1928/03/13 > O porvir industrial da Gran Bretaña

1928/03/13 > O porvir industrial da Gran Bretaña


El Pueblo Gallego, Desde Londres, martes 13 de marzo de 1928.


Os comentarios que se publicaron na prensa conservadora e na laborista en torno á Memoria publicada polos liberais baixo o título de ‘O Porvir Industrial da Gran Bretaña’ merecen un detido estudio polo moito que nos revelan sobre as ideas dos distintos partidos políticos ingleses. Algúns diarios conservadores ingleses califícana de socialista. Varios xornais laboristas a consideran francamente capitalista nas súas tendencias. Estas opinións son claras, e se comprenden tendo en conta os puntos de vista radicalmente opostos dos que as sosteñen. Pero o realmente curioso é o feito de que os elementos máis sensatos da prensa conservadora, lonxe de acusa-los liberais de tendencias socialistas, estiman que a Memoria afástase moi pouco da ideoloxía conservadora. O ‘Times’ titulaba o seu comentario ‘Terreo común’, e non lle concedeu ó programa liberal outra importancia que a de ser un documento útil, unha documentación de ideas correntes sobre a economía nacional, ideas que podía soster calquera conservador. O ‘Glasgow Herald’, diario do mesmo partido, chegou a dicir que en vista do novo programa liberal era evidente que debían uni-las súas forzas os partidos conservador e liberal, posto que ningunha diferencia fundamental os separaba. Pero Ramsay Macdonald, entre outros xefes laboristas, acusa ós liberais de ter roubado as ideas do partido laborista, o cal significa que, na súa opinión, a Memoria ten máis afinidade co laborismo que co capitalismo. O programa liberal, dixo Macdonald, é un fillo raquítico do laborismo. Mr. Snowden aconsella ós socialistas que estudien e utilicen as proposicións liberais. Mr. Garvin, un dos máis eminentes periodistas conservadores, dálle igual consello ós seus correlixionarios…

Non cabe dubidar da impresión que lle causou a súa lectura a Mr. Garvin. Despois de afirmar que a Memoria é ‘un conxunto coherente de doutrina’ e que as súas ideas darán froito e se estenderán, advirte ós conservadores que nas proximas eleccións irán obrigados a loitar con toda a súa forza, ‘talvez ata pola mesma existencia’. Non ve outro medio de salvación que o de dar unha forma nova e valente ó programa conservador, para o cal recomenda o estudio das proposicións liberais. É ben evidente ó le-lo artigo de Mr. Garvin, que a Memoria liberal lle proporcionou alarma e que lle concede unha enorme significación política.

Se os elementos máis moderados do partido laborista afirman que o programa liberal ten grandes afinidades co seu, que os liberais roubaron o programa laborista, e se ó mesmo tempo declaran os conservadores menos reaccionarios que se aparta moi pouco das ideas do conservadurismo moderno, é lóxico deducir destes comentarios contradictorios que o intento laboral deformular un programa francamente nacional tivo o éxito máis completo. Porque a ninguén se lle oculta que un programa que ó ‘Times’ lle parece conservador e que a Macdonald lle parece laborista non pode ser en realidade nin conservador nin laborista, senón en suma un programa que procura concilia-las tendencias individualistas coas colectivistas. E cando se celebren as eleccións xerais é moi posible que moitos cidadáns que hoxe votan a favor dos outros dous partidos atopen atractivo este programa medio, de conciliación. Ese perigo é sen dúbida o que tanto alarmou a Mr. Garvin, e lle fixo advertir ós seus correlixionarios que non basta esperar confiados a que as cousas se arranxen elas soas. Por de pronto Mr. Churchill xa considerou convinte declarar que o goberno estudiaba atentamente a cuestión da reforma tributaria. Os laboristas parece que tamén se dispoñen a publicar unha Memoria sobre os problemas industriais. Aínda que non fora máis que por ter este efecto de estimular nos demais partidos o estudio e a aclaración das súas ideas sobre a economía nacional, xa estaría plenamente xustificado o labor dos liberais.

Pero non sería acertado deducir destes comentarios que os programas económicos dos distintos partidos ingleses son case idénticos. Os conservadores seguen sendo capitalistas, os laboristas seguen sendo socialistas. Pero uns e outros cando se ven obrigados a buscar unha solución práctica dos problemas económicos, non poden resolvelos nun sentido puramente capitalista ou netamente socialista. E así acontece que a solución de cada partido está imposta polas mesmas condicións do problema, se ten que ser eficaz obedecerá a un criterio medio. Os socialistas predican coa nacionalización, pero é case seguro que non a levarían a cabo. Os conservadores prefiren a inacción, pero non sempre poden mantela. O programa liberal procura apartarse dos prexuízos de outros partidos e proporcionar un punto de concentración a toda a masa de opinión moderada, que concede máis importancia ás realidades que ás teorías económicas, a opinión que está cansa de ver que os prexuízos de clase impiden a solución sensata dos problemas industriais.

O partido liberal ó apoiar as solucións que se preconizan na súa Memoria, apartouse desde logo das súas teorías tradicionais. Recoñece que non é aceptable o antigo réxime de completa liberdade económica. Moitos críticos alegan en consecuencia que o partido liberal xa non é liberal. Mais este é un modo moi mesquiño de ve-la política. O partido liberal non merece máis que eloxios por non ter vacilado en modifica-las súas teorías para axustalas ás circunstancias do noso tempo, e niso amosou maior flexibilidade que os seus adversarios. O esencial é que a súa solución difira das demais.e desde logo o seu programa afástase do socialista en canto insiste en que o actual réxime da propiedade privada debe subsistir. E aínda cando os elementos máis intelixentes do partido conservador sosteñan que as recomendacións da Memoria liberal non difiren das súas en liñas xerais, a ninguén se lle oculta que o partido conservador non é un instrumento adecuado para levalas á practica. Está sempre dominado polos grandes industriais e terratenentes, e os seus elementos moderados non puideron conseguir sequera a aprobación dunha medida tan pouco audaz como a ratificación do convenio de Washington sobre a xornada de traballo. Moito menos poderían facer efectiva a política que se expón no programa liberal, coa súa insistencia sobre necesidade repartir con máis equidade a riqueza nacional, de establecer un réxime de xustiza social, e de restrinxi-los excesos do capitalismo. Procuran, en resumo, os liberais, facer tolerable o réxime capitalista, pero non o consideran como un fin ó cal deben subordinarse os intereses da nación. E todas estas aspiracións son ben distintas das que sinten os elementos que dominan o partido conservador. O partido conservador limítase a facer concesións cando son inevitables. O partido socialista pretende que todo se resolverá aceptando unha solución co ánimo libre dos prexuízos de clase dos seus adversarios. E por iso, aínda cando o seu programa perda algo da súa intensidade como programa de partido, pódese afirmar que sexan ou non os liberais os que leven á práctica as recomendacións contenidas na Memoria liberal, é moi probable que a política inglesa siga as orientacións que nela se sinalan.

P. R. Castro.