Quizais por iso mesmo, Plácido foi enviado pola súa familia a cursar estudios fora de Galicia e de España, ó Colexio Scarborough de Glasgow, perto de Edimburgo, cando aínda tiña unha idade moi nova (ó parecer só contaba con seis anos). Na Universidade de Glasgow, unha das mais celebres de Gran Bretaña, completou os seus estudios de filoloxía inglesa. Nesta cidade e ambiente permaneceu durante toda a súa nenez e xuventude ata adquirir unha sólida e ampla formación tanto no plano estrictamente académico, como político e humano. Ademais de realizar numerosas viaxes por aquelas illas, mantivo frecuentes contactos cos intelectuais da época, traducindo ó galego moitas das súas composicións poéticas, en especial as de raíz e sentimento céltico.
Por aquel tempo foi membro do Glasgow University Liberal Club, da Society of Foreign Journalist, da The Foreign Press Association in London, do Royal Court Theatre of London. Desa época de estudiante conservará, entre outras moitas lembranzas, o recordo de Gilbert Keith Chesterton, escritor inglés falecido en 1936, e quen pronunciou unha conferencia na Universidade de Glasgow. Plácido quedou gratamente impresionado polo carácter desprendido, distraído e profundamente humano, deste excelente novelista, ensaísta e historiador. Posteriormente, nunha das súas crónicas en español para a BBC, Plácido fai unha eloxiosa lembranza de Chesterton e daquela disertación na “que tivo a ocorrencia de reclamar ós escoceses a autonomía para Inglaterra”. Na súa descrición, da maneira de ser e de comportarse, sen se decatar, dende a perspectiva que nós temos hoxe del, semella que está a falar, en moitos aspectos, de si mesmo.
Precisamente unha apreciación do propio Chesterton presidirá a primeira edición da traducción de dous dramas populares irlandeses, da autoría de W.B. Yeats: “O home que se detén na súa propia horta co país das fadas abríndolle a porta, é o home das grandes ideas. A súa imaxinación crea distancias, o automóbil destrúeas estúpidamente”. Toda unha reivindicación da tradición fronte á modernidade.
Cautivabao o teatro. Era un gran afeccionado e esa devoción habería dar nos anos seguintes un froito estimulante. Nas súas crónicas periodísticas acostuma a comentar as obras que se estrean na capital británica. Do santiagués e senador vitalicio Manuel Linares Rivas, realizou unha traducción ó inglés da traxicomedia “Almas Brujas”, obra de teatro que se representaría en Londres. O teatro sempre estará presente na súa reivindicación permanente de Galicia, apostando pola inspiración no teatro irlandés, que apreciaba como máis afín ó noso sentir que o teatro de Madrid.
Tantos anos en contacto coa cultura e a sociedade inglesas permitironlle acadar un notable dominio e coñecemento desta lingoa. Entre as súas notas, aínda en época tardía, é frecuente atopar moitas garabelladas en inglés. Persoas próximas aseguran que en numerosas ocasións, a súa cabeza razoaba en inglés. Era a consecuencia natural da fonda interiorización daquel engado que sempre profesou polo idioma, a poesía e a literatura británicas.
Ó longo de toda a súa vida, este fumador impenitente conservará unha fonda impregnación das influencias do modus vivendi británico que durante estes anos experimenta con grande intensidade. Ás cinco tomará o té con leite, mandará vir de Vigo na “linea” de Cambados as revistas e a prensa inglesa que daquela se recibía… Unha admiración tal, que como sinalou Ramón Piñeiro, incluso a pesares da súa simpatía polo modelo republicano, levabao a exercer sempre como un fervente admirador da monarquía británica.
