Baiona, 12 de xuño de 2014
Reúnese na sede da Secretaría da Fundación Plácido Castro en Baiona, o 12 de xuño de 2014, o xurado do Premio de Tradución Plácido Castro na súa décimoterceira convocatoria, correspondente ó ano 2014.
O xurado está composto polos seguintes membros: Sra. Dna. Camiño Noia (Asociación de Tradutores Galegos); Sr. D. Antón Santamarina (Real Academia Galega); Sr. D. Xosé María Gómez Clemente (Departamento de Tradución da Universidade de Vigo, quen compareceu por escrito); Sr. D. Moisés Barcia (Editorial Rinoceronte, quen compareceu por escrito); Sr. D. Carlos Arias Iglesias (Xunta de Galicia, quen compareceu por escrito); e Sr. D. Roberto Mansilla Blanco (en representación do IGADI), quen actúa en calidade de Secretario do xurado, con voz pero sen voto.
O obxectivo deste premio é destaca-la calidade das traducións dos clásicos da literatura universal que a Biblioteca Virtual bivir publica periodicamente na súa páxina webhttp://www.bivir.com, nunha iniciativa que pretende a un tempo colaborar no proceso de normalización da lingua do país e contribuír a enriquece-lo universo literario galego mediante a versión dos autores consagrados que escribiron noutras linguas.
Sendo que as bases da convocatoria do premio indican que no fallo do xurado se terán en conta a calidade da tradución galega, a relevancia para o noso sistema cultural da obra traducida, as dificultades intrínsecas da lingua de partida e a súa distancia cultural e a envergadura do proxecto de tradución, o xurado, tras as súas deliberacións, por maioría, acorda:
ÚNICO.- Deixar deserto o premio nesta XIIIª edición por non cumpriren as obras presentadas as bases establecidas.
Considérase igualmente a escaseza de obras presentadas, sendo sete (7) en total, incluíndo un (1) poema e un (1) texto de contos, así como a súa brevidade de contidos.
E para que así conste, asínase a presente en Baiona, a 12 de xuño de 2014.
Camiño Noia
Antón Santamarina
Moisés Barcia
Carlos Arias Iglesias
Xosé María Gómez Clemente
Roberto Mansilla Blanco