El Pueblo Gallego, mércores 10 de xuño de 1927.
Se examinámo-la actual situación internacional chegaremos forzosamente á conclusión, por desagradable que sexa, de que a gran guerra non tivo a influencia sobre a mentalidade das grandes nacións que era de esperar de tan tráxico acontecemento. Os políticos seguen os mesmos procedementos de antes, divírtense coma nos outros tempos cos seus perigosos xogos diplomáticos, sen pensar que poidan rematar outra vez nunha enorme traxedia.
Nove anos despois dun conflito terrible, anos durante os que estes políticos fixeron constantes profesións de paz en termos conmovedores e idealistas, o ambiente no que se moven eles e os círculos xornalísticos que os rodean é espiritualmente idéntico ó de 1914. A mesma desconfianza, a mesma táctica, ata as mesmas enfermidades diplomáticas. Vivimos agora como vivíamos entón nun constante perigo de guerra. A nosa sorte está en mans duns cantos estatistas que non parecen ter aprendido nada durante estos tráxicos anos. Se somos extremadamente benévolos con eles poderemos ó sumo concederlles que obran con inconsciencia, reflexión pouco tranquilizadora. O único efecto da creación da Sociedade de Nacións foi que a partida se desenvolveu agora en Xenebra, pero a forma de trata-los problemas mundiais non cambiou sensiblemente.
Sempre pretenden os políticos que un pequeno incidente nunha fronteira balcánica, ou un asasinato nun remoto curruncho de Europa, produza fatalmente unha serie de acontecementos que arrastren o mundo enteiro a unha coxuntura desastrosa. Cando apareza a próxima guerra os estatistas disculparanse probablemente de igual forma.
Se fose esa a verdade non sería máis ca unha proba da incompetencia dos directores da política internacional. Se non son capaces de solucionar un pequeno conflito sen permitir que a guerra se propague a medio mundo é evidente que non sirven para ocupa-los postos que ocupan. Despois de todo é ben pouca cousa a vida dun arquiduque para que se sacrifiquen as vidas de millóns de homes. Entre xentes de boa vontade solucionaríase o conflito enterrando o morto e xulgando o seu asasino. Pero non é ese o obxecto da diplomacia. A verdade é que os balcáns cargan con moitas das culpas que non lle corresponden. Estas enormes guerras nunca serán causadas por un pequeno incidente nun país lonxano. Son fruto do ambiente de sospeitas, de inimizade e de intrigas en que viven as grandes potencias que poderían en calquera momento soluciona-la máis grave crise se puxeran niso un pouco de boa vontade e de decisión.
É realmente curioso observar que ningún dos homes que rexían os destinos de Europa en 1914 recibiron castigo ou sanción algunha. Só o kaiser sofre un desterro, considerablemente dulcificado por cuantiosos millóns de marcos de ouro. A meirande parte dos estatistas daquela época nin sequera tiveron que soporta-lo descrédito político. É como se fosen vítimas da fatalidade, completamente irresponsables da traxedia que ensombreceu a existencia dunha xeración enteira. Hoxe coma antes non está o perigo en Albania, nin na agresividade rusa, nin nas ambicións de Mussolini, que aspira a oculta-la luz do sol coas ás dos aeroplanos italianos.
¡Pensar que se poden dicir estas cousas en 1927! Aínda sendo Italia unha nación importante, non é tanta a súa grandeza que poida desafia-la opinión dunha Europa decidida a impedi-la guerra. Pero as grandes potencias seguen utilizando a Italia, a Albania, tódolos incidentes da vida internacional, como pezas do seu gran xogo.
Que o espírito que actúa nas diversas nacións e nos pequenos sectores de cada país que interveñen nos asuntos internacionais é o mesmo de sempre, demóstrano os acontecementos dos últimos anos. Basta examinar algúns dos feitos máis recentes. Cando Mr. Doumergue e Mr. Briand fixeron a súa visita a Londres estaba chea a prensa alemana de suposicións acerca do que se tramaba contra o seu país. Brian e Chamberlain non podían estar sós ningún instante sen que á súa entrevista se lle dese visos de complot contra Alemaña. No último da Sociedade de Nacións había unha cuestión realmente importante que discutir -a redución dos efectivos franceses na Renania e a evacuación eventual da rexión-. No momento preciso no que debía comeza-la discusión deste tópico Mr. Briand enfermou repentinamente e marchou a Paris. Asegúrasenos que a súa enfermidade foi auténtica pero aínda supoñendo que non o fose.- ¿É tan indispensable Mr.Briand, e é tan pouco importante o problema que non podía resolverse sen a presencia do eminente estatista francés, se as potencias desexaran sinceramente resolvelo? Mr. Poincaré aproveitou ‘diplomaticamente’ a enfermidade do seu colega para pronunciar un dos seus coñecidos discursos contra Alemaña, dun espírito completamente antagónico á política estranxeira que Mr. Briand seguíu, polo menos en aparencia.
