1962/04/03 > Consideracións sobre o turismo (I)

1962/04/03 > Consideracións sobre o turismo (I)

“Consideraciones sobre el turismo (I)”. Faro de Vigo, 03/04/1962.

O tema do turismo, aínda nos anos nos que non se ofreceron “saborosos” premios, vén de ser un dos que predominan na columnas da nosa Prensa en canto o verán se vai aproximando. Polo xeral, con maior satisfacción para os autores dos artigos, e tal vez para os seus lectores, que con notables consecuencias prácticas. É de supoñer que este ano a “riada” de artigos turísticos sexa moito maior. Esperemos que con máis tanxibles resultados. A campaña turística provincial recentemente iniciada con tanto ímpeto, permite esperar que así suceda. A isto contribuirá notablemente a forma na que o Excmo. Sr. Gobernador civil da provincia enfocou o problema, ó engadir á exaltación de belezas naturais e valores estéticos e culturais unha certeira visión das realidades prácticas, incluso nos seus detalles prosaicos, ós cales se prestou na nosa terra escasa atención.

O turismo, en maior grao que calquera outra actividade industrial, esixe un labor conxunto de tódolos habitantes dun país que pretenda atraer ó visitante nacional ou estranxeiro. Dese feito resultan, á vez, as especiais características dos problemas que a industria turística presenta e as grandes vantaxes e atractivos que ofrece. As autoridades en xeral, os industriais e comerciantes que ofrecen os seus servicios, os seus empregados, e os habitantes da rexión -todos teñen moito ou algo que aportar como contribución á tarefa común. Todos, teñan un interese directo ou non en tales actividades, haberán de comportarse como intelixentes comerciantes que procuran compracer ós seus clientes no posible. Porque as vantaxes non serán unicamente para os que se beneficien directamente, senón que o país enteiro participará de unha ou outra forma, non só no incremento da riqueza xeral, senón no que puideramos chamar o adencentamento e habitabilidade da nosa propia terra.

Eu entendo que aquelas persoas que pola súa experiencia persoal, baseada na longa residencia en países estranxeiros, no seu contacto dentro e fóra do noso país cos que o visitaron, e nos seus coñecementos da forma de ser e as preferencias doutros pobos, poden e deben aportar as súas ideas a este labor común. Entre tales persoas quixera contarme, e por iso aventúrome a escribir estas liñas. Un pouco á marxe de calquera “concurso”, xa que nas miñas consideracións predominarán os aspectos prosaicos, e ata as críticas, máis ben que as exaltacións de beleza, para o cal non haberán de faltar plumas máis aptas que a miña.

Vou, pois, a suxerir, utilizando unha desas verbas que agora están de moda, algunhas das “prioridades” sobre as que me parece especialmente conveniente insistir no ben do noso porvir turístico, deixando un pouco a un lado aqueles aspectos paisaxísticos, culturais e monumentais dos que xa temos plena conciencia, aínda que non lograramos defendelos, valoralos e destacalos como merecen.

Exporei estas prioridades, incluso polo que creo que é a orde da súa importancia, aínda que é seguro que non todo o mundo estará de acordo co meu criterio.

1º- Limpeza e hixiene nos establecementos frecuentados polos turistas e no persoal que os atende.

Pode estrañar que se asigne o primeiro lugar a semellante aspecto, pero estimo que está plenamente xustificado. As deficiencias neste sentido dan orixe ó maior número de queixas que se oen de beizos dos nosos visitantes. Os chamados “servicios” non acostuman a ser satisfactorios, nin no seu “ambiente” nin na provisión de facilidades. Faltan con frecuencia toallas -que deben estar secas, claro está- xabón, e incluso ás veces auga. Non sempre hai pulcritude no lavado de pratos, vasos ou cubertos nin se cambian invariablemente os manteis manchados. Nin os servidores, en diversos aspectos que sería ata molesto sinalar, preséntanse como é debido. Todo isto non significa que deixe de haber moitos establecementos que non merecen semellantes censuras, pero todos temos conciencia de que é moi necesario elevar o nivel xeral. Non todo o turismo é de luxo. Pero todo turista merece un mínimo de consideración.

2º- Amabilidade e atención nas relacións persoais:

As consideracións sobre este punto gardan evidente relación co anteriormente exposto. É satisfactorio comprobar, polo que un escoita, que a impresión xeral dos nosos visitantes en canto ó trato que reciben é boa, pero existe indubidablemente unha falla de preparación en moitos dos empregados en industrias relacionadas co turismo, debida a miúdo a que a procedencia de bastantes desas persoas non lles fai especialmente aptas para tales cometidos. Incluso os “indíxenas”, ó fin e ó cabo, temos as veces motivos para queixarnos. Sería moi beneficiosa neste terreo algunha modalidade de formación profesional, asunto do que se dirá algo ó final destes artigos. Incluso nun país máis acostumado a exportar que a importar turistas, como o é Norteamérica, acábase de iniciar, co maior interese, unha “Campaña de Cortesía” a cargo do “U. S. Travel Service” -segundo se di-, “para vender América ós visitantes estranxeiros”.

P. R. Castro.