Saudade de Plácido Castro

Saudade de Plácido Castro

Por Xulio Ríos (El Progreso, 25/01/2012)

Plácido Castro (1902-1967) foi un galeguista singular. Perdedor en tantos sentidos, é unha figura, dun atractivo especial porque del dimana un pensamento orixinal que ten o seu fundamento nunha bagaxe formativa inusual na súa época. Educado no Reino Unido, Plácido Castro foi quen de superar esa estúpida e incomprensible confrontación entre as linguas e dende o perfecto dominio do inglés (licenciouse en Glasgow nos anos vinte do século pasado) soubo amar a lingua que consideraba propia, o galego, el que procedía dunha das familias máis adiñeiradas da Galicia da época.

Liberaldemócrata formado no mesmo elitista colexio de Scarborough por onde tamén pasaban os pupilos da familia real británica, Plácido abrazou o galeguismo porque nel depositaba as súas esperanzas de superación dos males endémicos de Galicia, dunha Galicia autoidentificada consigo mesma, con autoestima, capaz de ser, non para erguer valados fronte a ninguén senón como forma de estar e de enriquecer a humanidade, de achegar ao mundo. Esa matriz, antes e despois daquela guerra que puxo fin a todas as súas ilusións, mantivo a súa coherencia ata o final, exhibida tanto na súa traxectoria persoal como profesional, dende a política, a tradución ou o xornalismo, militancias todas elas que exerceu cunha riqueza de matices sobre os que paga a pena volver.

Nese proceso de identificación dos vectores que habían conformar o noso orgullo e a nosa identidade, concedeu unha especial atención á saudade, que analizou como expresión dun espírito ateigado de vantaxes, lonxe da súa tradicional caracterización negativa, asociada aos obstáculos que impiden a nosa modernización. A saudade é instinto da vida, dicía. Alma sensible e culta, vía na saudade unha conexión non só coa poesía ou as artes en xeral, senón tamén co éxito na vida práctica, un sentimento inspirador do noso progreso ao que non deberiamos renunciar de maneira ningunha. Como a dúbida que levamos no ADN, para el expresión dun positivo liberalismo.

Plácido tiña saudade dunha Galicia redimida. Os seus escritos son testemuño dunha xeración irrepetible que a nosa sociedade contemporánea, tan informada ela en tantos ámbitos, descoñece amplamente e dos que só ten remotas referencias a través de limitados estudos, a miúdo obxecto de interpretacións e omisións mais que discutibles, ou produto de meras leccións adquiridas no ensino medio en manuais nos que Plácido figura oculto entre os “etcétera”. Temos pola contra a posibilidade de acceder á lectura dos textos orixinais, que vivamente recomendo. Permitirá seguro que o sentido de país e a xenerosidade abeiren dunha vez por todas as estreitas visións que acompañan a nosa evolución presente e que con demasiada frecuencia nos levan a exercer de torpes inimigos do noso propio ser.

Xulio Ríosdirector do Igadi