Plácido Castro e Faro de Vigo

Plácido Castro e Faro de Vigo

David Reinero (Faro de Vigo, edición de Arousa, 25/01/2002)

Plácido Castro comezou a escribir no Faro de Vigo en 1960, nunha etapa na que as circunstancias obrigaranlle a abandonar os enunciados políticos máis explícitos. Pero Castro non se resignaba a permanecer en silencio nese exilio interior; sinxelamente optou por un cambio de estratexia.

Nos escritos anteriores á Guerra Civil, Castro defendía abertamente a autonomía política para Galicia empregando para iso numerosas comparacións entre a realidade galega e a situación política, económica e social dos outros territorios “célticos” (Irlanda, Gales, Escocia…). Ó mesmo tempo, os comentarios e críticas sobre as expresións literarias desas rexións servían de apoio exemplificador das implicacións culturais que comportaban determinados presupostos políticos.

Na súa etapa no Faro as funcións de ambolos os dous tipos de artigos van mudar. Plácido Castro publicará na sección “Arte y Letras” unha cantidade considerable de artigos literarios centrados na súa maior parte en escritores irlandeses ou ingleses. Pero agora a literatura non será un exemplo máis da especificidade cultural de territorios que pretenden, como Galicia, defender e cultivar a súa identidade. Ademais diso, os artigos literarios que publica nesta etapa serán, na súa propia forma, un medio de reivindicación da identidade galega. Neles non se conforma Castro con reseñar as calidades artísticas das obras. Dá un paso máis e aposta por traducir ó galego os poemas escritos orixinalmente en inglés. Estas traduccións, na maioría dos casos as primeiras que se fan deses textos, constitúen toda unha reivindicación da lingua galega nun tempo de monolingüísmo obrigado na prensa.

Polo que respecta ós artigos de crítica social, cargados dun fondo e explícito contido político antes da Guerra Civil, verán agora cómo se altera o seu enfoque. Castro empregará unha estratexia de retórica periodística habitual nestes casos: cando non se pode criticar o sistema político, denúncianse as súas consecuencias na estructura social. Por suposto, esta denuncia implica unha descrición da realidade social que servirá como punto de partida para a busca da identidade de Galicia. Pero para Castro a defensa da identidade non é algo reaccionario nin unha manifestación do conservadorismo galego. É máis ben unha forma de universalismo; do universalismo que soamente se pode construír a partires da afirmación e comprensión das diversas identidades locais que compoñen a sociedade nacional e internacional.

O turismo, os “coches de liña”, a saudade ou as romarías populares son algúns dos temas que emprega Castro para denunciar o esquecemento ó que estaba sometida Galicia e o esquecemento a que sometían os propios galegos as súas tradicións. Será ás celebracións populares ás que dedique o seu derradeiro artigo en prensa, o domingo 21 de maio de 1967. Nas páxinas do Faro de Vigo e a propósito das Festas de Santa Rita en Vilagarcía amosaba Castro o seu temor ante a progresiva desaparición e distorsión das romarías. Dous meses antes da súa morte, Plácido Castro continuaba reafirmando o seu desexo de convivencia entre o galego e o universal: antes, dende os seus artigos políticos e conferencias; agora, dende as súas columnas de crítica social e as súas particulares descricións das costumes populares. En calquera dos dous casos, a súa convicción está clara. A identidade galega debe ser recuperada e confrontada coa cultura universal. Soamente así podería sobrevivir.

Chesterton, ó que Castro tanto admiraba e a quen tamén reseñou nos seus artigos literarios, escribiu nunha das súas obras “como nunca estaban de acordo, non podían discutir”. Así, cunha ambigüidade tan galega en boca dun escritor tan británico, poderíase resumir a relación de Castro coa Galicia chea de contradiccións que lle tocou vivir e que expresou nesta etapa de comentarista no Faro a través duns artigos con máis fondura da que aparentan.

Plácido Castro recoñecíase a si mesmo como un escritor minoritario. Probablemente, nesta a súa etapa, era máis identificado polo seu apoio e implicación en actos como a Romaría Viquinga de Catoira ou a festa do Albariño que pola súa implicación política no Partido Galeguista antes da Guerra. No Faro de Vigo do 25 de novembro de 1961, por exemplo, ironiza acerca do número de lectores dos seus artigos e da súa autoría ou contribucións novidosas nos mesmos: “Perdóneme el lector –y porqué no ser optimista y decir “los lectores”- estas divagaciones sin trascendencia, y que por lo tanto son también inofensivas, en atención a que le he dado a conocer un bonito cuento. Lo cual es para mí una satisfacción relativa, ya que es la única parte de este artículo que no es mía”.

O recoñecemento –relativo- non lle chegaría, como a tantos outros (sic), ata o seu pasamento. Cando Faro de Vigo deu conta do seu falecemento e numerosas voces salientaron a importancia da súa figura, a súa talla humana e intelectual, anunciouse unha homenaxe que nunca chegou. É aínda unha débeda a saldar. Nunca é tarde e ben podería Faro de Vigo, agora, liderar ese recoñecemento dos medios a unha figura tan singular como Plácido R. Castro del Río.

David Reinero é licenciado en Xornalismo e colaborador do IGADI