Intervención de Xulián Maure Rivas na entrega do Premio

Intervención de Xulián Maure Rivas na entrega do Premio

Corcubión, 24 de xaneiro de 2004.
Como representante da Fundación Plácido Castro teño que manifesta-la miña satisfacción por poder celebrar en Corcubión este acto de entrega do Premio de Traducción do que é titular un fillo ilustre deste concello. Con este acto queremos celebrar a memoria dun galego universal que sempre traballou por agrandar as posibilidades culturais e políticas da súa terra, do seu pais, da súa nación: Galicia.

Un dos camiños no que Plácido Castro foi pioneiro, o camiño da traducción, segue hoxe aberto para que a nosa cultura participe da riqueza literaria da humanidade. Gracias a persoas como Emma Lázare, Xavier Rodríguez Baixeras ou Sandra Sanmiguel Sousa, a nosa lingua pode participar dos mellores textos que conmoveron os corazóns e ilustraron as mentes máis alá das nosas fronteiras. Eles forman parte dun conxunto, cada día máis nutrido, de persoas que senten como propio o patrimonio colectivo deste país e traballan para que o que chamamos Galicia teña cada día mellor presencia no mundo e para que os galegos todos poidamos gozar de tódolos progresos desde a nosa propia casa.

Permitídeme que aproveite esta feliz celebración para propoñer un paso máis na normalización da nosa lingua impresa. Antes de descubrirse a escritura tódalas sociedades tiñan poetas, cantores y contacontos que transmitían oralmente o seu patrimonio cultural e relixioso de xeración en xeración. Foi o invento da escritura quen permitiu unhas sociedades máis complexas na súa organización e sobre todo quen facilitou o desenvolvemento técnico e científico da humanidade. E se nos fixamos un pouco na producción editorial galega, hai un predominio de poesía, contos e narrativa breve e unha ausencia case total de libros científicos e técnicos. O que se transmite en Galicia por vía editorial case que se podería transmitir oralmente se tivésemos a memoria dos vellos rapsodos ou dos que recitaban nas feiras romances e cancións de cego. Pero a noso sociedade necesita ter na propia lingua algo máis que contos para nenos e vellos. Necesitamos ter unha lingua preparada para discursos técnicos e científicos. Necesitamos que a economía e o dereito, a física e as ciencias do medio ambiente, e mesmo as ciencias máis formais como a química ou as matemáticas xunto coas técnicas informáticas poidan ser divulgadas na lingua dos nosos fillos que recibiron de nós e dos seus avós. Toda unha sociedade non pode estar mentalmente diminuída cunha lingua que non acolle as obras de carácter científico.

É hora xa de que teñamos libros de ciencia en galego e sabemos que esta necesidade non vai ser atendida polos que actúan dirixidos pola lei do mercado. Unha vez máis denunciamos que a cultura, o cultivo serio dos seres humanos, se queda regulada pola lei da oferta e da demanda, desaparece, e unha sociedade sen cultura produce monstros obsesionados polo consumo ou abatidos pola miseria.

Esperamos que os responsables da formación académica en Galicia estudien con preocupación esta situación anormal da difusión das obras de divulgación científica na nosa sociedade. Os rectores das tres universidades galegas e o Director Xeral correspondente, coas axudas que estimen oportunas, serían os axentes máis cualificados para ofrecer nos próximos catro anos unha colección de libros que recollese as cen mellores obras de divulgación científica das miles que na actualidade enchen as bibliotecas de Occidente.

A Fundación Plácido Castro e a Asociación de Traductores Galegos quixeramos ver premiada en próximas edicións algunha obra mestra da divulgación científica e faremos o que estea nas nosas mans para que, así como xa dispoñemos dun importante número de traductores literarios, teñamos pronto en Galicia traductores especializados nas distintas áreas científicas. Así as novas xeracións a carón da riqueza do pensamento máxico e fantástico da literatura universal poderán ter en lingua propia o rigor e a exactitude do pensamento científico.