén da obtención de competencias lingüísticas.

Complementariamente, a nosa lexislación é clara ao enunciar o principio de progresividade na introdución do galego no ensino, xa formulado na Lei de normalización lingüística: “As autoridades educativas da Comunidade Autónoma arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego no ensino” (13º, 2; o salientado é noso). A ese principio de progresividade responden con total coherencia as sucesivas normativas que a Xunta de Galicia foi ditando nesta área, con independencia da orientación política dos distintos gobernos: desde o Decreto 135/83, do 8 de setembro, pasando pola Orde do 1 de marzo de 1988 e mailo Decreto 247/1995, ata o decreto 124/2007, agora en vigor. Nótese que estas normas se foron promulgando mentres ocupaban a Presidencia da Xunta os sucesivos políticos, de distinto signo, que se sucederon no cargo: desde Xerardo Fernández Albor, pasando por Fernando González Laxe e Manuel Fraga Iribarne, ata Emilio Pérez Touriño. Como é notorio, as presentes “Bases” veñen a contradicir por primeira vez de forma expresa este principio.

3. O modelo lingüístico para o ensino en Galicia

O relevante á hora de regular o uso das linguas no sistema educativo son os obxectivos deste, mentres que os distintos modelos de bilingüismo escolar son puramente instrumentais e están necesariamente subordinados a aqueles, e por iso mesmo deben ser decididos con criterios máis ben técnicos, de efectividade. Xa que logo, resulta fóra de lugar a descualificación que se deixa caer nas “Bases” verbo do modelo de inmersión, cando se afirma que o decreto 124/2007, ao non establecer un número ou porcentaxe mínima de materias impartidas en lingua castelá, “podería chegar a cambiar o modelo de conxunción de linguas desenvolvido en Galicia desde o principio da autonomía cara a un modelo de inmersión”. Esta frase é máis propia dun mítin político do Partido Popular ca dun documento gobernamental: por algunha razón, que ten máis que ver coas teimas do PP de Madrid ou de Cataluña ca coa situación de Galicia, este partido decidiu asociar a inmersión lingüística co demonizado nacionalismo e a fantaseada imposición do galego.

En realidade, a inmersión lingüística é un dos modelos posibles para garantir o mantemento de idiomas en situación de minorización. Trátase dunha estratexia didáctica legalmente avalada por distintas sentenzas (nomeadamente, do Tribunal Constitucional, como vimos), que os gobernos poden adoptar ou non, pero que ten mostrado unha acreditada eficacia, e está apoiado nas máis variadas experiencias desenvolvidas en distintos contextos. Nas situacións de bilingüismo social asimétrico, a inmersión na lingua minorizada ofrece os mellores resultados en termos de capacitación nas dúas linguas en contacto para os falantes tanto da unha coma da outra. É un procedemento educativo reequilibrador que contribúe ao bilingüismo pleno. Por iso, conta cun sólido apoio na comunidade especializada, como demostra a bibliografía máis solvente.

Seicasí, tamén é certo os estudosos advirten que non é factible implantar tal modelo se non se conta cun forte asenso social; un asenso que, recoñezámolo (porque é evidente), non temos en Galicia.  Parte da culpa desa falta de asenso social tena a cisma de certo nacionalismo pola reivindicación do monolingüismo. Sexamos claros: o modelo de inmersión o que garante é o bilingüismo pleno nas dúas linguas para os falantes de ambas. A retórica monolingüista ten un efecto contraproducente: retrae a moita xente perante o modelo de inmersión, un modelo que probablemente aceptaría se se lle presentase como o que realmente é: garante dun bilingüismo equitativo, que é xusto ao que aspira a maioría social.

Por tanto, teremos que saber conxugar dous factores contraditorios (un modelo ideal de inmersión, e una realidade social de non aceptación maioritaria dese modelo), e iso só pode conseguirse artellando un modelo flexible, cousa que o decreto vixente non ofrece. Así como así, o borrador que se presenta non ofrece ningunha mellora neste sentido, pois deseña de novo un modelo ríxido, coa asignación dun terzo do horario curricular a cada lingua. A decisión por votación dos pais sobre as materias que se deben dar en galego ou castelán, tal como prevén as ditas “Bases”, non significa flexibilidade. Significa caos.

