Xosé Antón Parada Fernández foi recoñecido na XXIª edición do Premio Plácido Castro de Tradución pola obra Código de Hammurabi e outras compilacións legais de procedencia babilónica. Conversamos con el sobre os labirintos da súa tradución.
1.- Que te levou a traducir esta obra?
A historia desta tradución comezou aló polos anos 1973 do século pasado. Daquela eu estudaba filosofía e teoloxía no Seminario Conciliar de Compostela. Comezara os meus estudos de hebreo clásico como correspondía á elección de estudiar Hermenéutica e Sagradas Escrituras. Por motivos económicos traballaba de axudante do bibliotecario, que daquela desempeñaba esta función o catedrático de Historia Antiga, D. Casimiro Torres. Había uns poucos anos que foran trasladados a esta biblioteca os libros do Filósofo e Filólogo Compostelán, D. Angel Amor Ruibal. Foi entón cando me encargaron a catalogación da súa biblioteca que era enorme e moi variada. Pois ben, inmerso nesta tarefa, comecei a descubrir a importancia das relacións científicas que este señor tiña coa elite intelectual europea de finais do século XIX e comezos do XX. Alí había obras dos máis insignes filólogos europeos: J. Menant, Deimel, Gordon Lyon, Harper, P. Jensen e, sobre todo, V. Scheil, o primeiro tradutor e editor do Código de Ḫammurabi, xa que este acompañara a J. De Morgan nas escavacións de Susa, capital do reino elamita, que foi onde se atopou o Código. Entón, tamén dentro desta inmensa cantidade de obras de carácter lingüístico, foi onde me asaltou a idea de estudar a lingua acadia, xa que caeran nas miñas mans dous textos en caracteres cuneiformes: o Enuma eliš, e O código de Ḫammurabi, alén de varias gramáticas da lingua acadia tamén en caracteres cuneiformes. A partir de aquí comecei a aprender a ler en cuneiforme e estudar a lingua acadia. A miña intención era clara: traducir ao galego esas dúas obras: O código e o Enuma eliš, ou Poema Babilonio da Creación.
2.- Que dificultades tiveches?
Nese período, as dificultades foron moitas, sobre todo tendo en conta que por aquela época no Estado español os estudos sobre lingüística semítica eran moi escasos e limitados a Barcelona e Madrid. Era case imposible acceder a bibliografía actualizada, tiña que ir polas bibliotecas solicitando fotocopias e préstamos de libros, ou acudir a amizades que vivían ou traballaban en Londres para pedirlles que me conseguisen microfilmes de obras importantes sobre o Código e sobre o Poema do Enuma eliš. Mais isto mudou coa chegada da Internet, e de aquí en adiante todo foi máis doado, sobre todo cando entrei en contacto co Profesor Miquel Civil, da Universidade de Chicago, este home foi o que me proporcionou durante moito tempo a bibliografía precisa para avanzar nos estudos e na tradución do Código. Este profesor estaba considerado como o mellor sumeriólogo do mundo. El encetara os estudos de acadio na abadía de Montserrat onde contaba cunha boa presada de taboíñas cuneiformes que os monxes se encargaran de traer de Iraq. Logo pasou a estudar xa a Universidade Libre de Bruxelas. E de alí foi reclamado a Iraq polo Departamento de Linguas Orientais da Universidade de Chicago, onde despois xa se quedou ata o seu pasamento.
3.- É bastante excepcional non só a lingua, tamén a temática, vas continuar coa tradución de obras semellantes ou pensas cambiar de rexistro?
En principio vou seguir traducindo do Sumerio e do Acadio. Cando Raúl Gómez Pato me chamou para colaborar na colección Vetera, de obras clásicas e anteriores ao século XIX, preguntoume de que lingua, Latín ou Grego, quería traducir, dada a miña profesión de filólogo clásico e profesor de Latín e Grego, eu respondinlle que para traducir do latín e grego tiña moitas/os e moi boas/os tradutores. Daquela propúxenlle traducir do acadio e do sumerio. Foi cando lle falei da tradución que tiña do Código de Hammurabi, el aledouse tanto coma min e dixo: “Xa está, a ti vou poñerte como tradutor do asirio”. Díxenlle, do acadio, que o asirio é un dialecto do acadio, coma o babilonio, lingua na que está o Código de Hammurbi.
Pois neste sentido vou, dentro de pouco, publicar “A Lexislación Sumeria” da que só falta organizar o aparato crítico e elaborar unha introdución. E a seguinte obra que está xa a medio traducir, xa non é lexislativa, senón que pertence á literatura épica. Trátase do famoso “Poema do Ghilgameš”, obra que está considerada como o primeiro poema épico da Historia, obra que ten que estar tamén na nosa lingua.
4.- Como valoras a situación actual da tradución en Galicia?
Hoxe en día, a tradución en Galiza aínda ten moito camiño que recorrer, sobre todo a nivel de obras clásicas e tamén modernas. Iso que recibiu un pulo moi grande coa apertura das facultades de Tradución e interpretación das Universidades. Máis o grande atoro que aínda temos é a falta de compromiso da Xunta de Galicia con estes proxectos. Estamos condicionados pola falta de subvencións e cando as hai son ridículas. Mais grazas a esforzos coma estes de particulares e de Fundacións como a “Plácido Castro”, que apostan por pular as traducións no noso idioma, algo vai mudando.