Errariamos sen embargo, se interpretasemos esta afirmación como unha manifestación mais do común complexo de inferioridade que acompaña a tantos galegos que viaxan polo mundo, ou dunha especie de papanatismo cego e irracional. Con frecuencia era crítico con Londres, equiparada a Madrid na análise dalgunhas problemáticas internas (Galicia é Irlanda). Aínda así, admiraba nos británicos a capacidade para conciliar nun mesmo espacio e de xeito armónico, un nacionalismo galés ou escocés con un patriotismo estrictamente británico, e destaca o papel desempeñado pola Coroa neste senso, sempre facendo gala dunha tolerancia exquisita, de respecto asombroso pola diferencia, unha tolerancia que por regra xeral é mutuamente compartida polas diferentes nacións. Nas súas crónicas para “El Pueblo Gallego” relativas á inauguración do Museo Nacional de Gales afirma: “… as palabras do Rei e a presencia do ministro do interior foron mostra do criterio inglés de que a lealdade do pobo galés asegurase exaltando o seu nacionalismo…”.
Precisamente semellante estado de cousas serviralle sempre para argumentar que os nacionalismos non son un perigo para o establecemento de marcos de unidade superior, senón a base esencial do seu futuro estable e da lealdade. Nacionalismo ven a ser sinónimo de progreso e non de radicalismo. Para Plácido, as conviccións nacionalistas sitúanse nos ambientes cultos e xuvenís, identificadas sempre co amor ó propio e non co odio ó alleo. Velaí outra das características do seu pensamento: preferencia polas formulacións positivas dos partidos e da política, rexeitamento dos prantexamentos de carácter negativo ou formulacións do tipo “anti”.
Consideraba a Gran Bretaña como a encarnación mesma da defensa dos valores e liberdades máis esenciais do mundo civilizado. Envexaba a forza da tradición parlamentaria inglesa. Estaba firmemente convencido de que o modelo democrático británico era moito máis defendible que o estadounidense. “¿Cal das dúas tendencias é a verdadeiramente democrática?”, pregúntabase. “¿A que ve a sociedade como unha escaleira na que os peldaños están sinalados con cantidades de dólares ou a que considera a tódalas súas clases igualmente dignas e preocupase da igualdade política e xurídica de tódolos seus membros?”. Igualmente expresa a súa preferencia polo modelo británico de relacións laborais en comparanza co americano, destacando o papel político das Trade Unións (sindicatos británicos), o seu compromiso democrático e o alonxamento das cuestións meramente económicas.
Preso das contradiccións da súa época, mantivo posicións de aberta comprensión coa política imperial británica en China que xustificaba en función desa identificación coa democracia e o antibolchevismo. Pero, por regra xeral, a comprensión respecto do colonialismo británico está máis próxima a unha visión paternalista que propiamente imperialista. Anos adiante, en plena guerra fría, cos movementos de liberación nacional en total efervescencia, ergue a súa voz na BBC para chamar a atención sobre o feito de que a expresión “colonial” é esaxerada para definir a relación de Londres cos demais suxeitos da Comunidade Británica. “Estes -afirma- deberían render tributo ós dedicados servicios prestados por varias xeneracións de administradores británicos, ós modelos ingleses que serviron para a constitución interna desas nacións, ou ás fontes inglesas nas que as súas loitas de liberación nacional beberon as augas inspiradoras da liberdade”.
Pero ¿como se traduce a Galicia, como aplica á nosa Terra, esa veneración por Gran Bretaña? “Un pobo é tanto mais eficiente e admirado canto menos se deixa influenciar polo resto do mundo”, asegura Plácido. A admiración por Inglaterra débese, en suma, a que “ten gardado como poucas nacións ó amor á tradición e ó pasado”. Para volver a ser, compre que Galicia recupere o seu pasado, a súa identidade fonda. E centra a súa atención en dous elementos que considera principais. En primeiro lugar, a saudade. En segundo lugar, o celtismo.