En resumo, a educación constitúe unha área clave das políticas públicas de promoción do galego e da convivencia lingüística, non só como garante da difusión da competencia nos dous idiomas oficiais, senón como moldeador de actitudes positivas cara ás dúas linguas e cara ao plurilingüismo. A presenza reforzada da lingua propia de Galicia nesta área (discriminación positiva) non só non atenta contra o equilibrio entre as dúas linguas oficiais, senón que constitúe un elemento compensador do desequilibrio global entre elas. Isto xustifica o principio legal de progresividade en que se asentou o incremento da súa utilización, que estas “Bases”, en nome dun malentendido equilibrio, veñen a tronzar por primeira vez desde o comezo da nosa autonomía.

O modelo lingüístico que se foi deseñando para o sistema educativo de Galicia fúndase nos seguintes principios: a) a educación é un factor de integración lingüística e social, b) o sistema educativo ten un papel fundamental na capacitación lingüística dos/as estudantes, particularmente nas dúas linguas oficiais, c) o ensino debe contribuír a compensar a desigualdade de estatus social do galego e o castelán. En consecuencia, no terreo lingüístico os principais obxectivos dese modelo son a competencia equivalente nas dúas linguas (explícito) e a contribución á normalización social do galego (implícito).

As “Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia”, presentadas pola Xunta de Galicia atentan contra os principios, os obxectivos e as características básicas dese modelo, e concretamente nos seguintes aspectos fundamentais:

  1. Desleixo do papel social e lingüisticamente integrador do sistema educativo
  2. En consecuencia, abandono da función compensatoria e igualadora da desvantaxe social do galego con respecto ao castelán, substituída por un equilibrio entre as linguas puramente formal e con efectos minorizadores para o galego
  3. Reversión do principio de progresividade, substituído por unha decidida tendencia regresiva: de súpeto, o galego pasa dun mínimo do 50% do currículo a un máximo do 33%
  4. Fixación obsesiva nos modelos en lugar de atender ao realmente importante, que son os obxectivos do sistema educativo
  5. Atribución ás familias dun papel claramente intrusivo e distorsionador, non demandado por elas, no deseño dos currículos escolares, con grave desprezo da dignidade profesional do profesorado

Á luz do devandito, o decreto que se anuncia nas devanditas “Bases” suporá a culminación das medidas regresivas contra o galego que se viñeron tomando desde os mesmos comezos da presente lexislatura. O que se anuncia é unha norma que implicará un cambio radical do modelo de convivencia lingüística que foi fraguando no noso país nas últimas décadas, a partir da Lei de Normalización Lingüística de 1983. Unha viraxe que virá imposta de xeito unilateral, esbandallando un consenso laboriosamente forxado, que callou no Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado unanimemente (a iniciativa da Xunta do PP) polo Parlamento de Galicia en 2004.

4. A introdución dunha lingua estranxeira como vehicular

Parece obvio que todos os galegos deben ter un dominio satisfactorio dos dous idiomas oficiais; por esixencia legal, pero sobre todo porque é nestas linguas nas que teñen que desenvolverse na súa vida cotiá e tamén porque o seu coñecemento é un requisito imprescindible para poder optar no uso individual por unha ou pola outra; é dicir, a verdadeira garantía de liberdade lingüística. E ninguén discute tampouco que o mundo aberto e globalizado no que vivimos esixe un mellor e maior coñecemento de idiomas estranxeiros, cando menos dunha lingua franca que sirva de pasaporte internacional.