Sir Austen Chamberlain e Herr Stressemann aproveitaron tamén a oportunidade para charlar particularmente en Xenebra durante unhas horas, sementando unha extraordinaria alarma nos circuítos políticos e xornalísticos de Francia, onde non se sabe que diabólicas ideas discutirían os dous eminentes homes de Estado, pero sospéitase que non terán nada favorable para Francia. Como se verá segue a comedia de sempre.
¿Son inconscientes, son maquiavélicos ou son sinxelamente demasiado pequenos estes grandes homes? En todo caso non se poderá negar que son perigosos. Se nun momento dado non poden domina-las forzas con que xogan e surxe outra vez a guerra, xa están preparados os microbios que nos infecten, os gases que nos asfixien e os ‘súper-cañóns’ que nos fagan anacos. Os poucos que sobrevivan arrastrarán unha existencia miserable nun mundo desfeito. ¿Pódense tratar con tanta lixeireza e falta de boa vontade problemas que poden te-las máis terribles consecuencias para a humanidade enteira?
Parecerán excesivamentente pesimistas estas apreciacións no momento en que se encontran reunidos en Xenebra os representantes das tres maiores potencias do mundo para discuti-la limitación dos seus efectivos navais. ¿Pero, cal é o verdadeiro motivo da limitación? ¿É acaso o desexo de paz? De ningunha maneira. As potencias non desexan outra cousa que limita-los seus gastos navais en tempo de paz. Os fins da conferencia son tan só económicos e non pacifistas. Mr. Coolidge quere ter un forte argumento contra o sector ‘navalista’ da opinión norteamericana limitando o número de buques, pero conservando a súa potencia naval igual á de Inglaterra e superior á de Xapón. E como tódolos gobernos teñen intereses en facer economías, chegarase sen dúbida a un acordo amistoso e realmente convinte para todos.
¿Pero pode chamarse pacifista a un convenio que permitirá a Inglaterra e ós Estados Unidos ter máis dun millón de toneladas de barcos de guerra e a Xapón maís de seiscentas cincuentamil toneladas? Paréceme que aínda con eses efectivos ‘limitados’ se poderían organizar uns combates regulares. E aínda dentro deses amplos límites é seguro que cada potencia tratará de burla-lo espírito do convenio aínda respectando a letra como sucedeu co Convenio de Wáshington.
Temos outro exemplo da falta de sinceridade no caso da conferencia económica celebrada fai pouco. Os delegados reunidos en Xenebra condenaron con palabras ben claras o actual sistema aduaneiro de Europa e expresaron a súa opinión de que a redución das tarifas era unha necesidade absoluta. Todos sabemos que as altas tarifas aduaneiras son unha das principais causas do desequilibrio económico de Europa. Poden ser en moitas ocasións un motivo de grandes inimizades entre as nacións. Os economistas máis eminentes do mundo recomendaron a redución, a súa reducción a límites razoables. Aínda así non existe a máis remota posibilidade de que ningunha nación se dispoña a poñer en práctica as recomendacións da conferencia. É dicir, que aínda nas ocasións en que unha destas reunións internacionais teñen un resultado beneficioso, as consecuencias prácticas son nulas.
Tendo presentes todos estes feitos só poderemos chegar a unha conclusión: que a paz do mundo non se pode esperar de ningunha conferencia das nacións dominadas por persoas da mesma mentalidade dos estatistas de antes da guerra, e que utilizan idénticos métodos. Algunha mellora se conseguiría na situación se os electores de cada nación se interesaran tanto nas cuestións internacionais como o fan nas de política interna. Os asuntos internacionais, tan vitais en realidade coma os nacionais, aínda se miran como se fosen campo exclusivo dos profesionais, como se non se puidesen discutir á luz do día. Crese que só os expertos poden comprender os seus misterios cando, en realidade, non son máis difíciles de entender que o dos asuntos internos e a súa complicación é precisamente froito dos métodos dos diplomáticos. Dos estatistas e das súas conferencias parece que non cabe esperar nada. Non escarmentaron. A paz só se conseguirá cando o pobo, que é a víctima, se decida a fiscaliza-la política estranxeira e cando naza en cada nación unha verdadeira repugnancia cara á guerra.
Para iso é necesaria unha rexeneración nacional, rexeneración que só poderá ser unha realidade cando evolucione a mentalidade de cada cidadán que a compón. Neste senso preséntanse síntomas que permiten ter algunha esperanza. Noutro artigo considerarémo-lo aspecto máis agradable desta triste cuestión.
P. R. Castro.