A saudade, ese sentimento inexplicable que, como dixera Castelao, ven das orixes e abrangue a Portugal e a Galicia nunha soia eternidade, é unha das súas querencias básicas. Na súa obra póstuma, Sempre en Galiza, Castelao, de quen Plácido dixo que “en ningunha outra persoa que coñecín notei tanta armonia constante entre a fondura íntima e a comunicación externa”, recorre á súa opinión para explicarse. Para Plácido, é mellor non intentar averiguar o que é a saudade, senón que debemos conformarnos só con sentila, e “caseque debemos alegrarnos de non comprendela porque as persoas e os pobos que se comprenden a si mesmos deben ter moi pouco que comprender”, remata.
Fálanos da saudade como “instinto da vida”, realizando unha apreciación claramente positiva, optimista, e certamente alonxada da caracterización común do tópico; un sentimento puro e intenso, inseparable da nosa alegría e da nosa tristeza; unha compoñente complexa do noso ser, indefinible, expresión do desexo do ideal, da constante aspiración dun ideal maior e polo tanto, explícita e inevitable condena de todo estancamento. Segundo Plácido, non é a saudade a causa dos nosos males, non é un sentimento negativo, senón pola contra, nela reside a nosa forza espiritual. Non nos debemos deixar dominar por ela, pero tampouco debemos desterrala do noso ser; debemos aproveitala como arma de futuro.
A saudade e a morriña son considerados como elementos vertebradores da identidade dos pobos celtas. Asi o asegura no seu libro, “El arte y la saudade en los pueblos célticos”, recopilación de tres artigos publicados en outubro de 1927 en El Pueblo Gallego. Asi se recolle tamén nalgunha das súas colaboracións para “Céltiga”, revista quincenal fundada en Buenos Aires en 1924 e na que defende a concepción da saudade como un fío de unión da razón céltica. En definitiva, a aproximación á saudade realizada por Plácido supón un amplo percorrido polo celtismo, “polo moderno lirismo poético de Escocia e de Irlanda para comparalo co noso”, en palabras do propio Castelao.
No celtismo, tanto en clave de orixe como de solidariedade e relacionamento, situará Plácido unha das referencias básicas da súa arquitectura conceptual. Na súa opinión, o celtismo, polo seu valor, é equiparable á cultura grega e aposta decididamente pola súa recuperación, igual que outras antigas culturas, para enriquecer e clarificar a confusión actual. Como anos adiante chegará a dicir, o carácter do nacionalismo galego esixe que “si nos liberamos do xugo latino non ha de ser para caer na dominación de Grecia ou de Alemania, senón para crear un sistema cultural propio, autóctono”.
O valor das súas reflexións é refrendada co recurso á opinión de figuras eminentes da época, coma o galés e primeiro ministro británico entre 1916 e 1922, Mr. Lloyd George (1863-1945), xefe do Partido Liberal, quen dirixíndose ós escoceses, enfatizaba: “En Gales loitamos valentemente pola cultura céltica… A cultura galesa é unha cousa viva… Loitamos pola fala do celta, as tradicións do celta e a misión e a mensaxe do celta para a humanidade”. Dende os seus comezos políticos (na colaboración publicada en A Nosa Terra o 25 de Xullo de 1928) está presente a idea dun achegamento ás terras célticas do Norte como parte indispensable dunha política exterior intelectual do galeguismo.
Con emoción e afecto lembra o encontro mantido co profesor Eoin McNeill, ex-ministro de Instrucción Pública de Irlanda e ex-presidente da Cámara, organizador do corpo de Voluntarios Irlandeses e gran historiador, que nada mais velo, acolleuno coas seguintes palabras: “¡Canto me alegro de recibir a unha persoa que ven de Galicia. É vostede da terra dos nosos antepasados!. Compre sinalar sen embargo que, a medida que Plácido se integre na vida política de Galicia, esa devoción e esforzo pola recuperación do celtismo que conservará sempre como referencia esencial da súa concepción galeguista, cederá en intensidade ata difuminarse mediada a década seguinte.