Segundo isto, está xustificado o uso do inglés como lingua vehicular nun terzo do horario escolar? Repárese: non nos preguntamos se, nas condicións actuais é viableesa pretensión, pois calquera que coñeza a realidade do noso sistema educativo sabe ben cal é a resposta. Preguntamos se, no caso hipotético de que fose realizable, iso sería sensato. A resposta é: non tal. Non existe na Europa coñecida ningún sistema educativo trilingüe de implantación xeral en que a lingua estranxeira sexa utilizada como vehicular nun terzo do horario desde o inicio da primaria ata o remate dos ciclos educativos obrigatorios. Un quiñón tan grande resulta desmesurado (ademais de custosísimo), e inxustificable en termos tanto de aprendizaxe das materias dadas en inglés canto de dominio da lingua estranxeira.

Nas recomendacións contidas nos informes europeos, establécese que a introdución dunha lingua estranxeira con carácter vehicular, especialmente na primaria, debe iniciarse con carácter voluntario e experimental, e ampliarse de xeito gradual. Outra cousa constitúe, ademais dunha intolerable imposición, unha fonte máis de atrancos para o aproveitamento educativo de amplos sectores do estudantado.

De feito, nos últimos anos produciuse un incremento notable da presenza curricular das linguas estranxeiras, a través de dous mecanismos: adiantando o seu ensino e utilizándoa de forma instrumental nalgunhas materias. Diversos informes da Unión Europea veñen recomendando o inicio en idades temperás da aprendizaxe dunha lingua estranxeira e o seu uso vehicular na educación regrada para asegurar unha mellora substancial da competencia nela dos e das estudantes1. Así, coa aprobación da Lei Orgánica de Educación no ano 2006, en España a lingua estranxeira pasou a ser materia obrigatoria desde 1º de E. Primaria, e, con carácter máis lúdico, está xa presente en moitos centros de Educación Infantil. E, en paralelo a este adianto como materia de estudo, foise incorporando de forma instrumental no desenvolvemento dalgunhas materias a través das “Seccións bilingües”.

Este obxectivo da competencia trilingüe aparece recollido explicitamente no Decreto 133/2007 que regula as ensinanzas da Educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia baixo a denominación de ‘competencia básica de comunicación lingüística’, entendida como o dominio oral e escrito das linguas galega e castelá en distintos contextos e como o uso funcional de, polo menos, unha lingua estranxeira.

Pola miña banda, comparto plenamente a convicción de que unha satisfactoria capacitación do alumnado galego nunha lingua estranxeira (por sinal, o inglés) constitúe un obxectivo da maior importancia do sistema educativo. A consecución do dito obxectivo esixirá un grande esforzo da Administración e da comunidade educativa (en particular, do profesorado) e obrigará ao goberno galego a elaborar un programa coidadosamente estudado e moi ambicioso, que dará continuidade aos que xa están en marcha desde hai anos, con resultados apreciables (as impropiamente denominadas “Seccións bilingües”, que en realidade son “Seccións trilingües”).

Así e todo, por razóns de peso (en gran parte obvias e que en todo caso parece escusado detallar neste lugar), na maioría dos países europeos o groso dos esforzos neste terreo vénse concentrando, ao menos nas fases iniciais da introdución da lingua estranxeira, no ensino universitario. Isto é o recomendable: nunha primeira fase, concentrar os esforzos a prol do plurilingüismo no ensino universitario –por certo, incluíndo nese plurilingüismo a promoción do uso do galego. Por que non se desenvolve un programa, axeitadamente dotado, para que as nosas universidades sexan trilingües de aquí a dez anos?

Con relación aos niveis non universitarios, na xeneralidade dos países da Unión Europea (incluíndo España), a introdución do inglés como lingua vehicular vénse producindo de xeito voluntario e gradual, e vai acompañada de xeito inescusable dun conxunto de medidas de reforzo, dirixidas tanto ao profesorado coma ao estudantado. A paulatina introdución da lingua estranxeira como vehicular esixe unha previa mellora substancial dos métodos, dos recursos e dos resultados no ensino/aprendizaxe do inglés como lingua-materia: nestas etapas educativas, parece lóxico concentrar os esforzos precisamente niso.
Non obstante, volvendo agora ás previsións das “Bases” canto ao uso vehicular do inglés (ou de ser o caso, doutra lingua estranxeira), nun terzo do horario educativo, caben obxeccións, tanto de principio doutrinal coma de orde práctica no que afecta á organización educativa.

