Cambados acolle este venres 22 de marzo a partires das oito da tarde, a inauguración da nova sede da Fundación Plácido Castro que se traslada da rúa do Príncipe 10 ao inmoble sito no número 4 da rúa Nova, segunda planta.
A sede acolle unha Exposición Permanente que inclúe unha exposición fotobiográfica de once paneis e seis vitrinas nas que se fai un repaso das orixes familiares, as súas principais vocacións (xornalismo, tradución, compromiso político e docencia), e das relacións con Cambados.
A mostra conta con moitas pezas inéditas, incluída a súa máquina de escribir, fotografías, libros e numerosos documentos que dan conta dunha prolífica traxectoria.
Ademais dun expositor con todas as publicacións promovidas pola Fundación dende a súa constitución hai case dúas décadas, progresivamente incorporará a súa biblioteca persoal e numerosos materiais que serán debidamente clasificados para quedar a disposición dos investigadores.
Unha escultura en terracota de José Molares, quen recentemente recibiu en Madrid o Premio Reina Sofía de Pintura e Escultura na súa 54ª edición, preside a sala. Trátase dunha réplica do busto de Plácido Castro que foi instalado na rúa Reconquista, 10, en Vigo.
A Fundación prepara para as próximas semanas un plan de dinamización de actividades para impulsar e visibilizar a figura de Plácido Castro, aproveitando as novas instalacións, cedidas pola concellaría de Cultura do Concello de Cambados baixo a responsabilidade de Víctor Caamaño.
No acto do dia 22 haberá unha secuencia musical e poética e tamén intervencións de representantes da Fundación e do Concello; ademais contarase coa presenza do académico Xosé Luís Franco Grande, quen sempre demostrou a súa simpatía por esta peculiar figura.
A adega Terras de Asorei, que desde este ano patrocina o Premios Plácido Castro de Tradución, ofrecerá un viño albariño ás persoas que asistan. A entrada é libre.