Desde a capital británica exerceu como colaborador de diarios e revistas, do “Informaciones” de Madrid e, en especial, de El Pueblo Gallego, de Vigo. Neste, o 6 de febreiro de 1927, anunciabase en primeira páxina o seu desembarco como “firma” do xornal. O periodismo será dende entón e ata os últimos días, unha das súas grandes actividades. Excelente articulista, nas súas informacións ata adica un tempo a desface-los tópicos máis comúns sobre os ingleses, polos que non oculta unha notable simpatía e admiración, quizais inseparable da certeza de que conservan grandes influencias celtas. “Non son fríos, nin flemáticos, nin tampouco fieles observadores da lei”, asegura. Nas súas crónicas desvela un profundo coñecemento da maneira de ser, de pensar e de actuar dos británicos.
Nas súas crónicas aborda o tratamento das mais amplas temáticas, con predilección para a política, nacional e internacional, e as artes, con inclusión tamén dalgunhas reportaxes. En “Nuestras crónicas desde Londres”, escribe sobre a vida na capital británica, sobre os cambios experimentados pola sociedade londinense, a vida política inglesa, sempre con un estilo áxil, directo e ameno, sinxelo, amosando as súas dotes de cualificado observador. As incursións reflexivas a propósito de temas mundanos abórdanse no mais clásico estilo da época (poñamos por caso cando trata a importancia do deporte como fenómeno de masas ilusionante). Tampouco desaproveita ocasión para clarificar desde dentro, malentendidos divulgados por algunha prensa española, con mensaxes que ilustran a diferencia de tratamento nun e noutro país de problemas semellantes (caso da relixión por exemplo).
As súas simpatías políticas apuntan ós liberais. Considera que os laboristas non están suficientemente acoplados ó carácter inglés, dimensionando, cando xurde a ocasión, unha visión crítica da concepción da loita de clases auspiciada polo laborismo. Por riba de todo, Plácido defínese a si mesmo como liberal demócrata, admirador do parlamentarismo. En termos da concreta política inglesa, a súa posición caracterizabase por ser sempre constructiva, nin conservadora, nin tampouco a priori anti-laborista, apoiando aqueles posicionamentos que considera razoables, como por exemplo, as críticas ó proxecto de restrinxi-lo exercicio do dereito de folga. Por iso, a súa ubicación no liberalismo non será obstáculo para expresar, co paso do tempo, crecentes simpatías polo laborismo.
Debemos facer notar por outra banda que a mensaxe de defensa da democracia como mellor forma de goberno, moi presente nas súas crónicas, implica naqueles anos (dictadura de Primo de Rivera entre 1923 e 1930) un claro compromiso e posicionamento, moral e político. Non actúa pois como un simple corresponsal. Sempre procurará utilizar as novas da actividade nacionalista en Gales, Escocia ou Irlanda, para ilustrar a diversidade de comportamentos e a ausencia dunha abafante homologación británica. Nesas crónicas, ben sexa referidas a conflictos (idioma), cultura (arte), ou realidades nacionais (Irlanda sobre todo) é doado observar, entre lineas, aplicacións prácticas para a realidade galega ou española.
As crónicas das eleccións británicas de 1929 son vivas, intensas, completas, demostrando un perfecto coñecemento da realidade política inglesa, e aportando reflexións de motu propio sobre aspectos innovadores tan interesantes daquela como a modernización dos sistemas de publicidade electoral, a innovación tecnolóxica ou a humanización da política, que lle daban, sen dubida, un acento marcadamente vangardista.
Crítico con Rusia (“dictadura comunista”), celebra a ruptura de relacións diplomáticas por parte de Inglaterra. Endexamais amosou simpatía algunha polo “socialismo” soviético, pois estaba firmemente convencido de que se a consecución da xustiza social esixía o sacrificio das liberdades públicas, acabará por instaurarse un sistema inxusto e sobre todo, indigno e inhumano.