  1. Non resulta adecuado, mesmo desde o punto de vista formal, tratar esta cuestión nunha norma que ten como obxecto a regulación da utilización no sistema educativo das dúas linguas oficiais de Galicia. Unha lingua estranxeira, por máis importante que sexa, ten un estatuto legal claramente distinto ás dúas linguas oficiais: o que atinxe as segundas sitúase no ámbito do esencial constitucional e estatutario, mentres que o que atinxe á primeira corresponde ao ámbito das políticas públicas. Todo o máis, o obxectivo de mellorar e estender a competencia en inglés (ou outra lingua estranxeira de proxección internacional, como o portugués) mediante a súa introdución como lingua vehicular pode ser enunciado na norma en foco, con remisión a unha norma específica distinta.
  2. A previsión de utilización dunha lingua estranxeira como lingua vehicular nun terzo do horario lectivo, con carácter xeral e uniformemente desde a educación primaria ata a fin do bacharelato, resulta desaconsellable desde o punto de vista pedagóxico e inviable na práctica, ao menos a curto e medio prazo.

Un ten a impresión que a intromisión no debate dun terceiro en discordia, o inglés, ten a única pretensión de desviar a atención sobre os problemas reais, e, aínda peor, de confrontar unha lingua estranxeira pero con grande prestixio, coa lingua propia do país aínda seriamente eivada na súa imaxe social. Tan evidente resulta que unha satisfactoria capacitación en inglés debe ser un obxectivo do sistema educativo, coma que o lugar para o debate sobre ese problema non o constitúe un decreto que debe regular o uso das dúas linguas oficiais de Galicia no sistema educativo.

5. Perspectivas para o futuro inmediato

Levamos máis de trinta meses de feroces tirapuxas e acabamos de pasar un ano de batalla campal arredor das linguas, pero a mobilización cívica en defensa do galego dos últimos meses devólvenos razóns para a confianza no futuro. A cidadanía galega acaba de gañar unha batalla decisiva, ao desbaratar unha estratexia que pretendía desandar os avances, modestos pero significativos, das últimas décadas. A experiencia dos meses pasados tamén está servindo para pór en valor conquistas alcanzadas no entretempo, como a Lei de Normalización Lingüística ou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. É certo que a principal institución da nosa autonomía, a Xunta, sufriu unha seria erosión de lexitimidade ao traizoar o idioma do país (unha das xustificacións máis obvias da súa propia existencia). Pero, con todo e iso, Galicia puido comprobar que a súa lingua propia conta con certa protección institucional, ao menos simbólica: velaí están a Real Academia Galega e o Consello da Cultura, cos seus respectivos ditames en defensa do galego.

Coa presentación do borrador de decreto sobre o ordenamento lingüístico do sistema educativo, situámonos ás portas do episodio decisivo dunha guerra que xa causou prexuízos incalculables ao país todo. Da complexidade da situación en que o Partido Popular se (e nos) meteu dan cumprido testemuño os varios meses de pelexas internas dentro do mesmo partido para chegar a un compromiso entre os seus diferentes sectores. E da precariedade de tal compromiso dá boa mostra o devandito borrador. Con estes vimbios, canto máis difícil non será concitar un pacto con outros axentes políticos e sociais?

Emporiso, tal pacto é imprescindible. O electorado non vai entender que un asunto de fondo do país, no que se xoga a estabilidade do sistema educativo e a cohesión da nosa sociedade, se manteña entalado en interminables liortas partidistas e oportunistas poxas electorais. O nivel de crispación a que chegamos arredor das linguas non é sustentable. Calquera cidadán e político medianamente responsable sabe que isto é así.

