Acta da reunión do xurado do Premio de Tradución Plácido Castro 2009

Acta da reunión do xurado do Premio de Tradución Plácido Castro 2009

Cambados, 9 de outubro de 2010

Reúnese no Pazo de Torrado da vila de Cambados o 9 de outubro de 2010 o xurado do Premio de Tradución Plácido Castro na súa novena convocatoria, correspondente ó ano 2009.

O xurado está composto polos seguintes membros: Sr. D. Xosé Castro Ratón (Fundación Plácido Castro), Sr. D. Carlos Arias Iglesias (Xunta de Galicia), Sr. D. Xosé María Gómez Clemente (Asociación de Tradutores Galegos), Sra. Dna. Ana Luna Alonso (Departamento de Tradución da Universidade de Vigo) e Sr. D. Alberto Álvarez Lugrís (Secretario da Asociación de Tradutores Galegos), que actúa en calidade de Secretario do xurado, con voz pero sen voto.

O obxectivo deste premio é destaca-la calidade das traducións dos clásicos da literatura universal que a Biblioteca Virtual bivir publica periodicamente na súa páxina webhttp://www.bivir.com nunha iniciativa que pretende a un tempo colaborar no proceso de normalización da lingua do país e contribuír a enriquece-lo universo literario galego mediante a versión dos autores consagrados que escribiron noutras linguas.

Sendo que as bases da convocatoria do premio indican que no fallo do xurado se terán en conta a calidade da tradución galega, a relevancia para o noso sistema cultural da obra traducida, as dificultades intrínsecas da lingua de partida e a súa distancia cultural e a envergadura do proxecto de tradución, o xurado, tras as súas deliberacións, acorda:

  1. Expresa-la súa satisfacción pola grande calidade das traducións concorrentes, que mellora ano tras ano.
  2. Outorgarlle o premio Plácido Castro 2010 ex aequo a D. Emilio Valadé del Río pola tradución d’A evolución humana de Antonio Bracinha Vieira e a Natalia Cora,Rebeca Lemat e Susana Collazo pola tradución de Lord Jim de Joseph Conrad.Lord Jim é un clásico da literatura universal que se nos presenta nunha coidadísima tradución. O xurado quere salientar tamén na tradución d’A evolución humana o feito de que se traduza unha obra científica e con este recoñecemento faise fincapé na necesidade da planificación da tradución sistemática dun corpus científico universal.

E para que así conste, asínase a presente en Cambados, a 9 de outubro de 2010.

Xosé Castro Ratón

Ana Luna Alonso

Xosé Mª Gómez Clemente

Carlos Arias Iglesias (non compareceu)

Alberto Alvarez Lugrís