Lembranza de Chesterton

Lembranza de Chesterton

“Recuerdo de Chesterton”. BBC, Spanish Programme.

Cando a escritora inglesa Matile Ward tivo rematado e publicado o seu extenso estudio biográfico dunha eminente figura literaria do noso tempo, atopouse con tal cantidade de material sobrante, e tal achega de novos datos nas cartas dos seus lectores, que puido aínda encher outro amplo volume cunha selección de anécdotas, lembranzas e impresións.

Non ten que causar sorpresa a ninguén o saber que a figura literaria de referencia era a de Chesterton. Como dixo moi certeiramente Sir John Squire un dos máis autorizados críticos literarios ingleses, “cando a actual escaseza de papel e as dificultades de encadernación rematen, pode que a autora, cunha conciencia tranquila, converta o seu tomo en dous, tres ou ata catro, coa seguridade de que endexamais se poderá subministrar ó apetito dunha posteridade civilizada un exceso de información acerca de que a personalidade máis notable e máis perdurablemente interesante que existiu é a de Johnson…”.

En realidade a lembranza do grande polígrafo de antano, o doutor Samuel Johnson, preséntasenos ineludiblemente cando pensamos en Chesterton. Dous homes fisicamente voluminosos, desleixados no vestir, sobordantes de decididas opinións repartidas xenerosamente, sen escatimar a dádiva, en frases enxeñosas, expresivas, e ás veces demoledoras.

Identificamos ambos intimamente co Londres que amaban e sobre todo cos arredores da rúa literaria e periodística de Fleet Street, e as súas tradicionais hostalerías. Ambos desaparecidos fisicamente da grande cidade, pero que nos parecen perdurablemente presentes…

Quixeramos dispoñer de espacio para citar, lembranza tras lembranza, as suxestións contidas neste novo libro da Sra. Ward “Regreso a Chesterton”, pois nas súas páxinas aparécesenos o grande escritor xusto como sempre o imaxinamos. Porque dada a súa forma de ser e de producirse, quizais verta tanta luz sobre a figura de Chesterton este conxunto de impresións e lembranzas, unido ás numerosas referencias que atoparemos nos escritos dos seus contemporáneos máis distinguidos, como poida facelo o relato biográfico da súa vida ou a estimación crítica da súa obra…

Nada hai nestas páxinas que se asemelle ó “mestre” distante, elevándose e sendo elevado sobre un pedestal, senón o retrato do home intensamente humano e cordial, amante da vida e das persoas e á súa vez devotamente querido como ser humano. Rodeado de nenos e xente nova, compartindo e inventando os seus xogos e agasallándolles sen cálculo a riqueza divertida dos seus versos e debuxos, pero sabendo ó mesmo tempo consideralos, catalos como persoas moi serias e importantes. Lembrado, como dixemos, con admiración e afecto polos eminentes contemporáneos con quen sostivo longo, cordial e incesante debate, público e privado, ou se reuniu en expansiva convivencia no domicilio ou na pousada. Pero se eles nos falan do seu xenio, das alfaias verbais que deixaba caer, ou do seu seguro porvir como “lenda perdurable na literatura inglesa”, non é menos certo que igualmente o lembra o conductor de taxi, esquecido tantas veces polo grande escritor, ó que non lle importaban as longas horas de espera porque o seu cliente era “un bo señor tan simpático”. E a serventa que tiña como tarefa máis constante e pesada a de secar a inundación que se producía no cuarto de baño cando o voluminoso corpo facía sobordar a auga da bañeira, e que aínda non pode pensar sen un sorriso no día en que logo de escoitar un novo e alarmante mergullo oíu exclamar ó seu amo, “Contra, pero se xa estivera nesta bañeira hai un anaco…”.

Esta ilimitada capacidade para a distracción, producto da absorción nos pensamentos propios, aliábase indisolublemente ó grande escritor como no neno do cal tantas características conservaba a súa calidade de extraversión, a súa constante entrega ós demais, e esta alianza é se cadra o que da un selo máis distintivo á súa personalidade.

E así o podemos observar escribindo as notas para un artigo no puño da camisa mentres ascende lentamente a escaleira, ou iniciando unha conferencia coa confesión de que deixou as súas notas esquecidas no taxi, e emprendendo logo, sen pausa, unha das súas abraiantes improvisacións…

Entre diversas lembranzas persoais de Chesterton, a súa ampla silueta, cuberta polo grande chapeo e a ampla capa, a agudeza da súa controversia no debate, a simpatía da súa figura, a sorpresa e orixinalidade das súas opinións moitas veces escoitadas en discusións e conferencias, eu conservo, sobre todo, a memoria dunha disertación nunha universidade de Escocia, na cal Chesterton tivo a ocorrencia de reclamar ós escoceses a autonomía para Inglaterra. Os ingleses dicía, aproban moitas leis absurdas e molestas no seu parlamento, pero son indolentes e distraídos de máis para poñelas en práctica en toda a súa integridade.

Para iso viñan a Inglaterra gobernantes escoceses, nunha proporción inxustificada, serios e metódicos, que lle impuñan implacablemente ós ingleses as súas propias leis, e da tiranía da cal era indispensable liberar á parte sur da illa. Aquí hai, entre o humorístico e o serio, moito máis do esencial de Chesterton, a súa orixinalidade, o seu fondo de razón, envoltos na elegancia dunha chacota ou no brillo dun certeiro paradoxo…

Porque non debemos de esquecer que por tras do humorismo, había sempre un fondo moi serio, unha idea de vital importancia, unha extraordinaria sagacidade. Estas emocionantes e vivas lembranzas de Chesterton como persoa non deben endexamais ocultarnos que tamén está presente entre nós a súa lembranza como pensador e orientador.

Atravesa na actualidade ese difícil período que sucede á morte do escritor, no cal a fama do home de letras sofre unha especie de pausa antes de que se poida establecer dun xeito claro a estima en que vai telo a posteridade. Nembargantes iso non impide, estou certo, que a idea de Chesterton e do que representa, se atope presente na conciencia de moitos dos seus compatriotas e de non poucas persoas doutros climas. Pode dicirse, en certo modo, que estes anos representaron o fracaso de Chesterton, o eclipse do que el defendía. A transformación da sociedade e do mundo operouse nunha dirección oposta á que el soñou e á que el querería.

En vez da distribución da riqueza común que propugnaba para que cada individuo, cada familia, cada grupo, vise enriquecida a súa vida e fortalecida a súa personalidade, foise cara a unha preponderancia cada vez meirande do Estado, o crecente poder que tanta desconfianza lle inspiraba. O sistema fabril do inxente industrialismo, cara ó cal sentía tanta aversión, estende cada vez máis os seus tentáculos e a súa tendencia cara a unha dominación, por próspera e cómoda que pareza, da vida da maioría dos homes. A esencia, á que temía, contén hoxe en día tanto de ameaza como de esperanza para a humanidade. O loitador foi, se cadra en certo xeito, vencido polo abafante peso das realidades. Pero non é menos verdade que, ó seu xeito conseguiu unha victoria. A lembranza das súas ideas e das súas advertencias atópanse indubidable e ineludiblemente presentes, como unha especie de inquietude, posiblemente ata un remorso, na conciencia dunha humanidade que se sente intranquila respecto dos seus propios destinos.

Un remorso, unha inquietude, e quen sabe se tamén unha raiola de esperanza na bondade humana e divina, que é o inseparable atributo dos profetas, e da cal Chesterton, seguramente, é o máis amado e inspirador exemplo que puidemos coñecer no noso tempo.

P. R. Castro.