Que facer perante esta situación? O Consello da Cultura Galega aprobou en novembro pasado unha proposta institucional dirixida ao Parlamento de Galicia, coa que tentou ofrecer unha vía para saír do bloqueo actual. Esa vía pasaría pola constitución dunha comisión no Parlamento de Galicia que, oídas as opinións de representantes de diversos sectores sociais e co asesoramento dos expertos que considere oportunos, artellase un programa de desenvolvemento consensuado do Plan Xeral de Normalización Lingüística ao longo da presente lexislatura. Esta proposta obtivo un amplo eco social e unha recepción pública moi positiva. Os grupos parlamentarios do Partido Socialista e do Bloque Nacionalista Galego votaron ao seu favor, mentres que o grupo maioritario, do Partido Popular, votou en contra, de maneira que esa posible solución entrou en vía morta.

Así e todo, a Consellaría de Educación e o Presidente da Xunta teñen a estas alturas elementos abondos para tomar unha decisión acerca do novo decreto. Chegou o momento da gran decisión. A Xunta e o PP van optar por unha política lingüística consensual, que se cinxa a modular segundo un criterio pactado os ritmos de desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización Lingüística, pero sen cuestionar a súa filosofía de fondo nin os obxectivos que sinala? Nesa liña, aprobarán un decreto para o ensino que vaia avalado polos partidos da oposición e os sindicatos de ensinantes, ou ao menos que non suscite o rexeitamento frontal destes? Ou, pola contra, van impoñer pola mínima unha norma regresiva, fundada nunha filosofía lingüística disonante coa que inspira o noso ordenamento xurídico-legal, e mergullando de cheo o galego e o castelán na controversia política e na confrontación social? Van tentar resolver os problemas existentes, ou, ao contrario, van empeñarse en crear outros novos, e máis graves, no ensino público?

O Partido Popular debera admitir que o novo decreto non pode apartarse radicalmente dunha liña consolidada de promoción do idioma galego que vén dos tempos de Fraga, e por tanto esquecerse das rechamantes novidades que rachan con esa liña. Por puro realismo, imponse unha certa flexibilidade para todos, con vistas á consolidación dun modelo de bilingüismo escolar, que, dentro dun marco común para toda Galicia, coherente co noso ordenamento xurídico-legal, ofreza un horizonte de estabilidade temporal e sexa adaptable aos distintos contextos sociolingüísticos e socio-pedagóxicos. É de temer que ese acordo non vai chegar de xeito inmediato, pero, entrementres, a sociedade galega vai tendo consciencia cada vez máis clara desa necesidade, e un día, tarde ou cedo, imporanse a racionalidade e a defensa dos intereses xerais do país.


1 Orientacións claras da Unión Europea neste sentido aparecen xa nun importante documento da Comisión europea de 1995, aínda que en referencia ao ensino secundario: “It is no longer possible to reserve proficiency in foreign languages for an élite or for those who acquire it on account of their geographical mobility […] It is becoming necessary for everyone … to be able to acquire and keep up their ability to communicate in at least two Community languages in addition to their mother tongue […] It could even be argued that secondary school pupils should study certain subjects in the first foreign language learned …” (Citado de Fourth general objectives of the White Paper on education and training – Teaching and Learning: Towards the Learning Society. Comisión Europea [DG XXII & DG V], 1995. Este informe da Comisión Europea adoita considerarse a pedra angular para o posterior desenvolvemento de políticas públicas europeas en materia de ensino/aprendizaxe de linguas estranxeiras. Máis tarde aprobáronse documentos específicos, como Promover el aprendizaje de lenguas y la diversidad lingüística (2002, pode consultarse en http://ec.europa.eu/education/languages/archive/policy/consult_en.html), de onde naceron sucesivos plans de actuación (véxase http://ec.europa.eu/education/doc/official/keydoc/actlang/act_lang_en.pdf).

Outros documentos e informes máis directamente relevantes para a cuestión do uso vehicular de linguas estranxeiras, incluíndo contextos bilingües e atendendo tamén á educación primaria: Trilingual Primary Education in Europe (2001) e CLIL/EMIL: The European Dimension. Actions, Trends and Foresight Potencial (2002). Ofrécese un resumo panorámico e actualizado do asunto, con remisión a fontes de referencia, en Hugo Baetens Beardsmore, “Language Promotion by European Supra-national Institutions”, no volume Ofelia García, Bilingual Education in the 21st Century. A Global Perspective, 2009.