Pacifista, urxe a necesidade de que os electores de cada país fiscalicen a política exterior con igual rigor que a interior, e reivindica a esixencia de responsabilidades ós políticos que desencadean os conflictos armados. Profundamente escéptico sobre os resultados das conferencias internacionais (“a diplomacia é unha cousa tan delicada que non resiste a presencia da verdade”, escribiu nunha ocasión), considera que a paz só será posible na medida en que os cidadáns de cada país sintan firmemente esa necesidade. Os suxeitos da paz son os individuos e non os Estados. As súas propostas encerran pois un amplo cambio de mentalidade que aínda hoxe debe ser formulado en termos de futuro.
Na súa primeira colaboración en El Pueblo Gallego, aparecida o 8 de febreiro de 1927, na primeira páxina, alude á razón de ser do nacionalismo galego. Plácido considera que, a diferencia do nacionalismo catalán, o nacionalismo galego non debería basearse en imperativos de orde política ou económica, senón no que el chama “incompatibilidade de carácter”, é dicir razóns sentimentais e étnicas. Debe ser un nacionalismo “renacente”, que debe beber na fonte da diferencia, no antigo, no tradicional, no noso. Está firmemente convencido de que no galeguismo pesa máis o sentimento que outros elementos de carácter económico. Así pois, sen negar o valor e a autenticidade dos agravios materiais que padece Galicia, estima que a forza da nosa Terra xurde de impulsos sentimentais.
É por iso tamén que Plácido chega á conclusión de que o movemento galeguista ten menos futuro nas cidades porque nelas o peso das tradicións non é tan forte. Polemiza con Eloy Luis André sobre o papel das cidades nos movementos nacionalistas. “O futuro de Galicia -afirma- ha de ser francamente agrícola. Sen opoñerse á industrialización, considera que a formación de cidades e a idea de modernización que conleva, pode se-lo primeiro paso para eliminar os sentimentos tradicionais dun pobo, sentimentos que compre preservar. Por iso, porá sempre tanto empeño na definición das nosas raíces, na solidificación do que nos diferencia, para acoutar un espacio especificamente galego, noso. Nesta linea apostará polo emprego obrigatorio do noso idioma aínda que a maior parte das súas colaboracións neste período están escritas en castelán.
A desconfianza dunha industrialización que desfai a alma dos pobos, lévao a expresa-la súa preferencia pola modernización das estructuras tradicionais, da agricultura, do cooperativismo, de reivindicación dunha maior eficacia para o sistema económico, demandando un maior compromiso e implicación do Estado. Ten unha visión pesimista das consecuencias da civilización moderna e industrial sobre as tradicións e os costumes, mais ricos e diversos, e agora moi ameazados por unha uniformidade asoballadora. En definitiva, o bo decae, a socialización en curso afoga as individualidades.
“A civilización ven da vila, da civitas, deprendese e fabricase. A cultura fíxose no agro, ven de cultivar, herdase”, dicía Portela Valladares no prólogo do libro de Plácido Castro referido á arte e a saudade nos pobos célticos. Con todo, seria errado pensar que ese amor ás tradicións significa tamén negación ou aversión ó progreso. Plácido está sempre aberto e receptivo ós avances da ciencia. Confesase decididamente agnóstico e reservado coas relixións que “cos seus dogmas non son capaces de acompañar o que a ciencia nos revela”. Compre ter presente esta observación.
Os seus vencellos con outras terras lonxanas non o levaron nunca a ignorar ou despreciar o seu. Con independencia do tema a abordar, centrado ou non no mundo británico, procuraba sempre, directa ou subrepticiamente, tirar leccións para o fortalecemento do galeguismo teórico e práctico. E, á inversa, tivo sempre unha preocupación constante por dar a coñecer fóra a nosa identidade. O noso deber como galegos e como europeos, dicía, é conservala e dala a coñecer ó mundo. Debemos partir de nós mesmos. Non debemos consentir a deixadez respecto ás nosas cousas. “Compre sermos críticos con esa tendencia que nos leva a aceptar e asimilar o alleo, en moitos casos ben inferior, en detrimento do noso”. Por iso conservaría un interese extraordinario por todo o relacionado co saber das terras galegas (Hipólito de Sá)